OTAN vs. Rusia: Que segue?

Carlos Fazio - 02 Abr 2024

Tras a nova narrativa sobre o medo e a ameaza rusa de “invadir” Europa, agóchase un obxectivo máis serio: centralizar aínda máis o control dos países europeos pola burocracia tecnomilitar da OTAN en Bruxelas, mediante un proceso común de adquisición de material bélico de defensa modernos polos Estados membros

 Logo da captura polo exército ruso da estratéxica cidade fortaleza de Avdiivka, nas inmediacións de Donetsk o 17 de febreiro pasado, e a posibilidade dun colapso continuo das forzas armadas de Ucraína ao longo da liña da fronte, as voces de alarma resoaron en Washington, París e Berlín, desatándose unha campaña de intoxicación (des)informativa belicista con eixo na tensión e o medo, cuxo obxectivo encuberto é fortalecer a OTAN e alimentar un crecente complexo militar-industrial en Europa.

 O 26 de febreiro, ante altos representantes da Unión Europea e a OTAN (incluídos os de Estados Unidos e Canadá) convocados con 24 horas de antelación, o presidente francés Emmanuel Macron propuxo situar pequenos destacamentos de forzas especiais occidentais en diversos puntos da liña da fronte rusa-ucraína, baixo o engado de realizar tarefas de desminado e mantemento e reparación de sistemas de armamento, coa misión de actuar como un elemento “vulnerábel disuasivo estratéxico” (tripwire) para limitar a marxe de manobra militar de Rusia, xa que se fosen atacados desencadearía unha represalia completa dos exércitos da alianza atlántica contra Moscova. Un par de días despois, durante unha reunión con líderes da oposición, Macron desbotou calquera límite e “liñas vermellas” na inxerencia de Francia no conflito. Segundo o político francés Florian Filippot, o presidente galo estaba a preparar a opinión pública para que Francia interveña co pretexto: “E se a fronte avanza cara a Odessa ou Kiev, que faremos?”.

 En realidade, a grandilocuencia de Macron na posta en escena no Palacio do Eliseo buscaba arrebatarlle a Alemaña o liderado de Europa en materia de defensa e seguridade. Despois dos Estados Unidos, Alemaña é o país que máis recursos financeiros e armamentísticos forneceu a Ucraína para que Volodimir Zelenzky libre a súa guerra proxy ou por delegación contra Rusia. Como sinalou o ex diplomático británico Alastair Crooke, o chanceler alemán Olaf Scholz vén construíndo un eixo militar vinculado aos Estados Unidos en alianza con Polonia, os países bálticos (as ex repúblicas soviéticas Estonia, Letonia e Lituania) e a presidenta da Unión Europea (UE), a ex ministra de Defensa xermana Úrsula von der Leyen. De aí que en París Scholz rexeitase de plano a proposta de Macron e declarase que non haberá soldados en solo ucraíno enviados por países europeos ou Estados da OTAN. Europa descargou a súa defensa en gran parte nos Estados Unidos e as súas forzas armadas e as súas industrias militares non están listas para unha guerra convencional.

 Con todo, tras o precipitado “teatro” do Eliseo e a nova narrativa sobre o medo e a ameaza rusa de “invadir” Europa, agóchase un obxectivo máis serio: centralizar aínda máis o control dos países europeos pola burocracia tecnomilitar da OTAN en Bruxelas, mediante un proceso común de adquisición de material bélico de defensa modernos polos Estados membros.

 Nese contexto, “sen envelenar nin asasinar a unha soa persoa” −segundo sinalou con sorna o xornal estadounidense Politico−, a contraintelixencia rusa conseguiu sementar división entre os seus inimigos e deixou mal parado a Scholz, cando Margarita Simonián, redactora xefe de RT, divulgou na súa páxina da rede social VK o audio dunha conversa de catro altos mandos das Forzas Armadas de Alemaña (a Bundeswehr), na que falan dun posíbel ataque á ponte de Crimea con mísiles cruceiro aire-terra Tauros desde un caza francés Dassault Rafale.

 Ao defender a posición de Berlín de non fornecer mísiles Tauros cun alcance de 500 quilómetros a Kiev −que eventualmente podería impactar Moscova e outras cidades rusas−, Scholz deixou en evidencia o Reino Unido e Francia que transferiron a Ucraína mísiles Storm Shadow e Scalp, respectivamente, que son disparados por pilotos ucraínos desde avións Su-24 modificados, baixo o control e a asesoría in situ de británicos e franceses. Ao dar a entender a necesidade dun papel directo de persoal militar alemán en canto á puntaría e o funcionamento do mísil Taurus, Scholz confirmou o feito longamente sospeitado da presenza de tropas europeas sobre o terreo en Ucraína.

 Por eses días, o New York Times revelou que desde 2016 a Axencia Central de Intelixencia (CIA) financiara e mantivera unha rede de 12 bases secretas en Ucraína con propósitos de espionaxe ao longo da fronteira rusa, que nos dous últimos anos proporcionou ao exército ucraíno información de intelixencia para realizar ataques selectivos con mísiles e rastrexar os movementos de tropas rusas. Tras a caótica fuxida de Avdiivka de tropas de elite ucraínas, informouse que deixaron atrás material sensíbel e sofisticados equipos de intercepción: Estaban algúns deses búnkeres secretos da CIA en Avdiivka e foi iso o que desatou a histeria no Pentágono e a OTAN? Foi iso o que levou o secretario de Defensa de EU, Lloyd Austin, a sinalar nunha comparecencia no Congreso en Washington, que se Ucraína é derrotada “a OTAN estará en loita con Rusia”?

 A resposta do presidente Putin no seu discurso anual ante o Parlamento ruso eliminou calquera ambigüidade sobre cales serían as consecuencias dunha intervención da OTAN en Ucraína, considerada polo Kremlin un acto de guerra. Lembrou o destino das invasións de Napoleón e Hitler a Rusia, e pasou a describir os avances rusos no eido das armas nucleares estratéxicas, entre elas, o mísil de cruceiro Burevestnik; o mísil intercontinental Sarmat e as oxivas hipersónicas Avangard, inmunes ás defensas antimísiles occidentais, aos que se suman o Zircon e o Kinzhal, que entraron en combate no conflito contra Ucraína. Mentres non ataquen o chan ruso, foi a mensaxe, Rusia limitarase a utilizar armas convencionais. Pero se Rusia se enfronta ao risco dunha derrota militar en Ucraína a mans da OTAN, a cuestión do uso das armas nucleares queda aberta. Advertiu que os que están “a inventar” e “a asustar o mundo” coa ameaza dun conflito nuclear, “deben comprender que temos armas capaces de alcanzar obxectivos no seu territorio”. Que segue?

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 20 de marzo de 2024]