"Os peches de hoxe son os ERE do futuro"

A CIG participou na manifestación convocada por concellos afectados por peches de oficinas de Abanca
- 02 Set 2021

Dende o mes de marzo, Abanca pechou 40 oficinas en Galiza, a maioría delas situadas en zonas rurais e barrios da periferia das cidades. A entidade afonda así na exclusión financeira e na dixitalización forzosa da clientela, achandando ademais o camiño para aplicar novos despedimentos. En todos estes meses, a CIG desenvolveu numerosas mobilizacións diante das sucursais afectadas para denunciar as consecuencias laborais, sociais e económicas desta política empresarial. Por iso, este xoves, a central nacionalista apoiou e participou na manifestación que os Concellos de Zas, Cerdido, A Baña, Vimianzo e Fene convocaron na Coruña en rexeitamento aos peches de oficinas acordados por Abanca nestas localidades.

"Cando vimos que Abanca empezaba cos peches, nós tamén comezamos coas mobilizacións. A primeira foi o 1 de marzo en Celeiro e dende entón vimos mobilizándonos de continuo", lembra o secretario da sección sindical da CIG en Abanca, Clodo Montero.  Estas concentracións contaron sempre cunha importante participación da veciñanza afectada, "polo que loxicamente hoxe tiñamos que estar nesta manifestación na Coruña demandando que se manteñan os servizos á clientela e o acceso aos servizos financeiros, que fortalecen a cohesión social e territorial do país".

Preparando novos recortes

Pero Montero pon tamén o acento no impacto laboral desta política empresarial de redución drástica de oficinas. "Os peches de hoxe son os ERE do futuro", advirte, lembrando que dende a fusión e posterior venda da antigas caixas de aforro, destruíronse arredor de 8.000 postos de traballo. Unha dinámica na que a empresa parece querer continuar con novos peches, a redución de servizos e horarios de caixa (non se atende a partir das 11:00h) e forzando a  dixitalización da clientela, "para o que están metendo persoal en remoto para que realice a atención telefónica".

Consecuencia das políticas do PP e do PSOE

Se ben agora os Concellos de toda cor política asumen a defensa dos servizos financeiros e a CIG decidiu sumarse ás mobilizacións, iso non pode ser entendido coma un aval do sindicato ás posicións mantidas nos casos do PP e PSOE no proceso de reestruturación do sector financeiro.

"O que hoxe vivimos é consecuencia das políticas do PP e do PSOE no sistema financeiro. Demonizáronse e  privatizáronse as caixas de aforro, pero estas daban servizo á clientela, sobre todo en territorios onde a banca privada non tiña presenza. Pero coa privatización sempre é igual: non dar servizo e xerar beneficio para os accionistas", critica Montero.

No caso das caixas galegas, salientou, "un beneficio tremendo, xa que foron regaladas" pola Xunta de Feixoo ao banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet. Agasallos que continúan, pois este mesmo ano, o goberno galego"regaloulle a Abanca a xestión dos Fondos europeos  Next Generation, unha universidade privada e subvencións para implantar caixeiros onde pecha oficinas”.

Concentración este venres en Poio

A CIG seguirán mobilizándose contra os peches de oficinas, en defensa do emprego e polo mantemento dos servizos á clientela. Así, este venres, 3 de setembro, a central nacionalista participará na concentración convocada polo Concello de Poio contra o peche da oficina de Abanca en Campelo.