• Nova

Os recortes de profesorado esténdense por todos os centros e provocan a redución da oferta educativa

Redúcense optativas e apoio en Infantil e impártense ciclos con docentes doutras especialidades
Nacional - 21 Xul 2022

Como resultado da cadea de supresións de profesorado que a Consellaría de Educación está a comunicar á maioría dos centros, vanse coñecendo xa os efectos deses recortes non só a nivel laboral, cunha nova tallada ao número total de profesorado, senón tamén na propia oferta educativa.

No referente ao persoal, o continuo goteo de supresións, con absoluta ausencia de transparencia para evitar o control dos criterios empregados á hora de reducir as prazas, os postos suprimidos van implicar unha redución aínda maior das prazas que vimos neste último curso. A Consellaría vai, por tanto, no camiño contrario ao que precisa o ensino público, evitando a redución de ratios e a necesaria contratación de máis profesorado que lle demanda a CIG-Ensino.

Implantan un novo ciclo de FP pero sen persoal especializado

Dentro da desfeita programada pola Administración chama a atención o efecto que a redución de docentes vai ter no CIFP Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, no que bota a andar o novo CM de “Atención a persoas en situación de dependencia” sen ningún profesorado da especialidade debido á decisión de reducir a cota de profesorado do centro.

Un claro exemplo da mentira da Xunta cando afirma que coloca a oferta de FP como un elemento central da política educativa. A CIG-Ensino vén de solicitar á Xefatura Territorial que dea marcha atrás na decisión e garanta a impartición da nova titulación co profesorado das especialidades que correspondan.

Sen abandonar a Formación Profesional, os recortes tamén implican a transformación da oferta ordinaria en modular, como acontece, entre outros, no IES de Xove cunha medida que supón manterse na deriva de reducir a oferta de FP nas localidades fóra das cidades.

Educación Infantil, a máis prexudicada

Na vaga de recortes da que o sindicato está tendo coñecemento, sempre por parte das propias persoas afectadas ou dos centros, nunca por parte da Consellaría, Infantil é o nivel educativo con maior incidencia. Peche de aulas ou agrupamentos doutras, redución de apoios ao reducir o número de unidades… é a tónica xeral por todo o país, especialmente en vilas e zonas rurais, aínda que tamén en cidades: Betanzos, A Laracha, Brión, Teo, Ordes, Monterroso, Chantada, Lugo, Viveiro ou O Vicedo son só algúns dos exemplos. En todos estes casos perderanse postos de traballo de mestras de Infantil.

Os recortes levan á redución da oferta de optativas en Secundaria

Outro dos efectos que xa se dan coa redución de profesorado é a imposibilidade de impartir materias optativas nas que previamente había unha matrícula mínima garantida ou mesmo elevada. Tal é o caso do IES do Sar en Santiago, no que a redución dun docente implica que non poderán ofertar dous niveis de Portugués, cando existía demanda máis que suficiente do alumando.

A Orientación educativa no rural, perdida nos vaivéns da Consellaría

Tras anos de denuncia sindical pola ausencia dunha rede de Orientación que reduza a compartición de centros ou os centros adscritos, que estenda a orientación a tempo completo a máis centros que na actualidade, a Consellaría mantén os cambios na asignación de centros, sempre na liña de aumentar os centros que se teñen que atender desde un centro base para así poder reducir docentes especialistas.

A CIG-Ensino reitera a súa demanda para que se dea marcha atrás e se negocie unha rede fixa que non se vexa sometida aos cambios motivados polas ansias de reducir profesorado da Consellaría.