Os salarios e a covid-19

Eduardo Camín - 10 Dec 2020

A lóxica do modelo económico neoliberal dominante impuxo unha nova configuración do traballo na que o desemprego e a precariedade son o habitual, o normal, posto que o nuclear non son as persoas senón a rendibilidade

 Aos poucos o medo propagouse universalmente, e se antes nos refuxiabamos no horizonte da esperanza, agora só nos encollemos de ombreiros case con resignación e indiferenza ante a pandemia que nos goberna: segundo un novo informe da Organización Internacional do Traballo (OIT), a pandemia da covid-19 provocou que no primeiro semestre de 2020 os salarios mensuais de dúas terceiras partes dos países se reducisen ou medrasen máis devagar.

 Ademais, é probábel que no futuro próximo a crise exerza unha inmensa presión á baixa sobre os salarios. Os efectos máis adversos da crise fixéronse sentir no salario das mulleres e dos traballadores con remuneracións máis baixas.

 Ao analizar os datos, parecía observarse un aumento do salario medio nunha terceira parte dos países que facilitaran datos; porén, iso debíase á distorsión do valor medio provocada polo gran número de traballadores mal pagos que perderan o emprego e cuxos datos xa non se incluían entre os dos asalariados.

 Nos países nos que se adoptaron medidas firmes para preservar o emprego, os efectos da crise sentíronse fundamentalmente como reducións salariais, máis que como perda masiva de postos de traballo.

 O informe Mundial sobre Salarios 2020 2021 indica que a crise non afectou do mesmo xeito a todos os traballadores. As mulleres víronse máis prexudicadas que os homes. Das estimacións baseadas nunha mostra de 28 países europeos despréndese que, sen os subsidios, no segundo trimestre de 2020 a perda salarial para as mulleres sería do 8,1 por cento fronte ao 5,4 por cento para os homes.

 A crise tamén asestou un duro golpe aos traballadores con remuneracións máis baixas. Quen tiña unha ocupación de baixa cualificación perdeu máis horas de traballo que quen ocupaba un cargo directivo ou profesional mellor remunerado.

 A partir dos datos do grupo de 28 países europeos o informe explica que, sen os subsidios temporais, o 50 por cento de quen menos gaña perdería aproximadamente o 17,3 por cento do seu salario. Sen os subsidios, a contía salarial media perdida en todos os grupos sería do 6,5 por cento. Así e todo, as devanditas prestacións compensaron o 40 por cento desta cantidade.

 Segundo Guy Ryder, Director Xeral da OIT, o crecemento da desigualdade por mor da crise da covid-19 podería deixar un desolador saldo de pobreza e inestabilidade social e económica de enormes proporcións. “A nosa estratexia de recuperación débese centrar nas persoas. Necesitamos políticas salariais acaídas que teñan en conta a sostibilidade do emprego e das empresas, nas que se aborden tamén as desigualdades e a necesidade de soster a demanda”, sinalou.

 “Si queremos reconstruír pensando nun futuro mellor, tamén debemos formular cuestións incómodas, como por que con tanta frecuencia as ocupacións de gran valor social, como a de coidadores/as e persoal docente son sinónimo de soldo baixo”, engadiu.

 No Informe inclúese unha análise dos sistemas de salario mínimo, que poderían ser un factor determinante para conseguir unha recuperación sostíbel e xusta. Na actualidade, o 90 por cento dos Estados Membros da OIT ten establecida algunha modalidade de salario mínimo.

 Até antes de comezar a pandemia da covid-19 a nivel mundial, 266 millóns de persoas -o 15 por cento de todos os asalariados do mundo- percibían unha remuneración inferior á do salario mínimo por hora, xa fose a causa do incumprimento da normativa pertinente ou porque a súa ocupación estaba excluída desta.

 As mulleres son maioría entre os traballadores que perciben o salario mínimo ou unha suma inferior. “Un salario mínimo adecuado pon o traballador a salvo dunha remuneración baixa e reduce a desigualdade”, sinalou Rosalía Vázquez Álvarez, unha das autoras do Informe.

 “Porén, lograr a efectividad das políticas do salario mínimo esixe un conxunto exhaustivo e inclusivo de medidas. Significa lograr un maior cumprimento, ampliar a cobertura a máis traballadores, e establecer un salario mínimo a un nivel adecuado e ir actualizándoo, co fin de que o traballador e a familia poidan ter un mellor nivel de vida. Nos países en desenvolvemento e emerxentes, a mellora do cumprimento esixirá a transición dos traballadores desde o sector informal cara ao sector formal”, engadiu.

A hexemonía económica determina a realidade

 Será certo que un mundo de transformación seguirá reducíndose na nostálxica choromicada dun universo perdido en décadas de miseria ou na retórica do discurso do neoliberalismo conservador global? A pandemia está exacerbando as desigualdades xa existentes; desde enfermar do virus ou padecer as dramáticas consecuencias económicas.

 Dos Informes ás advertencias, a OIT pretende poñer o acento nos esquecidos de sempre, aquelas persoas cuxas dificultades se acrecentan en tempos de crises. Pero sabemos que a linguaxe é unha das ferramentas usuais para interpretar e comprender a realidade. No entanto, nos nosos días é habitual a utilización da linguaxe finxida, para controlar a forma de pensar ou lexitimar desigualdades.

 As malas condicións de traballo tamén se manifestan nos baixos ingresos. En 2019, máis de 630 millóns de traballadores de todo o mundo non gañaron dabondo para que eles e as súas familias saísen da pobreza extrema ou moderada, que se define como a situación en que os traballadores gañan menos de 3,20 dólares ao día.

 Porén, nunca na historia houbo tanta riqueza acumulada como agora. É un problema de equidade, de solidariedade e de xustiza, que se debe traducir en prioridades políticas, económicas e sociais.

 Aínda que os mercados accionarios mundiais seguen marcando récords nas súas bolsas de valores, aparentemente descontando un futuro promisorio da man da descuberta das vacinas de aínda descoñecida eficiencia contra a covid-19, a realidade económica actual e a previsible para o futuro inmediato semella ben complicada.

 Necesitamos traballo e sustento e ofrécennos emprego cada vez máis precario, cada vez máis indecente. Este é o problema por resolver. E non ten solución viábele razoando coa lóxica do lucro e o diñeiro. A lóxica do modelo económico neoliberal dominante impuxo unha nova configuración do traballo na que o desemprego e a precariedade son o habitual, o normal, posto que o nuclear non son as persoas senón a rendibilidade.

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 6 de decembro de 2020]