O persoal de Poligal continúa recollendo apoios a prol do emprego e o futuro da actividade produtiva

Teñen convocada unha manifestación en Ferrol para o martes 12 de marzo

Narón -

Os traballadores e as traballadoras de Poligal continúan recollendo apoios institucionais en apoio á súa loita pola defensa dos empregos e a continuidade da actividade produtiva da fábrica de Narón, logo da empresa solicitar concurso de acredores con proposta de liquidación.

Durante a pasada semana, a representación social foi recibida por todos os grupos parlamentares para trasladarlle a situación da factoría e demandar un posicionamento claro na defensa do emprego. Así mesmo, o comité mantivo unha xuntanza co IGAPE (na que tamén participou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca). Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, subliña que, nestes encontros, os e as representantes políticos manifestaron o seu apoio á loita do persoal "e entenderon que hai que darlle unha solución ao conflito".

Neste senso, comprometéronse a iniciar contactos coa empresa ben a través da familia propietaria de Poligal (que pertence ao grupo Perelada) ou ben a través do CEO, Santiago Font. De feito, mañá martes está prevista unha reunión do conselleiro delegado e o Concello de Narón e o mércores outra xuntanza de Font co IGAPE.

Porén, Amado Tallón valorou que o comité continúa á espera dunha resposta á solicitude de xuntanza remitida ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, "que non pode desentenderse deste conflito, tendo en conta o seu carácter referencial na comarca, o volume de emprego que xera e as millonarias axudas públicas que recibiu a empresa dende a súa posta en marcha no ano 1991.

Así as cousas, o persoal continuará adiante coas mobilizacións para esixir a retirada do concurso e que manteñan a actividade produtiva e os postos de traballo. E xa teñen convocada unha manifestación en Ferrol para o martes 12 de marzo.

Volver