O TSXG ratifica a sentenza que condena a Xunta pola morte dun axente forestal nun incendio en Guntín

CIG-Autonómica critica que 5 anos despois seguen sen implementarse protocolos de seguridade
Lugo - 07 Xul 2020

O TSXG ratificou a sentenza do Xulgado do Social de Lugo que condenou a Xunta pola ausencia de medidas de prevención na extinción dun incendio no Concello de Guntín no ano 2015 que lle custou a vida ao axente forestal, Enrique Casanova. O TSXG considera acreditada a falta de dilixencia por non previr o risco adecuadamente.

Na sentenza demóstrase a actitude de deixamento da Xunta na morte do compañeiro Casanova e sinálase a necesidade de mellorar a seguridade de todo o persoal que traballa na loita contra os incendios.  O sector de Autonómica da CIG-Administración salienta que hai dous os elementos chave polos que se condena á Xunta de Galiza: o primeiro é o de non ter retirado o traballador da actividade directa de extinción dadas as súas condicións de saúde, tras telo solicitado reiteradamente e despois de vixilancias de saúde con protocolos e avaliacións deficientes.

O segundo elemento é o de manter o traballo en solitario na extinción de incendios forestais, "feito que condiciona a evacuación e primeiros auxilios no caso de producirse un accidente ou, como neste caso, un infarto".

En cinco anos non se atenderon as demandas sociais

CIG-Autonómica subliña que o 27 de xuño se cumpriron 5 anos da morte do compañeiro Enrique Casanova, mais dende entón o Goberno de Feijoo "non mudou en nada o seu modelo de xestión forestal baseado en especies de alta combustibilidade, o que unido á nula prevención de riscos laborais no persoal de incendios, deixa clara a súa responsabilidade nas mortes producidas ao longo dos anos".

Critican que a día de hoxe axentes forestais, condutores/as de motobomba ou persoal técnico segue traballando en solitario (algo que segundo recollía xa a sentenza do Social impideu unha asistencia inmediata "que é vital en casos como os dun infarto"); con deficiencias no sistema de comunicacións, sen protocolos de seguridade, con formación deficiente, ou sen ter recoñecida a segunda actividade ou a xubilación anticipada.

"O persoal de incendios somos simplemente números que se manexan dende os centros de coordinación", valoran dende CIG-Autonómica, criticando que o comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios estivo sen convocar máis de 2 anos e sen que se atenderan as demandas para dotar ao persoal con medios como máscaras de calidade, bombas de osíxeno ou refuxios de auxilio.