
Óscar Calvo Varela elixido novo secretario da CIG da Coruña pola IX Asemblea Comarcal

A IX Asemblea Comarcal da CIG da Coruña elixiu este sábado a Óscar Calvo Varela como novo secretario comarcal, en substitución de Xabier Filgueira Domínguez que ocupaba esta responsabilidade dende o ano 2013. A candidatura de Calvo, a única que concorría, obtivo 146 votos a favor, 8 brancos e 1 nulo. No proceso, que se desenvolveu baixo o lema "Na Coruña, coa forza da nosa clase, organización e loita”, tamén se escolleu a nova Executiva Comarcal e as persoas que representarán a comarca no Consello Confederal. Na asemblea participou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que interveu durante o acto de clausura.
Composición da nova Executiva Comarcal
A nova Executiva Comarcal, á que só concorreu unha candidatura, recibiu 148 votos a favor, 2 brancos e ningún nulo, quedando composta polas seguintes persoas:
- Óscar Calvo Varela
- María Xosé Corominas Tenreiro
- Ernesto López Rei
- Silvia Mourelle Rilo
- Patricia Cordo Ares
- Armando Carril Casanova
- Aida Vásques Varela
Persoas elexidas para o Consello Confederal
A candidatura para o Consello Confederal (máximo órgano de dirección da central sindical entre congressos) recibiu 144 votos a favor, 6 brancos e ningún nulo, quedando elixidas as seguintes persoas:
- Óscar Calvo Varela
- María Xosé Corominas Tenreiro
- Ernesto López Rei
- Rocío Quintela Castro
- Armando Carril Casanova
- Divina Núñez López
- Roberto Pérez Vila
- Mario Maceiras Dosil
- Socorro González Otero
- Xabier Santos Canosa
Calvo insta a fortalecer o modelo sindical da CIG
Tras ser proclamado secretario comarcal, Óscar Calvo tivo palabras de agradecemento para Xabier Filgueira “polo enorme traballo desenvolto e por toda unha vida dedicada á loita sindical” da que a militancia do sindicalismo nacionalista “debemos tomar exemplo para seguir fortalecendo o noso proxecto nos vindeiros anos”.

Unha organización que, cando se cumpren 50 anos do asasinato de Moncho Reboiras e froito do enorme traballo colectivo e da entrega militante de moitos compañeiros e compañeiras, hoxe é o maior sindicato do país e da comarca, por afiliación, representación e, sobre todo, capacidade de mobilización e loita. Un sindicalismo, describiu, “organizado, honesto, combativo e asembleario no que a clase obreira galega pode confiar”, e no que confía “para “defender os seus dereitos, reclamar o que é seu e conquistar melloras nas súas condicións de vida e de traballo”.
Incidiu en que só a través da mobilización e do conflito a clase traballadora pode avanzar nos seus dereitos e fixo un repaso pola conflitividade máis recente da comarca. Destacou a loita por convenios dignos na limpeza, nas residencias privadas de maiores e centros de día -que xa levan seis xornadas de folga-, ou nos servizos de axuda no fogar; contra os ERE como o de concesionarios Yáñez ou o de Teleperformance -cuxo único obxectivo é seguir a deslocalizar e precarizar o emprego-; en demanda de melloras laborais e salariais na rede de escolas infantís municipais ou para pedir medidas de prevención e seguridade para o persoal da sanidade.
Conflitos que se dan en grande medida en sectores feminizados, precarizados, relacionados cos coidados e privatizados. “É innegábel o intento do capitalismo máis depredador de colonizar os servizos públicos máis esenciais e dos que menos podemos prescindir para lucrarse indecorosamente, mentres certos responsábeis políticos fan todo o posíbel para seguir profundando neste modelo criminal”, aseverou.

O novo secretario comarcal denunciou a actuación de patronais sen escrúpulos como Carpintería Ramón García, que despediu ao presidente do comité “polo terríbel delito de montar unha candidatura da CIG, presentarse ás eleccións e gañalas”. Advertiu que “non temos medo, non nos van calar e non nos van dobregar” e animou a participar na concentración convocada para o vindeiro mércores, 18 de xuño, ás 11:30 horas, diante do SMAC da Coruña.
Fortalecer o sindicato
Calvo recalcou que a clase traballadora sabe que “o noso modelo sindical combativo, asembleario, de contrapoder é a única garantía de que non se mercadee cos seus dereitos”. Esta práctica, non suxeita a un diálogo social “que só serve para desmobilizar e perder dereitos”, e a nosa independencia económica “é o que fai que sigamos sendo a primeira forza sindical, que medremos en afiliación e que ampliemos distancias co sindicalismo estatal”.
Por iso, instou a reforzar a organización e a participación interna para fortalecer o sindicato “e seguir sendo a mellor ferramenta ao servizo da clase obreira galega nos centros de traballo, pero tamén fóra dos centros de traballo”. O novo secretario comarcal referiu o liderado da CIG na mobilización social en defensa da sanidade pública, dun sistema público de atención ás persoas, no ensino, na defensa da nosa lingua, contra o xenocidio do pobo palestino, os megrapoxectos depredadores como Altri, etc.
Compromisos coa comarca

