Os traballadores/as do naval bótanse á rúa para esixir carga de traballo e inversións
Os traballadores e as traballadoras do naval da ría de Ferrol saíron en manifestación este xoves para esixir carga de traballo inmediata e que se fagan os investimentos necesarios para garantir garantan o futuro dos estaleiros. A marcha, que partiu da porta do Esteiro e discorreu até a rotonda de Alcampo e San Xoán, forma parte do calendario de mobilizacións acordado en asemblea de cara ao 25 de febreiro, xornada na que está convocada folga xeral comarcal en Ferrol, Eume e Ortegal.
Así, a próxima semana, persoal do estaleiro de Fene e de Ferrol van realizar unha caravana de vehículos até a Delegación do Goberno e están previstas tamén paros e outro tipo de accións a desenvolver ao longo dos vindeiros días.
Ademais, esta tarde, o secretario da sección sindical da CIG en Navantia Ferrol, Marcelo Amado, participa no pleno municipal para solicitar o apoio da Corporación á demanda, que a CIG vén facendo en solitario, para que a reforma do Buque Galicia que o exército mercou para transformalo nun barco de transporte de tropas e blindados se realice en Ferrol.
Neste senso, sinala que esta obra suporía un importante volume de traballo para Carenas que permitiría paliar en parte a subactividade na que van entrar as instalacións até o inicio das fragatas F-110.
Necesidade de actualizar e ampliar as instalacións
A sección sindical apunta que o que máis urxe é dotar de carga de traballo os estaleiros, "pois temos por diante un ano e medio sen obra nova", pero advirte da necesidade de conseguir que os Gobernos fagan os investimentos necesarios para actualizar e ampliar as instalacións "porque isto é o que o nos vai permitir ter carga de traballo no futuro, competir nos mercados e acceder a novos negocios".
Neste senso, critican a clara determinación por parte da dirección de Navantia "de eliminar ou minimizar Carenas, Turbinas e incluso en Eólica cinxirse a traballos de menor entidade e menor valor engadido nos que a empresa ten unha participación tecnolóxica ridícula". E nesta liña, volveron reivindicar a construción do dique cuberto xa que é unha infraestrutura imprescindíbel para dotar de futuro as instalacións, pero para a que non se recolle nin unha soa partida nos orzamentos do Estado para 2021.