Os traballadores do transporte de residuos de SOGAMA, en folga indefinida, manifestaranse o día 27 en Ordes

Manterán a folga mentres non se garantan as condicións laborais e se readmita aos despedidos

Santiago de Compostela -

Dende o luns 15 de abril, os traballadores e traballadoras do transporte de residuos sólidos urbanos de SOGAMA están en folga indefinida contra a precariedade e o acoso laboral e para esixir a readmisión dos oito compañeiros despedidos. Para avaliar a marcha da folga e anunciar as novas accións que se van realizar nos vindeiros días, esta mañá compareceron en rolda de prensa, o presidente do comité, Manuel Regueiro, o secretario do comité de Seguridade e Saúde, Xosé Ramón Montero, e o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón.

» COPASA pretende atallar o conflito no transporte de residuos de SOGAMA chantaxeando o persoal

Na rolda informouse da convocatoria dunha manifestación para o vindeiro sábado 27 de abril, en Ordes, que sairá ás 11:00 horas do Polígono Industrial, e na que se animou a participar a toda a veciñanza, xa que a maioría dos traballadores e traballadoras do transporte de SOGAMA proceden desta comarca. "Non nos van sacar da rúa mentres non se solucione o conflito", advertiron. Unha solución que, engadiron, pasa pola readmisión do persoal despedido, a unha mellora das condicións laborais e o cese das presións.

Neste senso, apuntaron que a responsabilidade neste conflito non está na subcontrata que realiza o servizo, a empresa Transportes Pacholo, que hoxe mesmo anunciou a súa renuncia, senón na UTE adxudicataria do contrato e no deseño de contratas feito co conivencia da Xunta e SOGAMA, que só ten como obxectivo sacar máis beneficio a conta de reducir salarios e deteriorar as condicións de traballo.

Precarización das condicións laborais

Manuel Regueiro fixo un repaso pola orixe do conflito -que se vén arrastrando dende a anterior contrata, xa que SOGAMA non introduciu o dereito á subrogación nas plicas do contrato-, así como da situación laboral que se vive en Transportes Pacholo, empresa que realiza o transporte de residuos pero que está subcontratada pola UTE que gañou o concurso no ano 2016 (formada por COPASA, RENFE e LOGITRAIL). O presidente do comité subliñou o  que dende o primeiro momento COPASA subcontratou o servizo con Transportes Pacholo, unha empresa 'pantalla' do Carballiño, sen experiencia no sector e que naquel intre estaba en concurso de acredores.

"Nese momento comezaron as presións e a precarización do noso traballo, con rebaixas salariais incluso do 40%", denunciou. Iniciouse entón un longo proceso xudicial que rematou co recoñecemento da súa condición de persoal subrogado e, polo tanto, o dereito a manter as condicións que tiñan antes do cambio de contrata. Porén, isto xerou unha distinción entre os/as traballadores/as que viñan subrogados/as e o persoal de nova contratación "que ten unhas condicións totalmente precarias, salarios máis cativos e unha xornada anual superior".

O conxunto do persoal actuou contra esta inxustiza e como escarmento, a empresa despediu a oito traballadores. "Pero non imos consentir este abuso, convocamos unha folga indefinida que estamos en disposición de continuar o tempo que sexa necesario. E a empresa, se quere, pode solucionar o conflito moi facilmente", recalcou.  

Falta de medidas de seguridade e problemas ambientais

Pola súa banda, Xosé Ramón Montero referiuse ás condicións nas que se presta o servizo de transporte de residuos de SOGAMA, centrándose nas cuestións de seguridade e saúde laboral. Denunciou que dende a entrada da nova UTE, o mantemento dos contedores "é nulo", ao igual que ocorre co mantemento dos camións, plataformas ou remolques. Estas eivas foron denunciadas en numerosas ocasións diante da empresa "que se xustifica dicindo que fai o que pode".

As condicións dos vehículos e a maquinaria son tan precarias, engadiu, que nin sequera se lles facilitou o manual de instrucións de ningún equipo de traballo "porque nestes recóllese todo o mantemento que a empresa sabe que ten que facer, pero que non está realizando". Xunto a isto, salientou que o traballo relacionado cos residuos require dunha roupa de traballo adecuada "que non temos".

Montero falou tamén da problemática ambiental dos vertidos, sinalando que hoxe mesmo rexistraron un escrito dirixido ao presidente de SOGAMA para que se involucre directamente nesta cuestión "e saiba como está traballando a empresa á que contratou a Administración pública". Nas plantas de transferencia, explicou, ten que haber unha balsa de recollida dos lixiviados que verten os contedores, "mais nas poucas que hai, están totalmente inutilizadas; faltan depuradoras e os lixiviados moitas veces van directamente á rede de sumidoiros pública; e mesmo se presiona aos traballadores/as para que transporten os contedores aínda que vaian vertendo pola estrada. A nós isto non nos parece de recibo e non o imos consentir", afirmou.

A Xunta abandona o persoal ao impor uns servizos mínimos abusivos

Na comparecencia, Inácio Pavón criticou con dureza a falta de implicación da Xunta de Galiza neste conflito, que quedou plenamente demostrada cos servizos mínimos impostos pola Consellaría de Medio Ambiente, "ao ditado do que lle mandou a empresa". Neste senso, denunciou que os servizos mínimos están fixados sobre o total do cadro de persoal e non sobre o número de traballadores/as que presta servizos en cada quenda (hai que ter en conta que un terzo do persoal libra cada día), "de maneira que mínimos superan o número de traballadores que hai nun día normal".

Malia as alegacións presentadas, a Xunta impuxo uns mínimos que inviabilizan o exercicio do dereito á folga. Esta, salientou Pavón, é unha das razóns polas cales nesta folga o persoal está centrando as súas reivindicacións nos actos políticos nos que participan o presidente da Xunta e a conselleira, "que teñen deixado os traballadores desamparados diante dunha empresa sen escrúpulos (Transportes Pacholo) e a UTE, que é quen toma realmente as decisións".    

A este respecto, Pavón alertou que COPASA está introducindo no servizo novas empresas que fan o mesmo traballo que Pacholo, coa intención de ir substituíndo ao persoal actual por outro novo en peores condicións e rebaixando aínda máis as medidas en materia de seguridade e saúde laboral. Estas empresas, que cualificou de piratas, estarían ademais facendo un papel de boicot da folga. Por iso culpabilizou a Xunta e a SOGAMA do conflito, que xorde do deseño de contratas argallado pola empresa adxudicataria co conivencia da Administración.

Reunión no Consello Galego de Relacións Laborais

Para este mércores tamén está convocada unha xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais á que a representación social acude sen moita expectativa logo de que a empresa frustrara calquera achegamento na reunión do pasado luns, ao negarse de plano a abordar a readmisión dos traballadores despedidos.  

Protestas nos actos de campaña do PP

Tal e como tiñan advertido, os traballadores e traballadoras están levando as súas reivindicacións a todos os actos de campaña do PP nos que participan Núñez Feijoo ou a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, coa intención de obrigar así a Administración a ter unha implicación directa neste conflito. Así, o martes, o persoal mobilizouse pola mañá en Moaña e pola tarde trasladouse até Xinzo e Verín onde demandaron a Feijoo "menos propaganda e máis solucións".

Volver