No ámbito comarcal, reafirmou o compromiso do sindicato coa creación dunha área metropolitana que xestione mancomunadamente servizos públicos esenciais como o transporte e que defenda o modelo de Nostián; reclamou un plan de infraestruturas que dinamice a economía de todo o Golfo Ártabro e a Costa da Morte, fomentando as conexións por tren con Ferrol e con Carballo e Corcubión e un transporte marítimo entre as dúas beiras da Ría do Burgo; e trasladou o apoio ás reivindicacións das e dos mariscadores.
Fronte ás políticas de fomento do turismo e o rentismo, reivindicou un plan industrial para a comarca “que aproveite as nosas potencialidades e que xere emprego de calidade e calidade de vida na nosa poboación”.
Calvo reiterou a demanda de reintegrar os peiraos e os terreos da Maestranza “á súa lexítima propietaria, a cidadanía coruñesa. Non podemos consentir que o territorio coruñés sexa entregado de balde, unha vez máis, para maior beneficio de millonarias e especuladores”. De igual xeito, criticou o apoio da alcaldesa Inés Rey á creación de universidades privadas “que só serven para detraer recursos da pública e transferirllos á privada”.
Carril pon en valor o modelo de confrontación e contrapoder da CIG

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tomou parte no acto de clausura da IX Asemblea Comarcal da CIG da Coruña, trasladando un saúdo en nome da Executiva Confederal e aproveitando para reafirmar a solidariedade co pobo palestino. Denunciou “o xenocidio, a morte, a fame e o sangue que están a padecer”, e instou a participar nas mobilizacións convocadas o vindeiro luns.
Carril valorou que os procesos comarcais e federativos nos que está inmersa a central, cun importante relevo xeracional, poñen a punto o sindicato para afrontar os próximos catro anos, cheos de loita e profundas ameazas e desafíos, “reafirmando e actualizando o que somos como sindicato galego, nacionalista e de clase”.
Cómpre enfrontar estes retos “coa base de intensificar a loita e a mobilización”, e no actual contexto histórico “complexo e difícil” salientou a necesidade de termos “unha organización sindical máis viva que nunca, revitalizando a solidariedade e a unidade da clase, demostrando a enorme capacidade que temos as traballadoras e os traballadores cando hai sindicato e cando estamos na CIG”.
Defendeu o modelo da CIG “de confrontación, de contrapoder, non de conciliación nin de diálogo social” que nos levou a ser hoxe primeira forza na comarca e en todo o país en representación e afiliación. “Temos os elementos fundamentais para avanzar en dereitos e transformar a realidade, pero sempre sobre a base de organizar e promover o conflito”, combinando a capacidade de facer propostas coa de levalas á confrontación, “resistir na reivindicación para levalas adiante, porque ese é o camiño para a súa consecución”.

Subliñou que a “nosa loita sindical é tamén unha loita de carácter social e político” buscando alianzas co tecido social para construír unha Galiza xusta e sen explotación.
Como non podía ser doutro xeito, Carril parabenizou a dirección saínte polo traballo realizado e quixo recoñecer con emoción e trasladar a enorme gratitude o compañeiro Xabier Filgueira pola súa entrega militante, compromiso firme, dedicación e iniciativa durante todos estes anos. “Representa os valores dos auténticos revolucionarios”, aseverou.
Por iso, considerou unha honra e un privilexio compartir con el traballo, debates, discusións, éxitos e fracasos, “pero sempre coa túa infinita bondade e honestidade, tan necesaria nesta nosa tarefa”. O secretario xeral desexoulle o mellor nesta nova etapa que comeza Filgueira mais xa lle advertiu “que non imos deixar que marches moi lonxe e seguiremos contando co teu compromiso militante”.
O informe de xestión destaca o medre na representatividade e na afiliación
A IX Asemblea Comarcal tamén debateu e votou o Informe de Xestión da Executiva saínte que foi aprobado por 154 votos a favor, ningún en contra e ningunha abstención. No documento, defendido polo até agora secretario comarcal, Xabier Filgueira, faise un repaso pola acción sindical e a situación da Unión Comarcal da Coruña no último período, no que a central revalidou e afianzou a súa condición de primeira forza sindical.

