Os traballadores/as de Cementos Cosmos rexeitan a oferta da empresa para pechar o convenio
Os traballadores e traballadoras de Cementos Cosmos en Oural (Sarria) rexeitaron por unanimidade a última oferta de revisión salarial presentada pola empresa para o convenio colectivo 2021-2022. A proposta é inferior ás subas salariais acordadas recentemente en convenios doutros centros de traballo da mesma empresa e incluso é máis baixa que a trasladada no mes de novembro
Por este motivo, o persoal "non pode aceptar esta proposta e a sensación xeral é de descontento, xa que non ven recompensado o esforzo realizado nos últimos anos para sacar adiante a produción da fábrica, que partía dunha situación difícil debido a un período longo de parada", explican CIG e UGT nun comunicado.
O novo convenio da fábrica de Cementos Cosmos de Oural, que pertence á cementeira Votorantim Cimentos España SA, estase negociando desde xaneiro de 2021, período no cal a fábrica foi recuperando a súa cota de produción, consolidándose como unha das plantas líder do grupo cementeiro en eficiencia enerxética, economía circular, valorización e implementación de combustíbeis alternativos.
“Isto débese principalmente á enorme implicación e sacrificios que todos os traballadores e traballadoras fixeron ao longo destes anos e semella que este compromiso co futuro desta factoría por parte do persoal non se valora por parte da dirección de Votorantim” sinalan dende os sindicatos, que perciben “un malestar en aumento e certa indignación polo trato”
Os salarios máis baixos
Neste sentido, as centrais sindicais con representación no comité denuncian que actualmente os salarios na fábrica de Oural están máis dun 20% por debaixo dos percibidos noutras fábricas do grupo cementeiro; situándose así as instalacións de Sarria como unha das fábricas integrais de cementos cos salarios máis baixos do Estado español. Até o punto de que no ano 2012, antes do cesamento da súa actividade, os salarios eran superiores aos que percibe o actual persoal, contratado a partir de 2017, ano no que a fábrica retomou a súa actividade e se produciu a revisión do convenio á baixa.
As centrais sindicais fan un chamamento á dirección da empresa a que asuma melloras substanciais nas súas propostas, de cara á poder pechar canto antes unha negociación que leva aberta ano e medio. De non producírense avances na reunión convocada para o día 29 de xuño, non descarta iniciar “mobilizacións no futuro, tal e como acordou a asemblea de traballadores e traballadoras que non están dispostos a permitír que se amplíen as diferenzas coas demais empresas do grupo e que esixen unha equiparación a medio plazo”.