Ou construímos xuntos ou afundiremos

Fermín Paz Lamigueiro -

Máis por necesidade que por conveniencia adiquei un anaco do meu tempo no confinamento a darlle unha volta á situación política máis alá do que aconteceu no proceso electoral galego. Sei que calquera análise non debe descoñecer os resultados, e posiblemente as tácticas e estratexias das diferentes organizacións asentarán neles para os tempos que están por vir. Aínda así, agardo que non sexan estes o condicionante exclusivo das súas análises e conclusións, e de xeito aberto e participativo poidamos debater a necesidade de crear unha nova plataforma cultural na defensa do noso idioma, da igualdade e cohesión social, do territorio e do medio ambiente, da educación e da cultura, para construír a traveso destes valores unha sociedade activa, crítica e integradora.

Galiza é unha nación sen posibilidades de ser dona do seu presente e futuro. A conxuntura que estamos a vivir as galegas e galegos merece e debe ser tratada máis alá dos partidos e organización políticas.

As actuais circunstancias internacionais veñen marcadas polo deterioro das relacións entre Estados Unidos e China e unha certa parálise da globalización desenfreada. Isto esixe xa unha nova análise política e un realiñamento nesta nova guerra fría como consecuencia da encrucillada das crises (política, económica, sanitaria, comercial, tecnolóxica). Europa terá que definir até onde seguirá sendo aliada dos Estados Unidos ou deberá tecer unha nova política de alíanzas en todos os terreos. Se Trump recunca no cargo os mandatarios europeos van ter moitas dificultades diante dos seus electorados por seguir deixándose levar polas ”toleiradas” deste presidente.

Como consecuencia do empobrecemento crecente, a desigualdade manifestarase de xeito violento en moitas sociedades que xa non poderán seguir termando das promesas e do poder, precisará da represión para conter as protestas. Novas dialécticas entrarán no confronto político con forza como a fenda interxeneracional e as estratexias para frear o caos no medio ambiente. E para rematar estes trocos no panorama internacional, a transformación tecnolóxica xerará novas contradicións e oportunidades.

O Estado español inxerido nesta Europa configurada polos intereses capitalistas e a colaboración de todos os actores da transición política asiste hoxe a un debate permanente entre o que é e o que quixera ser. Mais este debate está sempre misturado de trampulladas , de imposicións e de interpretacións constitucionais nun marco legal alleo a esa democracia tan festexada, como tantas veces baleirada de xustiza, coherencia e igualdade nos dereitos e obrigas, que a ten debilitada e ao servizo do poder. Unha boa proba de toda esta maneira de facer chapuceira é a xestión da crise sanitaria que están a facer, primeiro declaran un estado de alarma (con mando único), e segundo, cando no Parlamento español non poden estirar máis as prórrogas no tempo, inventan o da cogobernanza entre o Estado e as Autonomías, que non é máis ca unha maquillaxe da irresponsabilidade.

O “Estatut catalá” -e todos os acontecementos que viñeron logo- debera despexar incertezas teóricas creadas tanto por autonomistas confesados como por quen propuxo avanzar pola vía estatutaria até a soberanía nacional, sen máis. A realidade é que a consulta catalá é unha evidencia de irrealidade para quen aspire a unha Patria Galega pola vía da actual Constitución Española. Non sei que fará o nacionalismo vasco (logo da vía fracasada tamén no Plan Ibarretxe), pero supoño que terán que mover peza no taboleiro de xadrez.

Miro para os demais e trato de analizar os acontecementos hoxe e agora. Pregúntome e pregunto se deixamos facer aos demais pobos e quedamos como observadores da dialéctica ou facemos o noso Plan. Sería un erro histórico quedar outra vez fóra de xogo e enxugados polo españolismo que tanto se viste de federalista como de recentralizador. Sen saber cal vai ser o resultado final desta mal chamada crise institucional do Estado español, sei que o termo Nación-Patria para españolistas e nacionalistas non ten nada de común.