Os datos finais do período completo 2020/2023 arroxan un resultado de 1.270 persoas delegadas da CIG (o 30,83% da representatividade), sacándolle unha importante diferenza ao sindicalismo español: 244 representantes máis que UGT e 249 máis que CCOO. No que vai de ano 2025 os resultados na comarca sitúan a CIG nunha representatividade porcentual do 34,72%, mentres UGT ten o 27,25% e CCOO está no 23,08%.
Este medre na representatividade foi acompañado dun incremento da afiliación: máis de 2.400 persoas novas afiliadas nos últimos catro anos, cun promedio dun 3,9 % ao ano.
Datos que, salientou Filgueira, avalan a CIG “como unha referencia fundamental para a clase traballadora nesta comarca”, polo que se fai un chamado a seguir traballando polo avance “do sindicalismo nacionalista e todo o que representamos como proxecto sindical galego, combativo, asembleario e de clara oposición ás vías do diálogo social”.
Mobilización para avanzar en dereitos
Nun período marcado pola crise inflacionista que supuxo a perda do poder adquisitivo dos salarios, a acción sindical centrouse na loita pola mellora das condicións de traballo e na resposta ás políticas neoliberais postas en marcha polos distintos gobernos que ou ben foron insuficientes par atallar a pobreza salarial e a precariedade laboral, ou directamente constituíron recortes de dereitos. “Demos resposta desde o conflito e a mobilización, elaborando propostas e alternativas e esixindo ante a patronal e os gobernos medidas urxentes para combater a crise económica e social”.

Púxose énfase en como a través da loita e da mobilización a clase traballadora foi recuperando dereitos económico-sociais, contestando na negociación colectiva ás posturas “inamovíbeis e intransixentes da patronal”. O siderometalmetal, os centros de chamadas, as conservas de peixe, os contedores, o sector de carpintería, o transporte, as bibliotecas municipais, as tendas de Inditex, Albada, a limpeza e a limpeza hospitalaria, Jevaso, Cambalache, Perfumerías Arenal, as escolas infantís, a sanidade privada, o sector da banca, Zara Loxística, Ferroglobe, Xeal, o comercio de alimentación, Navec, a refinería de Repsol, o Servizo de Axuda Fogar, as residencias da terceira idade, ou o persoal de conserxería das instalación deportivas, foron algúns dos exemplos da conflitividade vivida neste período.
A estas loitas súmase a defensa por unha sanidade e un ensino público de calidade, a demanda dun sistema público galego de coidados, unhas pensións dignas, a defensa do noso idioma, contra as reformas laborais e das pensións, en solidariedade co pobo palestino e para denunciar o xenocidio perpetrado polo estado sionista de Israel, e un longo etcétera.
“Lavamos as nosas propostas e alternativas aos centros de traballo, socializándoas coa nosa representación sindical e tamén levándoas como moción aos concellos da comarca que nalgúns casos foi aprobada polos respectivos plenos e noutros casos serviu para deixar en evidencia as políticas anti obreiras e antisociais do PP e do PSOE”, apúntase no informe.
Resposta en clave feminista

Deuse resposta tamén, en clave feminista e antipatriarcal, ás políticas que aumentan a fenda xénero e a desigualdade, reivindicando con urxencia e determinación políticas para a igualdade real que sirvan para combater e eliminar as situacións de discriminación. Neste aspecto, no informe saliéntase o papel desenvolvido nos últimos catro anos por parte da secretaría das Mulleres da CIG na comarca “que fixo posíbel incrementar o número de traballadoras que participan nas mobilizacións e campañas impulsadas pola central sindical, así como a visibilización das loitas específicas das mulleres, sexan sectoriais, a nivel de empresa ou de carácter colectivo”.
Marcouse como reto pendente, “unha débeda histórica, como sindicato de clase, de dar resposta á situación de semiescravitude e precariedade das traballadoras de axuda a domicilio e das traballadoras do fogar e de coidados, tanto as da Galiza como as migrantes, que son usadas como exército de reserva, cando os coidados son un dereito colectivo, unha necesidade e unha responsabilidade no contexto de mercantilización e ausencia de dereitos”. Neste obxectivo, cómpre preciso pular polo sistema público galego de atención as persoas e mentres isto non sexa posíbel por un convenio galego que dignifique as súas condicións sociolaborais.
A CIG segue a reivindicar a área metroplolitana

A nivel local, na condición de movemento socio-político, a CIG seguiu nestes anos a reivindicar a urxente constitución da Área Metropolitana da Coruña “fronte a localismo aínda imperante en moitos dos concellos da nosa contorna, e a insuficiencia da xestión consorciada para unha prestación dos servizos públicos na comarca que melloren a vida das persoas”.
Tamén se demandou que non se entreguen os terreos portuarios á especulación inmobiliaria e que se manteña a actividade laboral vinculada a economía do mar, “que hoxe da emprego a un número importante de persoas, sendo preciso manter eses postos de traballo”.