Os traballadores de Valoriza Auga cumpren unha semana en folga polo seu convenio

O persoal trasladaralle unha nova proposta á empresa para desbloquear a negociación

A Coruña -

Os traballadores de Valoriza Auga cumpren este luns unha semana en folga indefinida en demanda dun convenio que lles permita recuperar os dereitos e os salarios perdidos dende o ano 2010. A pesar do seguimento masivo do paro, até o momento non se produciu ningún contacto formal coa dirección da empresa. Por iso, dende a representación social instan á EMALCSA e ao Concello da Coruña a incrementar a presión sobre Valoriza para desbloquear o conflito e poder chegar a un acordo.

O persoal volveu levar as súas reivindicacións esta mañá até a Casa da Auga, onde puxo en evidencia as consecuencias que podería traer un conflito prolongado no servizo de mantemento da rede de sumidoiros, especialmente agora que teñen comezado as choivas fortes. "Se non se avanzan solucións, podería haber problemas de anegamentos e desbordamentos dos sumidoiros", apuntou o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.

Contactos institucionais

Os traballadores acordaron iniciar unha rolda de contactos institucionais con todos os grupos municipais para explicar os motivos da folga e demandar a súa implicación. Así, o persoal xa mantivo a pasada semana unha xuntanza coa voceira do BNG e para este mércores está prevista unha reunión coa representación do PP.

Por iso, e co obxectivo desbloquear a negociación, a representación dos traballadores vai trasladar hoxe mesmo á dirección da empresa unha nova proposta para a sinatura do convenio colectivo, que rebaixa algunhas das reivindicacións económicas, mais que permitiría recuperar os dereitos perdidos. "Como sempre dixemos, nós si temos vontade de diálogo, e ante a falta de movementos da empresa, presentámoslle esta oferta para pechar definitivamente o novo convenio", afirma.

Neste senso, Filgueira insiste na importancia de que EMALCSA e o Concello da Coruña intensifiquen esforzos para presionar a Valoriza, xa que "se existe unha mediación no conflito por parte da empresa de augas e do Goberno municipal, por agora non parece estar dando resultados".

Conxelación salarial dende 2010

Os traballadores, que mañá, martes 27, continuarán coas protestas diante de EMALCSA, lembran que Valoriza Auga mantén paralizada a negociación ao pecharse en banda cunha proposta salarial que non garante o poder adquisitivo perdido ao longo destes oito anos. "Os traballadores seguen cobrando o mesmo que en 2010, pero neste tempo a empresa obtivo importantes beneficios, xa que o durante o anterior mandato, o goberno municipal incrementoulle até nun 56% o prezo pola hora de servizo", subliñan.

O prezo da vida subiu un 7.3%, pero os soldos dos traballadores son os mesmos que no ano 2010"

 Nestes anos, engaden, a concesionaria tamén veu como se lle aplicaban as subas correspondentes ao incremento do IPC, mentres os soldos do persoal seguen conxelados. "O prezo da vida aumentou un 7.3%, pero as retribucións dos traballadores son as mesmas que en 2010. Ano a ano somos máis pobres", denuncian.

A este respecto, Filgueira afirma que os salarios reais nin sequera se corresponden cos que figuran no prego da concesión, xa que están un 20% por debaixo das táboas publicadas. Con esta evidencia na man, "preguntámonos a quen beneficia esta falsidade e quen é responsábel desta situación?".

Volver