Os traballadores do COR de Naturgy mobilízanse no Concello da Coruña contra o peche das instalacións

Con motivo da declaración institucional en apoio ás súas reivindicacións

A Coruña -

Os traballadores do Centro de Operación de Rede de Naturgy da Coruña concentráronse este xoves na Praza de María coincidindo coa declaración institucional lida no pleno municipal en defensa do continuidade das instalacións e dos empregos. Cómpre lembrar que a eléctrica, que explota aproveitamentos hidráulicos, ten parques eólicos e que está conseguindo novos MW en enerxías renovábeis na Galiza, anunciou a clausura deste centro e o traslado dos seus 27 traballadores a centos de quilómetros ou, no caso de non aceptar, ir ao desemprego.

A decisión de Naturgy afonda no desmantelamento industrial e na destrución de emprego cualificado e de calidade en Galiza e chega ademais en pleno proceso de transición enerxética (capitaneado polas eléctricas), sen que haxa políticas públicas que senten as bases dun novo modelo.

Por iso, a CIG reclama a Naturgy que dea marcha atrás nesta medida e manteña o centro de operacións na Coruña, xa que o peche destas instalacións pon en risco tamén a seguridade e a garantía do subministro, tendo en conta a posición prioritaria desta compañía no mercado eléctrico galego, tanto na produción como na distribución.

De igual xeito, a CIG denuncia a pasividade coa que a Xunta asiste a este proceso, tanto no caso do peche do COR da Coruña como no traslado do centro de operación de conca (COC) que Iberdrola ten no Concello da Rúa. E reclama ao Goberno galego unha intervención decidida contra estas actuacións empresariais para que a riqueza que se xera a conta de explotar os recursos do noso país reverta no mantemento do tecido produtivo e do emprego, e no desenvolvemento económico e social da nosa terra.

Volver