Os traballadores de Alcoa na Coruña secundan a folga contra o peche da fábrica

O persoal levou as mobilizacións até a planta da multinacional do aluminio en San Cibrao
A Coruña - 30 Nov 2018

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa están secundando este venres unha xornada de folga de 24 horas contra as pretensión da empresa de pechar a fábrica e aplicar un ERE de extinción a todo o cadro de persoal. Con motivo do paro xeral (que comezou ás 22:00 horas do xoves), un grupo formado por máis de cen traballadores da Coruña viaxaron de madrugada até a planta que a multinacional do aluminio ten en San Cibrao, para trasladar até alí as súas protestas contra o despedimento colectivo e demandar a creación dunha tarifa para a industria electrointensiva estábel e con variacións predicíbeis.

O persoal permaneceu concentrado ás portas da fábrica da Mariña, a onde chegaron por volta das 07:00 horas, até preto das tres da tarde, para facer coincidir a protesta co horario laboral de entrada e saída. Na súa reivindicación, os traballadores/as da Coruña estiveron acompañados/as polo comité da fábrica de San Cibrao, que lle quixo trasladar así o seu apoio e solidariedade.

A CIG , en desacordo co marco de negociación

A convocatoria da folga fixérase coincidindo coa remate do período de consultas do ERE, que finalmente se alongará un mes máis tras a constitución da mesa de negociacións en Madrid o pasado martes. Nesa reunión, á que o comité da Coruña acudiu logo de esgotar todas as vías pertinentes e tras a negativa da multinacional a someterse a unha mediación, a representación da CIG reiterou (e así o fixo constar) a súa oposición ao marco negociador imposto pola empresa.

Os delegados da CIG defenden que as fábricas da Coruña e Avilés son dous centros de traballo diferentes, con cadanseu comité, polo que debe ser en cada unha das fábricas onde se negocien os expedientes. En todo caso, reiteraron a súa oposición ao ERE de extinción formulado por Alcoa e á xustificación dada pola empresa referente á suposta obsolescencia das instalacións e ao prezo da materia prima. "O gran problema desta fábrica é o custe da enerxía", aseveran.

Necesidade dunha tarifa industrial estábel

Coa vista na reunión da mesa do vindeiro martes en Madrid, volven demandarlle á empresa que retire o expediente de despedimento colectivo. Unha reivindicación que cobra máis forza se cabe co cambio de escenario producido tras a publicación da convocatoria da poxa do sistema de interrompibilidade para mediados de decembro (na que Alcoa xa anunciou que vai concorrer coas tres plantas que ten no Estado español).

Porén, fronte á "ruleta rusa" que supón o actual sistema de adxudicación da electricidade bonificada, a sección sindical da CIG insta aos gobernos a traballar de maneira urxente nunha reforma do sistema eléctrico que garanta un prezo estábel e con variacións predicíbeis, e que recoñeza o estatus das empresas electrointensivas. Hai que lembrar que a CIG xa trasladou o pasado mes de outubro ao Goberno español, á Xunta e á patronal do sector unha proposta para a creación dunha tarifa industrial neste sentido. Sería un auténtico delito permitir que nun país como Galiza, produtor e exportador de electricidade, pecharan empresas e se destruíran postos de traballo por non poder ter un prezo da enerxía máis baixo.