Sei que a posición política na que hoxe acredito debería saír dende as organizacións do nacionalismo galego, mais a probabilidade de construír unha alternativa de certa converxencia (sen padriño nin madriña) nalgunha plataforma ou ente novo hoxe é unha posición minoritaria, mais é necesaria. Supoño que cada quen adicará os seus esforzos cara aos adentros e non vai ser doado acadar apoios a outros convencementos, como o da necesidade da colaboración entre as diferentes tendencias políticas do nacionalismo nunha nova formula sen que ninguén perda a súa identidade e organización. Quero facer esta precisión obrigada, xa que en boa parte da historia da nosa patria coexistiron as tendencias políticas, e a unión veu dada só pola definición nacionalista. Gosto de matinar que farían no actual contexto político Vilar Ponte, Suárez Picallo, Otero Pedrayo, Castelao, Bóveda ou o mesmo Reboiras. Cando menos tentarían de facer algo.

Cando Touriño en campaña electoral deixou claro que o “quid pro quo” non ía ser o seu principio para formar un goberno alternativo, moito matinei naquelas verbas ([...]“no caso dun goberno alternativo ao señor Fraga este será presidido por un socialista ou Fraga seguirá a gobernar”[...]). A miña conclusión foi que xamais sería posible unha relación de igualdade entre o nacionalismo galego coa socialdemocracia ( aínda que se chame pacto de esquerdas ou progresista) e co españolismo por extensión. Unha alternativa real ao PP na Galiza, no horizonte que temos por díante, non pode mirar só para o PSOE, non pode desbotarse ou esquecer outra das prioridades que debe formular o nacionalismo galego. Claro que o poder é importante e fai máis doado a consecución de obxectivos, pero aínda está por ver como resolvería a socialdemocracia a situación da actual correlación de forzas no Parlamento galego nunha hipotética situación dun PP por baixo dos 38 representantes.

A dialéctica política do PSOE é moi coxuntural, do mesmo xeito que os liderados de hoxe. Quen acredita no dos “efectos” Sánchez, Iglesias ou calquera outro déixase levar polo interese xornalístico do individualismo na política. A fortaleza, cando menos para o nacionalismo galego, foi, é, o traballo e a organización colectiva.

Renacemento da dialéctica

Xa falei noutros artigos da necesidade do renacemento na dialéctica política galega. Hai anos, falando cun compañeiro acreditado da UPG sobre a situación política e do nacionalismo galego, decidín preguntarlle por se fixeran algunha análise sobre da crítica que fixera o Movemento pola Base a respecto do Bloque e a súa participación no bipartito no relativo ás posicións políticas e ás persoas que ían acreditando na gobernanza. A resposta que me deu foi moi escapista; espetoume: "A vosa posición non tivo moita calidade".

Desde aquel momento veño matinando nas crises do nacionalismo galego desde a década dos 70 (“Pepiño” e Ferrín), até o das Mareas e o que está por chegar. A miña conclusión é que a Posición Soto, mesmo antes da súa concreción, primeiro foi pouso antes que fundamento e argumento nas liortas e desacougos no tempo posReboiras (agás dos persoalismos e aliñamentos das lealdades e confianzas e mesmo das fuxidas coa roupaxe vangardista que foron agromando no escenario político).

O pasado foi, é, moi condicionante para atopar unha saída a esta dinámica de enrocamento continuo no nacionalismo galego. O presente non é mellor, a dinámica política é maioritariamente cuantitativa e -queiramos ou non- encadrada no marco do Estado co obxectivo exclusivista de situarse por enriba no confronto electoral neste espazo, ou nalgún dos outros casos, sinxelamente, resistencialista. De todos os confrontos nacionalistas, o de Amio foi o que tivo menor calidade. Nada novo despois, nin nas Mareas (posición Soto revisada para hexemonizar esquerda e nacionalismo), nin no BNG (co obxectivo de recuperar a posición hexemónica no nacionalismo). Mais o Partido Popular chegou aos 42 representantes.

De novo os debates (de darse) manterán a devandita característica: o enrocamento, descoñecendo adrede que os acontecementos e as dinámicas políticas vividas deberían poñer de manifesto a única posibilidade que teñen os nacionalismos periféricos no Estado español para que a súa patria sexa unha nación con recoñecemento xurídico-político tanto nese contexto como no europeo e internacional.

Pouco a pouco as dúbidas irán despexándose; o nacionalismo ou é emancipador ou non resolve ningún dos problemas presentados. Coincido no reclamo de Castelao aos imperialistas fracasados, na liberdade de todas as patrias, pero sabendo que ninguén nos vai regalar nada nunha mesa se non hai reclamo, resistencia, movemento e construción de poder desde o antagonismo.

