O persoal de mantemento do elevador de San Pedro logra data de reunión coa Concellaría tras ocupar as oficinas hora e media

A responsábel de Infraestruturas recibiraos a próxima semana

A Coruña -

Despois de permanecer durante hora e media nas oficinas da Concellaría de Medio Ambiente e ameazar con prolongar o súa estancia nas dependencias municipais indefinidamente, os traballadores de mantemento do elevador panorámico da Coruña lograban que a responsábel de Medio Ambiente e Infraestruturas, Esther Fontán, concretara a data de reunión pola que levan agardando dúas semanas, que quedou fixada para o vindeiro xoves, día 9, ás 09:30 horas.

Os traballadores solicitaran esa reunión hai tempo para abordar as deficiencias do elevador e as irregularidades en materia de prevención e mantemento que está a cometer a empresa concesionaria, Talent Orbis. Ernesto López Rei, responsábel de saúde laboral da CIG da Coruña, explica que dende o gabinete da Concellería se fixou unha data "pero cando chegamos alí para ter a reunión dixéronnos que estaba prevista para outro día e que a concelleira non nos podían atender".

Quedaron entón, engade López Rei, de concretar outra cita, "pero transcorridas dúas semanas seguimos sen ter noticias". Por iso, hoxe acordaron ir até a Casa da Auga e manterse nas dependencias da concellería até seren recibidos ou fixar un día de reunión. "Até este punto chega o desleixo do Concello pola seguridade destes traballadores que nos vemos na obriga de ter que ocupar as oficinas para que nos dean unha reunión", denuncia.

Cómpre lembrar que o pasado mes de agosto os tres traballadores do elevador de San Pedro estiveron en folga para demandar a retiradas das sancións inxustas impostas pola empresa, esixir melloras na seguridade estrutural do propio elevador e denunciar a falta de medidas de prevención, protocolos e procedementos para o persoal.

A folga foi desconvocada tras a concesionaria retirar as sancións e introducir algunhas das melloras demandas. Porén, apunta o representante da CIG, "a día de hoxe aínda quedan moitos problemas sen solucionar e iso é o que queremos tratar co Concello da Coruña, como responsábel desta infraestrutura e titular da concesión, xa que está en risco tanto a seguridade dos traballadores como dos usuarios e usuarias".

Volver