Os traballadores/as de Alcoa esixen na Delegación do Goberno medidas urxentes para paralizar o ERE

Este venres hai convocada unha xornada de folga de 24 horas na fábrica da Coruña
A Coruña - 26 Nov 2018

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa trasladaron na tarde deste luns as mobilizacións contra o peche da fábrica até a Delegación do Goberno na Coruña, cunha demanda inaprazábel: esixir do Executivo central medidas de urxencia para paralizar o ERE de extinción, garantir a continuidade dos empregos e a actividade produtiva e, dunha vez, avanzar na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e que recoñeza o estatus das empresas electrointensivas.

"Urxe tomar medidas e tomalas xa", advertía durante a protesta Julio Moskowich, membro do comité pola CIG. "O Goberno español non pode seguir agardando, ten que pór en marcha medidas inmediatas para evitar o peche da fábrica, incluída a nacionalización da empresa", aseverou. Lembra que Alcoa estivo no seu día, como INESPAL, no sector público e se a multinacional persiste na súa idea de pechar a planta da Coruña, sería na SEPI o lugar axeitado onde as instalacións se terían que reincorporar.

Ademais, apunta que, a pesar das limitacións introducidas pola reforma laboral de 2012, a lexislación laboral actual permitiría adoptar medidas para paralizar o ERE, "só fai falta ter unha vontade política que até agora non estamos percibindo". Abundando nesta cuestión, denunciou que as actuacións realizadas polo Goberno español e a Xunta de Galiza non están a altura das circunstancias que require a defensa do emprego e do tecido industrial e demostran a incapacidade de ambas as Administracións para responder as ameazas de Alcoa.

Necesidade de crear unha tarifa industrial estábel

Xunto á retirada inaprazábel do ERE, a sección sindical da CIG esixe do Goberno español que comece xa a traballar na creación dunha tarifa industrial estábel, predicíbel "e que nos permita ser competitivos". "O gran problema desta fábrica non está nin no prezo da materia prima nin na suposta obsolescencia das instalacións, está nos elevados custes da electricidade", afirma.

Neste senso, Moskowich lembra que a CIG xa lle trasladou á Xunta, ao Goberno estatal e á patronal do sector unha proposta de creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas, baixo o cumprimento dunha serie de requisitos (entre os cales está o mantemento do emprego) e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía. "É intolerábel que nun país como Galiza, que produce e exporta enerxía, periguen os postos de traballo e pechen industrias polo prezo da electricidade".

O próximo venres, 30 de novembro, os traballadores e as traballadoras van secundar unha xornada de folga de 24 horas na fábrica da Coruña. Ese día, segundo as pretensións da multinacional, está previsto que finalice o período de consultas do ERE. A representación da planta galega non recoñece o marco de negociación imposto por Alcoa, porque son dous centros de traballo diferentes e entenden que os expedientes deben ser negociados separadamente por cada un dos comités.

A empresa non acepta a mediación

Para dirimir este punto, a representación social propuxo a mediación do AGA e o pasado sábado houbo reunión coa presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais para que iniciara a tramitación do proceso. Porén, Alcoa comunicaba esta tarde a súa negativa a aceptar a mediación, dando unha mostra da escasa vontade negociadora que ten.

Así as cousas, o comité acordou asistir mañá martes á mesa convocada en Madrid "máis para comunicar, novamente, o noso desacordo co marco de negociación e esixir a retirada do ERE. Esta fábrica é viábel, ten futuro e imos loitar até o final por garantir os empregos e o mantemento da actividade produtiva".

A CIG pide que se cumpra coa declaración aprobada no Parlamento

O tempo bótase enriba e por iso, a CIG reitera o chamamento que lanzou a pasada semana á Xunta de Galiza para que dea cumprimento da declaración institucional aprobada no Parlamento galego o pasado mes de outubro, pola cal se insta á Consellaría de Industria a artellar unha fronte común política e sindical na defensa do emprego en Alcoa e dun sector estratéxico para o noso país, como é do aluminio.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, volveu emprazar a Xunta para que dea cumprimento inmediato desta declaración e que se constitúa unha mesa de traballo en Galiza (integrada por sindicatos, comités, empresas electrointensivas e institucións) "para que o Goberno galego leve a Madrid unha postura galega, igual que dende Asturias levan unha proposta asturiana, e non un posicionamento que responda unicamente á visión do PP".