Os traballadores do transporte de RSU marchan a pé desde Mesón do Vento até as instalacións de Sogama

Levan 39 días en folga indefinida, sen que se lle dera solución ao conflito

Ordes -

Os traballadores do transporte de Residuos Sólidos Urbanos protagonizaron esta mañá unha marcha a pé de 6 quilómetros, desde o Mesón do Vento até as instalacións de Sogama no concello de Cerceda. Levan, a esta altura, 39 días en folga indefinida, sen que, polo momento se lle dera unha solución ao conflito, que pasa pola readmisión dos 8 compañeiros despedidos e a fin das represalias.

 

A marcha foi convocada para evidenciar os incumprimentos en materia laboral e medio ambiental da subcontrata do transporte de residuos e para denunciar os despedimentos que a empresa decidiu efectuar contra os traballadores que os denunciaron.

O persoal demanda a intervención de Sogama e a consellaría de Medio Ambiente, porque entende que desde a administración non se pode permitir que se dean incumprimentos deste tipo nunha empresa pública. Máis cando foi precisamente por reclamar que non se produciran polo que a empresa concesionaria optou por represaliar ao persoal, o que levou á convocatoria desta folga indefinida.

Xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais

A próxima semana celebrarase unha xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais, para a que o comité de folga, en representación dos traballadores, demanda a implicación real da consellaría e do propio Presidente de Sogama, para rematar cun conflito que está afectando ao servizo, ao teren contratado para realizalo a empresas sen experiencia, nin as medidas de seguridade axeitadas.

 

Ademais, todos os grupos parlamentarios da oposición asinaron unha solicitude conxunta para que compareza, na Comisión de Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino, presidente de Sogama, en relación á folga dos traballadores e aos incumprimentos en materia laboral e medioambiental que se están producindo neste servizo.

Pola súa banda o comité de empresa denuncia que as empresas públicas están contratando subcontratas para abaratar os custo en detrimento das condicións laborais.

Xuízo por vulneración do dereito á folga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza fixou para o vindeiro día 27 de xuño o xuízo por vulneración de dereitos fundamentais, nomeadamente o dereito á folga, pola contratación doutras empresas para facer o traballo dos folguistas.

Volver