Os sindicatos denuncian os despedimentos arbitrarios e o clima de medo imposto pola dirección de Guidoni Quartz Surfaces

A compañía estase desfacendo aos poucos do persoal con máis antigüidade e mellores condicións
Narón - 30 Mar 2021

Representantes dos sindicatos con presenza no comité de Guidoni Quartz Surfaces (CIG, CCOO, MAS e UGT) compareceron este martes en rolda de prensa denunciar a precarización das condicións de traballo, os despedimentos e a persecución laboral que existe na fábrica de Narón dende que o grupo brasileiro se fixo coa propiedade das instalacións.

As centrais sindicais denunciaron o clima de medo instalado entre o persoal, a quen a dirección presiona de maneira constante con cambios de xornada e de posto de traballo sen comunicación previa e sobre todo, rexeitaron os despedimentos executados nos dous últimos anos "de maneira totalmente arbitraria". Uns despedimentos que, ademais, afectan na maioría dos casos a traballadores e traballadoras procedentes da antiga Privilege e que, polo tanto, teñen máis antigüidade e gozan dunhas condicións "un pouco mellores".

A empresa recoñece a improcedencia dos despedimentos

Pero ademais, salientou o secretario comarcal da FCM-CIG, Marcos Sánchez, "este persoal ten demostrado unha capacidade de loita infatigábel que fixo posíbel que a día de hoxe a planta de Narón siga en funcionamento". Por iso, con estas actuacións, os sindicatos entenden que a empresa pretende desfacerse dos traballadores/as con máis antigüidade e cambiar emprego estábel por contratos temporais e en peores condicións, afondando así na precariedade.

De feito, engadiu Sánchez, para tentar xustificar estes despedimentos, a empresa recorre a unha presunto baixo rendemento do persoal afectado "mais ao final sempre acaba recoñecendo a improcedencia da súa decisión para evitar ter que chegar a xuízo".

Malia os intentos de diálogo para corrixir esta situación, a dirección non mudou un ápice a súa actitude, polo que as centrais con representación no comité acordaron facer denuncia pública da situación que se vive na fábrica e están preparando un calendario de mobilizacións para levar ás asembleas de persoal. E tampouco se descarta a convocatoria de folga se non hai avances para normalizar as relacións laborais.

De Privilege a Guidoni

Na comparecencia, Marcos Sánchez fixo un pequeno percorrido pola historia recente desta fábrica que arranca coa entrada en liquidación no ano 2012 da antiga Privilege e a constitución ao ano seguinte de Seaquarz, sociedade  anónima laboral creada por unha parte dos traballadores/as de Privilege "que cos cartos das súas indemnizacións se fixeron coas instalacións e algunha das liñas de produción".

No ano 2014, Seaquarz foi vendida a un grupo de inversión valenciano que no seu día xa amosara interese pola planta até finalmente desembarcar na fábrica de Narón o grupo brasileiro Guidoni.  

Un traballo específico que require formación

O secretario comarcal da FCM-CIG lembrou que a planta se dedica á fabricación de taboleiros de aglomerados de cuarzo e granito e conta na actualidade con 170 empregados/as. Mais o tipo de produto que elaboran require de persoal formado, polo que despedir a traballadores e traballadoras cunha longa experiencia e capaces de formar a outros/as compañeiros/as "non parece unha práctica moi acaída, menos aínda cando dende propia empresa se queixan das dificultades para atopar persoal cualificado".