Os traballadores de Hércules de Armamento esixen participar en todas as reunións nas que se aborde o futuro da fábrica de armas

O comité convoca unha concentración o martes 15 de xaneiro na Delegación do Goberno
A Coruña - 11 Xan 2019

O comité de Hércules de Armamento vén de remitir escrito ao secretario de Estado de Defensa para trasladarlle o malestar que existe entre os traballadores das instalacións pola súa exclusión da reunión que terá lugar o vindeiro 16 de xaneiro en Madrid para tratar o futuro da concesión da fábrica de armas da Coruña. A representación social lembra que na fábrica hai nestes momentos un cadro de persoal composto por 62 traballadores/as, con contrato en vigor, e un comité de empresa constituído, "que o Ministerio de Defensa ignora de maneira permanente".

Neste senso, denuncian que o persoal nin sequera foi informado da convocatoria desa xuntanza, "da que tivemos coñecemento a través dos medios de comunicación", e á que, segundo esas mesmas novas, están convidadas distintas administracións galegas, a Delegación do Goberno e "antigos traballadores" da anterior concesionaria, General Dynamics.

"Como representantes legais dos traballadores e traballadoras en activo temos dereito ineludíbel a ser actores principais en calquera foro no que se fale de posíbeis alternativas de futuro para as instalacións. É indignante que se nos queira ningunear deste xeito", denuncia o comité.

Diversas solicitudes de reunión non atendidas

Subliñan que esta situación non é nova, xa que a Secretaría de Estado recibiu noutras ocasións a esa representación de "antigos traballadores/as (con vinculación a UGT) que non ten nada que ver co cadro de persoal actual, nin ten presenza no comité de empresa. Así llo trasladamos ao Ministerio por escrito o pasado mes de xullo, sen que foramos convocados a ningunha desas reunións".

Abundando nesa "liña discriminatoria", engaden, a Delegación do Goberno tampouco atendeu as peticións de xuntanza remitidas o 2 de xullo e o 6 de setembro, "mentres se estaba reunindo con representantes de UGT para tratar a situación actual de Hércules de Armamento, segundo as declaracións realizadas polo propio delegado. Como continuación destes despropósitos, a subdelegada do Goberno visitou as instalacións da fábrica en novembro sen entrevistarse tampouco coa representación dos traballadores/as".

Para o comité de Hércules de Armamento estamos ante unha clara actuación partidista, polo que esixen do Ministerio de Defensa que convoque a representación legal dos actuais traballadores/as da fábrica a todas cantas reunións afecten ao futuro da concesión da fábrica de armas da Coruña.

Concentración o martes 15 de xaneiro

O comité convocou unha concentración para o vindeiro martes, 15 de xaneiro, ás 11:00 horas, diante da Delegación do Goberno, para demandar solucións ao Goberno español, á Xunta de Galiza e á dirección de Hércules de Armamento para a posta en marcha dun plan para garantir os postos de traballo, o pago dos salarios e o mantemento da actividade produtiva na fábrica de armas.