Os Reis Magos apoian as demandas do persoal da UCI de Adultos do Clínico

Hoxe cumpriuse a oitava semana de folga sen que desde a Xerencia lles dean solucións

Compostela -

Os Reis Magos chegaron esta mañá ás portas do Hospital Clínico de Compostela cargados de peticións para a Xerencia do centro hospitalario. As súas maxestades sumáronse ás demandas do persoal “por unha UCI de Adultos digna” e mesmo encabezaron a improvisada manifestación coa que hoxe se celebraba a oitava semana de folga. Case dous meses de mobilizacións sen máis resposta que a dilación das solucións, sen que se melloraran as condicións nas que persoal desenvolve o seu traballo ou se garantira o mínimo de intimidade para as e os doentes ingresados nesta unidade.

Como desde que se iniciou a folga os Reis e o persoal reclamaron unha UCI-A que garanta a seguridade e calidade nas prestacións sanitarias e asistenciais que se dispensan á cidadanía e que entenden que “é responsabilidade da xerente da área sanitaria de Santiago-Barbanza”.

Xunto a isto denunciaron a “irresponsabilidade” da Xerencia por incumprir a lexislación vixente “nin no que se refire a infraestruturas; nin en canto as medidas organizativas e preventivas fronte a exposición ao coronavirus; nin na formación de riscos laborais e formación en novas técnicas ou novos aparellos; nin renovación do material deteriorado ou en mal estado, así como a falta de material funxible para os distintos aparellos, falta de vestiarios e baños que cumpran a normativa”.

Nomeamentos irregulares

Ademais Xose Manuel Marcote, secretario comarcal da CIG-Saúde de Compostela denunciou, máis unha vez, que tampouco se cumpriu a normativa co nomeamento da xefatura do xefe de servizo.

O representante da CIG considerou unha “irresponsabilidade” -en plena convocatoria de folga e co persoal traballando como servizos mínimos- mover aos profesionais da UCI-A a outros servizos do hospital “sen a formación adecuada para adquirir habilidades profesionais necesarias para o exercicio das súas funcións...mesmo tendo asinado os servizos mínimos o día de folga”.

Para exemplificar a situación que se vive no hospital Marcote lembrou que “ningún/ha dos/as responsables da UPRL que acudían as reunións da Xerencia coas organizacións sindicais, continua na Xerencia de Santiago: nin xefa de servizo, nin facultativa de traballo, nin técnico de riscos”. Unha situación que considerou que “clama ao ceo”.

Interminable listado de deficiencias

O persoal dirixiuse ademais á Comisión de Centro, á Dirección de Enfermería, á Dirección de Recursos Humanos e á propia Xerencia para comunicar as deficiencias que teñen na UCI de Adultos “con roturas de stock de materiais e aparataxes moi importantes para o desenvolmento do noso traballo e fundamentais para a asistencia ás/aos pacientes”.

Así, no escrito sinalan que non hai tubuladuras para os respiradores máis usados na unidade das marcas Maquet e Mindray, necesarios para ventilar e osixenar ao paciente crítico ou que non hai, desde hai xa máis de 15 días, gomas para o aspirado de secrecións respiratorias en doente intubado, uso en drenaxes conectados a aspiración e para a realización de probas diagnósticas levadas a cabo na unidade tales como endoscopias e broncoscopias.

Aseguran que non contan con sistemas para conectar aos pacientes ás balas de óxido nítrico que, en tempos onde as enfermedades respiratorias como a Covid-19 teñen protagonismo case absoluto. “Decatámonos que contar só con dous equipos de oxído nítrico é insuficiente xa que nos últimos tempos tivemos que pedilos prestados a outras unidades”, apuntan.

Sinalan que faltan tamén batas desbotables para cumprir axeitadamente cos illamentos de contacto presentes na unidade e que hai pouca dotación de monitores de BIS (índice biespectral) xa que “están sendo fundamentais na monitorización da sedo-relaxación do paciente crítico”.

Relatan problemas respiradores novos porque non se mercaron os funxibles e para poder empregalos e non se adaptan aos antigos. Lembran ademais  que agora existen o doble de camas ocupadas nesta unidade por contar con 30 camas disponibles e que nesta tempada tiveron que pedir a outras unidades bolsas de drenaxe tipo DRAINA que sempre tiveran ao seu dispor na UCI-A, así como equipos de alto fluxo ou sistemas de alto fluxo.

Unha longa lista de problemas que pon en evidencia as condicións de traballo e as limitacións coas que se atopa día a día o persoal que agarda que os Reis Magos sexan máis receptivos que a Xerencia.

Volver