O metal en loita: o persoal maniféstase polas rúas de Ourense en demanda dun convenio digno

CIG-Industria subliña que a participación na folga indefinida iniciada o 5 de outubro "cada día é máis ampla"
Ourense - 11 Out 2022

Unhas 1500 persoas manifestáronse na tarde do luns polas rúas de Ourense en demanda dun convenio colectivo digno para os traballadores e traballadoras do metal da provincia e para demandar da patronal que abandone as súas posturas inmobilistas e desbloquee a negociación colectiva.

"A participación tanto na folga como nos piquetes e as mobilizacións cada día é máis ampla", subliñaba ao inicio da manifestación o secretario da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, quen valorou moi positivamente o resultado da folga indefinida que arrancou o pasado 5 de outubro (e á que hai que sumar as dúas xornadas previas dos días 28 e 29 de setembro).

Gómez apuntou ao seguimento maioritario que está rexistrando á folga entre o persoal do sector, polo que apelou á patronal do metal "a tomar nota, sentar negociar con afán real de chegar a acordo e deixarse de boicotear a negociación". Denunciou que dende o inicio da folga só se produciu unha xuntanza entre as partes na que, ademais, as asociacións empresariais presentaron "unha oferta peor que a que nos tiñan trasladado antes da folga".

Unha patronal intransixente

Para o representante da CIG, nestes momentos é a patronal Acauto, coa compañía Pérez Rumbao á cabeza, quen está bloqueando un acordo definitivo para a sinatura do convenio. Por iso, as mobilizacións tamén chegarán ao salón do automóbil de Ourense, "porque estamos ante unha patronal tan prepotente que en plena folga indefinida anunciou datas para a celebración desta feira, a partir do 14 de outubro".

Pola súa parte, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi', valorou que "despois de oito días de folga, esta manifestación é unha dignificación da clase traballadora e dos compañeiros e compañeiras que están levando adiante un labor encomiábel: defender os seu dereito á negociación colectiva".

Tupi considerou que a loita do metal de Ourense ten que servir de lección para a propia patronal, que se mantén "nunha postura totalmente intransixente ante unhas reclamacións tan lexítimas como son o incremento salarial ao IPC, evitar a aplicación da reforma laboral no convenio e manter todas as condicións laborais xa recoñecidas".

Estas xustas demandas, engadiu, "levan a que cada día máis e máis traballadores/as se sumen á folga. Porque saben que a loita e a mobilización é a única fórmula para chegar a un acordo de convenio que garanta salarios dignos e dereitos".

Intentos de criminalización da loita obreira

Sobre o desenvolvemento das xornadas folga, Indalecio Gómez quixo denunciar as desproporcionadas actuacións policiais nos piquetes, nomeadamente as cargas no piquete diante da empresa GRI Towers do luns pola mañá e as producidas en Revi o venres pasado. "Só había traballadores e traballadoras que estaban facendo o seu labor informativo, explicándolle aos/ás compañeiros/as cales son os seus dereitos".

Neste senso, criticou as coaccións e as presións que as empresas están a exercer sobre o seu persoal (especialmente o persoal eventual e contratado por ETT) para que acudan aos seus postos, baixo ameaza de despedimento no caso de secundar a folga. "Esa é a verdadeira coacción", aseverou.

Na mesma liña, Gómez rexeitou a campaña de manipulación e criminalización mediática do conflito do metal, que o xornal La Región está a practicar con especial inquina, lanzando acusacións contra o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, que están sendo analizadas pola asesoría xurídica da central sindical.

Denuncia que con este tipo de informacións sesgadas se pretende focalizar a folga e reducila a un "conflito meu contra a patronal", minimizando así a exemplar loita do conxunto das traballadoras e traballadores do sector e cun claro afán desmobilizador.

Abundando nesta cuestión, Tupi quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao persoal para que sigan pelexando pola dignificación do seu posto de traballo. "Frear esta loita é precisamente a razón de que nos queiran criminalizar", alertou. E por iso, ao igual que aconteceu na folga do metal  da provincia da Coruña, instou a continuar na loita até conseguir un convenio digno, no que se recoñeza un incremento salarial igual ao IPC real e no que se recollan auténticas melloras laborais e sociais.