Os problemas da Área Sanitaria de Vigo non se resolven cambiando ás persoas senón as políticas

O cambio de Xerente “sería boa noticia” se viñera acompañado de vontade de pór en marcha as melloras necesarias
Vigo - 05 Xul 2019

Diante do cambio de Xerente, CIG-Saúde de Vigo manifesta que os problemas da área sanitaria de Vigo non se resolven cambiando ás persoas que executan as políticas sanitarias da Consellería de Sanidade. Fronte a isto defende que a solución pasa por realizar políticas sanitarias diferentes.

Así o sinala o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, quen recoñece que “é certo que o perfil do Xerente que deixa o cargo xeraba neste momento un rexeitamento maioritario que dificultaba calquera posibilidade de negociar unha saída ao actual conflito que afecta ás e aos profesionais da Atención Primaria”. Razón pola cal lembra que a solicitude da súa dimisión ou cese encabezaba a táboa reivindicativa da Atención Primaria.

Medidas urxentes

A Atención Primaria na Área sanitaria de Vigo está, segundo a CIG-Saúde, nunhas condicións de gravidade que non se dan noutras áreas e que precisan medidas especificas con carácter urxente.

Entre outras cuestións sinala que a posta en marcha do Hospital Álvaro Cunqueiro e a reorganización da area sanitaria, con menos recursos asistenciais dos inicialmente previstos, tamén “provocou dificultades da atención hospitalaria para dar resposta ás necesidades da cidadanía de referencia, como se demostra co mantemento das listas de espera e coas dificultades de acceso dos pacientes remitidos desde a atención primaria”.

Por iso Moreira afirma que o cambio de Xerente “só sería unha boa noticia para a nosa área sanitaria se viñera acompañado de verdadeira vontade de negociar a posta en marcha das melloras urxentes que necesitamos, que non necesitan de profundos análises nin de opinións de supostos expertos, chega con escoitar as demandas realizadas en repetidas ocasións polos profesionais”.