Os traballadores de Valoriza rematan o ano en folga para reivindicar un convenio digno

Están en paro indefinido dende o pasado 19 de novembro
A Coruña - 28 Dec 2018

Os traballadores de Valoriza Auga van rematar este 2018 mantendo unha folga indefinida que comezou hai xa máis dun mes en reivindicación dun convenio digno que permita recuperar os salarios perdidos nos últimos oito anos. Con forza e vontade de loita, o persoal está disposto a manter a presión até que a empresa asuma as reivindicacións sociais.

Seguir a folga é súa reposta á última proposta trasladada por Valoriza, que foi rexeitada pola asemblea de traballadoras, xa que a empresa pretende ir a un convenio de cinco anos (cando a contrata finaliza en 2019) que non permite a recuperación real do poder adquisitivo perdido ao longo destes anos de conxelación salarial.

A oferta de Valoriza sitúase así aínda moi lonxe da plataforma da parte social, que reivindica un convenio a tres anos e un incremento do 6% para 2018, o IPC real +0.75% para 2019 e IPC real +1% para 2020. Xunto a isto demándase a reincorporación dos dous compañeiros eventuais aos que a empresa cesou en pleno conflito en represalia pola súa participación na folga.

A empresa concursou á baixa

Hai que lembrar que Valoriza resultou adxudicataria do actual contrato presentando unha oferta á baixa (que tivo que xustificar na mesa de contratacións), logo de que o Concello lle incrementara até nun 42% durante os tres anos anteriores o prezo/hora que paga polo servizo, porque a adxudicataria alegaba que non lle chegaba para cubrir os custes. "O que non pode ser é que Valoriza pretenda agora que sigan sendo os traballadores quen asuman o custe de ter conseguido o contrato tirando os prezos. Estamos falando dunha empresa que pertence a unha multinacional como Sacyr, que ter uns beneficios anuais millonarios", asevera o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira.

A este respecto, Filgueira pon o acento en que moitos dos traballadores que se encargan do mantemento da rede de sumidoiros da Coruña teñen uns salarios que non chegan aos 1.000 euros, e iso a pesar de que desenvolven o traballo en condicións de penosidade, traballan fins de semana e festivos, teñen que facer gardas, etc.

Intensificar as xestións

Neste senso, apela unha vez máis a EMALCSA e ao Concello da Coruña para que sigan realizando xestións e aumenten a presión sobre a empresa, "xa que os contactos que tiveron até o momento non se traduciron en solucións".

Mentres non se avanzan nas negociacións, os traballadores continuarán coas mobilizacións diarias ben diante de EMALCSA, ben diante das oficinas de Valoriza no paseo marítimo, para esixir un convenio digno e con dereitos.