Os plenos de Ferrol e Narón aproban mocións para exixir a cobertura urxente das vacantes e a reforma integral do CAMF

Ferrol - 05 Mar 2024

Os plenos dos Concellos de Ferrol e Narón aprobaron sendas mocións en apoio ás demandas do persoal e das persoas usuarias do CAMF que levan anos denunciando as precarias condicións nas que se ofrece a atención neste centro dependente do IMSERSO pola falta de traballadoras/es e as propias deficiencias do edificio. Nas sesións plenarias tamén participaron e tomaron a palabra tanto representantes das traballadoras e traballadores como das persoas usuarias.

Nas mocións, presentadas polo BNG, os plenos instan ao Goberno do Estado a cubrir de xeito inmediato o elevado número de postos vacantes existentes, incorporar novo persoal que permita atender todas as necesidades das persoas usuarias que residen no CAMF; e dotar o centro dun equipo directivo, cubrindo as prazas de responsábeis de área.

O comité denunciaba a pasada semana a grave a situación do CAMF ao quedar sen ningunha persoa  responsábel para xestionar o centro nin as súas necesidades, tras a dimisión do director xerente o luns día 19 de febreiro -aínda que a representación social non tivo coñecemento deste feito até tres días despois-.

Advertían que a inexistencia dun equipo directivo neste momento "provoca que toda a xestión do centro estea en suspenso, o que supón que sexa moi difícil o día a día".

Ademais das cuestións relativas á falta de persoal, nas mocións tamén se exixe ao IMSERSO que acometa de xeito urxente a rehabilitación integral da instalación sobre a base dos actuais parámetros de mellora enerxética, funcionalidade e accesibilidade xunto aos medios técnicos precisos para desenvolver a súa actividade. "E tamén e promover o benestar tanto das usuarias e usuarios, como das persoas traballadoras, que están a vivir unha situación de desasosego e estrés vendo mermados os seus dereitos".