O persoal de Noa Madera Creativa irá á folga en defensa dos empregos e o mantemento da actividade na fábrica de Fene

O paro desenvolverase o 19 de decembro e irá acompañado dun calendario de mobilizacións

Fene -

O pasado sábado, os traballadores e traballadoras de Noa Madera Creativa acordaban a convocatoria dunha xornada de folga para o próximo xoves, 19 de decembro en defensa dos empregos e dos dereitos laborais. Así mesmo, na asemblea celebrada na casa da cultura de Fene tamén se aprobou un calendario de mobilizacións a levar adiante nos vindeiros días.

A folga e as mobilizacións enmárcanse dentro do conflito laboral existente en Noa Madera Creativa en resposta á intención do Grupo Malasa, propietario da empresa dende a súa adquisición hai algo máis dun ano, de precarizar condicións laborais e desfacerse do persoal.

Traslado da Oficina Técnica

Comité e  persoal opóñense á decisión de trasladar a Oficina Técnica ás instalacións que Malasa ten en Cerceda, xa que isto suporá a desaparición de máis de 40 postos de traballo na planta de Noa no Concello de Fene.

Hai que lembrar que dende finais do mes de novembro xa lle foron entregadas cartas de traslado a parte dos traballadores e traballadoras da Oficina Técnica, e que tras unha reunión mantida o pasado venres entre comité e a propiedade do Grupo Malasa, corroborouse a intención do desmantelamento deste departamento.

A representación social destaca tamén que o desmantelamento da Oficina Técnica e as decisións do Grupo Malasa "xa tiveron, teñen e terán consecuencias sobre o emprego en moitas outras empresas da comarca das que Noa Madera Creativa era un dos seus principais clientes". Por iso, fixeron un chamado á solidariedade de toda a comarca para que participen nas mobilizacións que se convoquen esta nova perda de postos de traballo

Unha vez máis, o comité denuncia a actitude do Grupo Malasa "de querer precarizar as condicións de traballo en Noa Madera Creativa achegándoas así as que xa aplica no resto de empresas do grupo. Non hai que perder de vista que nada máis facerse coas instalacións de Fene, Malasa xa intentou  desfacerse de 100 traballadores e traballadoras mediante un ERE fraudulento.

Volver