Igual que noutras partes do mundo, o futuro aínda non chegou, está por vir. Na Galiza é preciso agora algún esforzo para que o nacionalismo no seu conxunto e nas diferentes maneiras de entendelo e practicalo sexan quen de facer algún achegamento, non para a unificación, mais si para concentrar esforzos na loita cultural e na defensa dun programa soberanista.

O meu chamado a organizacións, colectivos e persoas nacionalistas ten como obxectivo unha nova suma de vontades, esforzos, sentimentos e desexos. Os minifundios políticos, os localismos e personalismos son os maiores responsables da situación actual. Os vellos xa tivemos a nosa oportunidade. Conformémonos agora con apoiar e ofrecer a nosa experiencia de acertos e erros nunha nova formulación nacionalista, integradora das necesidades e aspiracións das clases populares, que tamén debe axudar a impulsar un proxecto concreto de nación coas súas vertentes sociais e coas consecuencias xurídico-políticas que supón tal definición, liderado por homes e mulleres para este novo tempo e facelo seu.

Falaba recentemente con Teresa Barro do seu artigo 'Por que Galiza non adianta como debía' e dicíalle que estando basicamente dacordo coa súa tese, segundo a miña miña análise, nesa fenomenoloxía as razóns económicas non son as únicas. Pese a que o discurso xeral precisou deste asunto para argumentar a fuxida do rural, as vilas e cidades, mesmo a emigración, afondar nas razóns psicolóxicas do entramado familiar e das tradicións obrigaba tamén a mostrar as nosas debilidades como sociedade. O de “forxarse un futuro” pode que teña esa orixe, mais esa idea primixenia xurdida da necesidade económica conlevou tamén moitas máis cuestións,entre outras, ter un plantexamento alternativo de vida, ás veces rachando con moito do vivido, e outras, tratando de compaxinar a realidade coa tradición, as costumes e o aprendido.

O nacionalismo, en pura lóxica, tivo que moverse en coordenadas semellantes aínda que puidera parecer que un maior nivel formativo, mesmo a ideoloxía, foran as vacinas que protexerían da enfermidade da tutela, do cainismo, do paternalismo e da demonizacion do contrario aínda que este só tivera a ousadía de facer unha critica á dirixencia ou á liña de actuación.

Proxecto común

Todas e todos sabemos da necesidade que a xente do común na Galiza ten dun proxecto común para poder confrontar coas normas culturais actuais que impón a clase dominante é o españolismo na súa construción social e política e cales son os instrumentos de dominación que nos impoñen.

Nese contexto, as alianzas tácticas que se decidan no seo dos partidos e organizacións (para a parte electoral, de gobernos nas institucións e organismos) deberán ter en conta a estratexia (para o todo, no que Galiza é unha nación, con todas as consecuencias xurídico-políticas que supón tal definición).

A proposta quere ser integradora porque cada vez se fai máis evidente a liña divisoria entre os defensores da integración no sistema, en todas as súas manifestacións (capitalismo, autonomía, constitución española, monarquía, bilingüismo, cultura allea, dependencia alimentar, desprotección do territorio e do medioambiente, desfeita do agro e do mar, ensino acientífico, unha construción europea dos estados allea aos pobos e reforma permanente no sociolaboral e o pacto social, como fórmula do entendemento para a relación estábel entre a patronal e os sindicatos, co interese mutuo, tanto para hexemonizar as relacións do traballo, como para o fortalecemento das súas estruturas), e os e as que queremos unha Galiza Ceibe e sen explotación, onde os galegos/as poidamos decidir o noso futuro, sen máis limitacións que as que aprobemos democraticamente dármonos, é dicir, en liberdade.

Ou construímos xuntos ou afundiremos cada quen na súa leira ou marea.

O mundo depende nunha pequena parte de feitos e accións que non aparecen na historia; precisamos de mitos e de referentes políticos e sociais, pero tamén son necesarios aqueles outros que teñen a valentía de facer propostas para superar o vello, o de sempre, o que xa non sirve.

Conformaríame eu con non ter que dicir "nada novo, todo vello".

 

A Coruña, 9 de outono de 2020

Volver