Os traballadores/as de XEAL retoman mobilizacións por un convenio digno e para esixir o rearranque dos fornos

O mércores día 10, concentraranse diante da fábrica de Brens ás 17:15 horas
Cee - 05 Nov 2021

O comité de XEAL (antiga Ferroatlántica de Cee, Dumbría e Centrais Hidroeléctricas) acordou retomar o calendario de mobilizacións semanais en resposta ás pretensións da dirección de deixar decaer o actual convenio de empresa e pasar a aplicar o convenio provincial do metal da Coruña, de condicións salariais, laborais e sociais inferiores. Deste xeito, a primeira concentración terá lugar o mércores día 10, ás 17:15 horas, diante da fábrica de Brens (Cee).

A estratexia da empresa, denuncia o comité, pasa por dilatar de xeito indefinido as negociacións até provocar a caída do convenio, valéndose de que o actual texto non recolle a ultraactividade. XEAL bota así man dun dos aspectos máis lesivos da reforma laboral de 2012 que limitou a vixencia dos convenios, unha vez caducados, a un tan só ano para recortar dereitos económicos, laborais e sociais do persoal.

Diante desta nova agresión da empresa ao dereito á negociación colectiva, o comité ten previsto solicitar unha mediación no AGA "para tentar desbloquear a situación e poder iniciar unha negociación real do convenio propio que salvagarde os dereitos do conxunto do persoal".

Recuperar a produción

Pero ademais, coas mobilizacións que comezarán a próxima semana, tamén se quere reclamar á dirección un calendario para o rearranque dos fornos, que contemple datas concretas e previsións de produción de cara ao vindeiro ano. "É de todo ilóxico e irresponsábel continuar recortando a actividade produtiva das nosas fábricas cando está medrando a demanda de ferroaliaxes no mercado internacional e cando a propia FerroGlobe (provedor e cliente único das plantas de Cee e Dumbría) requiriu que se puxeran en marcha dous fornos, que XEAL se negou a arrancar por disputas entre ambas compañías", aseveran.

Para o comité esta "é unha evidencia máis da fraude que supuxo a operación de venda argallada entre FerroGlobe e TPG-Ithaka" e que o único interese do fondo de investimentos é facerse co negocio da produción de electricidade, materializando pola vía dos feitos consumados a segregación ilegal das actividades e deixando morrer as fábricas e os postos de traballo que delas dependen.

A este respecto, o comité "demanda unha vez máis do Goberno galego, ante os manifestos incumprimentos da empresa no que ten que ver tanto coa produción como agora coas condicións de traballo do persoal tanto activo como pasivo, que declare a nulidade da operación de compra venda e revise e rescate, se procede, as concesións hidráulicas".