O persoal de Poligal leva as protestas en defensa da fábrica de Narón até a sede do Grupo Peralada

Viaxaron en autobús a Barcelona, onde este xoves realizan tres concentracións

Narón -

Os traballadores e traballadoras de Poligal desprazáronse até Barcelona onde este xoves realizan varias mobilizacións en defensa da continuidade dos seus empregos e da actividade produtiva na factoría de Narón. A primeira das protestas realizouse diante sede do Grupo Peralada, propietaria de Poligal, onde o persoal coreou consignas contra o peche da fábrica e esixindo investimentos á compañía catalá.

A segunda concentración produciuse na céntrica Praza de Catalunya e a media tarde os traballadores e traballadoras trasladarán a mobilización até o Casino de Barcelona, que tamén  pertence á familia Suqué.

Con esta xornada de mobilizacións, os traballadores e traballadoras queren demostrarlle á propiedade da empresa que están en disposición de dar a batalla polos seus empregos e polo mantemento da produción na fábrica matriz de Poligal. "A planta de Narón é viábel e ten futuro", reiteraron. Neste senso, cualifican de fraudulento o concurso de acredores e denuncian que decisión empresarial responde a unha deslocalización da produción a outras plantas do grupo para abaratar custes.

Ademais, denuncian que este proceso chega tras varias regulacións de emprego que adelgazaron paulatinamente o cadro de persoal, logo de aplicárselles recortes sociais e tras incumprir a empresa os compromisos de investimento na fábrica naronesa mentres investía nas súas plantas de Portugal e Polonia.

A CIG urxe a Xunta a buscar solucións

Malia todo isto, o persoal continuará pelexando e reclama da Xunta actuacións urxentes e eficaces para evitar esta desfeita industrial na comarca. Neste senso, Alberte Amado, da CIG-Industria de Ferrol, adianta que a próxima reunión da mesa técnica terá lugar o día 11 e na mesma a Administración quedou de presentar un informe máis completo sobre a situación da fábrica, incorporando as achegas da parte social. Ademais nese encontro, sinala, agárdase poder valorar xa alternativas de posíbeis inversores.

Doutra banda, no día de onte a empresa convocou a parte social, dentro do procedemento de consulta previo á formulación de EREs que recolle o convenio de industria química, para trasladarlle a información sobre o expediente. Agora a representación do persoal ten sete días para presentar o seu informe propio "e a partir de aí é moi probábel que a empresa xa presente o ERE no xulgado do mercantil".

Por iso, Amado urxiu a Xunta a intensificar os contactos coa empresa co obxecto de paralizar a formulación do ERE e a redobrar esforzos para que "esa mesa técnica realmente dea resultados e non se quede só nunha pantomima coa que o Goberno galego lave a cara neste conflito".

Neste senso, tamén criticou a pasividade do Ministerio de Industria, pois dende a reunión do pasado día 27 en Madrid co director xeral de Industria, Galo Gutiérrez, non tivemos información de ningunha das xestións que se comprometeron a realizar".

Volver