Pactan a reoganización da actividade asistencial ante a apertura do centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo
A comisión de centro de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo vén de chegar a un principio de acordo coa Xerencia da área sanitaria sobre o Plan Funcional do novo centro de saúde Olimpia Valencia malia que non dota de persoal propio determinadas categorías “para que o traslado se realice coas máximas garantías, con criterios obxectivos e coa maior seguridade xurídica para as persoas traballadoras afectadas”.
A pesar de ter conseguido o compromiso de contratación de 13 postos de nova creación de categorías como odontoloxía, hixienistas bucodentais, psicoloxía, farmacéuticas, TCAE, Traballadora Social, fisioterapia e nutricionista, o órgano de representación das persoas traballadoras de Atención Primaria insiste nas súas críticas a un Plan Funcional que non dota con persoal propio outras categorías como medicina de familia, enfermaría ou administración.
“Pola contra, óptase por trasladar profesionais doutros centros, pechando o centro de saúde de Nicolas Peña, o que supón unha perda para a Atención Primaria, e concentrando pediatría, co que se perde esta prestación en centros limítrofes; isto provoca a ruptura de equipos de traballo e da continuidade asistencial”. Tras esta decisión da Xerencia as partes iniciaron a negociación dun documento que recolla as condicións nas que se realizaría o traslado ao novo centro, mais tras varias semanas de xuntanzas non se lograron avances significativos para establecer o procedemento de traslado e condicións de traballo do persoal.
De xeito que a semana pasada as conversas remataban sen acordo, polo que as organizacións sindicais solicitaron a retirada dun punto do documento que podería supor o traslado forzoso de persoal fixo de centros como Pintor Colmeiro, Coia, Cuba, Rosalía de Castro ou Beiramar, de non conseguiren cubrir a totalidade das prazas contempladas no Plan Funcional. “Onte mesmo a Xerencia trasladáballe á comisión de centro a confirmación da retirada deste punto que impedía o acordo”.
Polo que a comisión de centro, aínda non estando de acordo con como se realiza a dotación de persoal dos centros, quere, mediante este documento, “garantir que o traslado ao Olimpia Valencia se realice coas máximas garantías, con criterios obxectivos e coa maior seguridade xurídica para as traballadoras afectadas”.