Os traballadores de Valoriza Auga farán cinco xornadas de folga no mes de outubro

Os días 2, 3, 10, 11 e 31 realizarán paros laborais de 3 horas por quenda
A Coruña - 25 Set 2018

Tras do éxito da xornada de folga da pasada semana e ante a falta de avances coa empresa, os traballadores de Valoriza Auga acordaron continuar adiante cos paros e as mobilizacións na defensa dun convenio digno. Deste xeito, na asemblea celebrada a pasada semana, o persoal aprobou un calendario de protestas que inclúen 5 xornadas de folga no mes de outubro, que se efectivizarán en paros laborais de 3 horas por quenda de traballo.

Os paros realizaranse os días 2 e 3 de outubro, o 10 e 11 de outubro e o 31 de outubro en horario de 08 a 11h para  a quenda da mañá e de 16 a 19h na quenda da tarde. Ademais está previsto que durante o tempo da folga se realicen concentracións para dar máis visibilidade ao conflito.

Desbloquear a negociación do convenio colectivo

Con este calendario de mobilizacións, os traballadores queren presionar a Valoriza Auga para que desbloquee a negociación do convenio, que se vén alongando dende o ano 2015, sen que até o momento a empresa presentara unha proposta que permita recuperar os salarios perdidos nos últimos anos. Cómpre lembrar que o persoal que se encarga do mantemento da rede de sumidoiros ten os salarios conxelados dende 2010 e cobra un 20% menos do marcada no actual prego de condicións. No outro da balanza, neste tempo Valoriza Auga incrementaba os seus beneficios grazas a suba do prezo/hora que cobra polo servizo.

Ante a convocatoria de mobilizacións a única resposta da empresa foi propor unha mediación no AGA "para tentar xustificar unha vontade negociadora que non ten e co claro obxectivo de desmobilizar e gañar tempo", apunta o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira. "Dicimos isto, engade, porque dende a representación social pedíuselle á dirección que retirara as sancións impostas a varios traballadores para aceptar esa mediación, mais até o de agora a empresa nin retirou as sancións nin avanzou no proceso diante do AGA".  

Reiteran o chamamento ao Concello da Coruña

Neste senso, Filgueira tamén reiterou o chamamento a EMALCSA e ao Concello da Coruña para que interveñan neste conflito, máis alá de decretar os servizos mínimos. "O Goberno municipal non pode permitir que unha empresa privada teña secuestrada a negociación colectiva e os salarios dos traballadores/as dun servizo público", asevera. "O Concello ten que implicarse na defensa dos dereitos destes traballadores e non pórse do lado dos intereses dunha empresa que só busca tirar beneficios a conta dos cartos públicos".