Os traballadores de mantemento de Navantia seguen coas mobilizacións en demanda dun novo prego

Este venres cortaron o acceso ao estaleiro de Ferrol e a próxima semana farán folga todos os días

Ferrol -

Os traballadores de mantemento de Navantia continúan co calendario de mobilizacións para esixir da empresa naval que paralice o proceso de licitación aberto e negocie un novo prego de condicións no que, a fin de garantir os dereitos do persoal,  participe o comité da UTE Tecman-Rayma. Dentro das accións previstas, o persoal cortou o acceso ao estaleiro de Ferrol dende primeira hora da mañá, o que provocou retencións no tráfico até pasadas ás 07:00 horas, e a próxima semana teñen convocada folga de 24 horas todos os días.

A representación social reitera que a decisión de Navantia de dividir o contrato e limitar o acceso aos lotes forma parte dunha estratexia para eliminar o comité e desfacer un cadro de persoal caracterizado pola súa combatividade e capacidade de resposta, xa que, de manterse as condicións actuais, os 56 traballadores con dereito a subrogación non poderán permanecer na actual UTE nin pasar en bloque a outra compañía.

Neste senso, subliñan que non existe  outra xustificación para este fraccionamento do contrato, que non se dá noutros centros de traballo de Navantia. Non cómpre perder de vista que en setembro de 2019, o persoal do mantemento de Navantia na Ría de Ferrol mantivo unha dura folga na defensa dos 15 compañeiros que Indasa e a UTE Tecman-ElectroRayma pretendían despedir de xeito completamente irregular "e en represalia por ter esixido o cumprimento do noso convenio".

Uns despedimentos que se conseguiron paralizar grazas a determinación e loita do conxunto do persoal "algo que a dirección de Navantia e a nosa empresa non están dispostos a consentir".

"Temos moi claro que o feito de que sexan entre 5 e 8 empresas as que se ocupen do mantemento vai empeorar o servizo, xa que se precisará un nivel de coordinación entre elas que vai ser imposíbel de levar adiante. Ademais, probabelmente a maioría desas compañías formen parte da mesma agrupación empresarial que xestiona agora o contrato (ElectroRayma e Intaf), polo que aínda resulta máis inxustificábel esta fragmentación", aseveran.

Por iso, continuarán adiante coas mobilizacións até lograr que Navantia recúe na súa decisión, paralice a licitación e saque un novo prego que respecte os dereitos que tanto lle custou conquistar ao persoal das auxiliares.

Volver