Palas de Rei énchese do clamor contra o proxecto de Altri e o modelo de industria depredadora que representa
A CIG participou na manifestación que tivo lugar este domingo en Palas de Rei contra a fábrica de Altri e á que acudiron milleiros de persoas de todo o país para amosar o seu rexeitamento masivo a este proxecto depredador. A central nacionalista, que levou unha faixa propia co lema "Na defensa da nosa terra, Altri NON" e puxo autobuses dende as principais cidades para facilitar o desprazamento, rexeita o modelo de industria de enclave que representa e critica que o goberno de Rueda o declare de utilidade pública e proxecto industrial estratéxico.
"Estamos diante dun modelo depredador dos nosos recursos naturais, con grave impacto ambiental, social e económico", denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen instou a intensificar a mobilización social contra un proxecto que ten recibido o rexeitamento de colectivos e agrupacións dos máis diversos ámbitos, tal e como se puido visibilizar nas distintas faixas que acompañaron a manifestación deste domingo.
Unha industria de enclave
No decurso da protesta Carril lembrou que a CIG presentou alegacións propias e sumouse tamén ás das plataformas Por unha Ulloa Viva (organización convocante da manifestación) e en Defensa da Ría de Arousa, solicitando da Xunta de Galiza unha declaración negativa a un proxecto que, tal e como recoñece a empresa, é unha industria de enclave.
Subliñou que as dúas factorías previstas por Altri (de celulosa solúbel e fibra téxtil) requirirán de grandes cantidades de auga, enerxía e eucaliptos, afianzando un modelo industrial depredador nosos recursos, con altísimos impactos no territorio e que ademais pon en serio risco a continuidade doutro sectores produtivos e actividades económicas da contorna.
Alén dos efectos sobre a saúde, afectará gravemente ao patrimonio cultural e natural, a atmosfera e as augas, comprometendo aínda máis a viabilidade ecolóxica do río Ulla e da ría de Arousa, a máis rica do país.
Carril advertiu que se pretende pór en marcha esta macroinstalación no corazón da Ulla nun contexto -constatado polas universidades galegas- de desaparición en Galiza de superficie agraria útil, en favor de máis territorio dedicado á actividade forestal ligada ao eucalipto. “Estamos ante un proxecto contrario a un monte galego con futuro que debera asentarse, entre outros piares, nuns aproveitamentos forestais que realmente aposten pola creación de emprego digno, a sustentabilidade económica e social e a compatibilidade con outras actividades agrarias”, aseverou.
Peche dos ciclos produtivos
Por iso considerou “inaceptábel” o financiamento público, e moito máis con fondos europeos, “polo que implica de endebedamento público”. Reclamou, fronte a isto, que se teñan en conta varios apartados -propostos pola CIG- do informe do Consello Económico e Social (CES) de Galiza, incluídos no trámite do Anteproxecto de Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza. Hai que lembrar que o proxecto de lei acaba de ser remitido pola Xunta ao Parlamento galego para a súa aprobación sen incorporar ningunha destas consideracións.
Neses apartados do informe do CES recóllese que os proxectos industriais teñen que levar aparellado o peche dos ciclos produtivos en Galiza, aumentando o valor engadido en sectores básicos na nosa economía; que non só deben respectar o ambiente e a idiosincrasia dos lugares onde se asenten, senón tamén garantir o saldo de emprego neto e retorno económico e social; e que se deben protexer as terras e lugares dedicados ao abastecemento de alimentos, para priorizar a soberanía alimentaria sobre intereses industriais.
Pero até momento, advertiu Carril, non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil que promova o peche dos ciclos produtivos. "Estamos pois, ante unha industria de enclave, unha pasteira de grandes dimensións que se vai levar a outros países a transformación e que pon en perigo importantes sectores produtivos como o do sector agrario, gandeiro, do mar e do sector turístico e cultural ligado ao Camiño de Santiago".