Palestina. Os crimes de Israel e o exterminio do pobo palestino

Stella Calloni -

Por todo isto defender a Palestina é denunciar a verdade, esixir aos organismos internacionais que actúen fronte á mentira universal que aplican os medios hexemónicos como armas de guerra e aos nosos gobernos que non se deixen presionar polos chamados lobbys da morte

 Os bombardeos brutais e a entrada de tropas israelís en Gaza, o 13 de maio, é unha acción que coincide coas maiores manobras militares dispostas polo goberno de Benjamín Netanyahu, destinado a apoderarse de toda Xerusalén e ao exterminio do pobo palestino, que sobrevive no cárcere máis grande do mundo ao descuberto, como é Gaza.

 Estas accións realizadas polo goberno dun país como Israel, a cuarta potencia en armas no mundo, é un crime de lesa humanidade, impunemente preparado coa complicidade dos seus socios como Estados Unidos, Gran Bretaña e outros, considerando que Palestina non ten exército, e os seus territorios están baixo ocupación.

 Gaza ocupa 360 km2 e ten dous millóns de habitantes, que viven baixo o máis desapiadado terrorismo de estado que aplica Israel nos territorios ocupados, onde non só se asasina, se tortura, se matan e deteñen crianzas, mulleres, anciáns, mentres se destrúe sistematicamente o seu hábitat. Vivir entre cascallos e sitiados por terra, mar e aire, deixándoos sen auga, cortando a luz, a enerxía, os alimentos, é en realidade un enorme campo de concentración, un crime de lesa humanidade, que se comete ante a ollada cómplice dunha boa parte de países do mundo.

 Unha situación de inxustiza, colonialismo racismo e apartheid que se mantén desde 1948 cando se dividiu o territorio palestino en dúas partes, nunha das cales se creou o estado de Israel, sen consultar os habitantes ancestrais que ían ser desprazados e despois perseguidos.

 Máis aínda as organizacións terroristas xudías Hagana, Irgun e outras tiveron a tarefa de “limpar” o terreo que ía ocupar Israel, queimando aldeas palestinas e asasinando os seus habitantes como aconteceu en Deir Yasin o 9 de abril de 1948 producindo un masacre que quedou gravado na historia dos crimes atroces do mundo.

 A actuación previa nestes momentos comezou o 7 de maio pasado cando tropas e policías israelís impediron o acceso á mesquita Al Aqsa onde tentaron chegar para os seus oficios relixiosos os moradores palestinos. Tamén se mobilizaban en defensa dos seus dereitos e das familias de Sheij Yarrah, ás que as tropas israelís intentan sacar das súas casas, herdadas dos seus antepasados para llelas entregar aos colonos de Israel. Unha actuación evidente de limpeza étnica, considerada no Dereito Internacional como crime de guerra.

 De acordo co relato feito pola prensa mundial, manexada polo poder hexemónico, estes bombardeos que comezaron xa hai días, eran unha “resposta” en defensa da poboación israelí, ante os foguetes fabricados en forma caseira en Gaza, sen ningunha potencia real de fogo ante o enorme arsenal de armas, entre elas nucleares do seu invasor.

 Os primeiros foguetes disparáronse despois de que Hamas pedise ao goberno israelí pór fin á brutal represión en Xerusalén que deixou case un milleiro de feridos e detidos. Isto agóchao a prensa de guerra, como mantén  silencio sobre o dereito á defensa que ten o pobo palestino, que é a vítima non o vitimario.

 Tamén existen versións sobre accións de provocación utilizadas pola intelixencia israelí infiltrada nalgúns sectores na franxa de Gaza, sitiada por terra mar e aire.

 Ante os últimos sucesos é imposíbel esquecer aquela incursión do 28 de setembro do ano 2000 do ex ministro de Defensa neses momentos, Ariel Sharon, na explanada das Mesquitas da Cidade Santa, rodeado de miles de policías e militares, provocando un gravísimo conflito, despois de que se aceptase o principio de coexistencia de dúas capitais en Xerusalén.

 Hai que lembrar tamén que durante a guerra dos seis días o 7 de xuño de 1967 o exército israelí tomou a explanada das Mesquitas de Al Aqsa e do Domo da Roca e toda a cidade vella de Xerusalén. Cando abandonou a explanada, o daquela ministro de Defensa Moshe Dayan declarou na radio: “Esta mañá Tsahal liberou Xerusalén, a capital dividida de Israel. Regresamos ao máis sagrado dos nosos lugares santos e endexamais nos separaremos del”.(Ver Israel Foreign Relations, selected document, Ministry for Foreign Affairs, Xerusalén 1976).

 Naqueles días de setembro de 2000, Sharon aferrábase a ese mandato colonial. Isto orixinou unha nova intifada palestina, que contou coa solidariedade de grandes manifestacións nas capitais árabes e dos musulmáns, nos diferentes países do golfo. Nunca foi tan forte a solidariedade xa que a Mezquita de Al Aqsa é o terceiro sitio sagrado, para árabes e musulmáns..

Manobras militares

 En coincidencia coa situación dramática que se está a vivir, o pasado 9 de maio o exército de ocupación de Israel iniciou as chamadas manobras militares “Vehículos de Fogo”, a máis grande da súa historia que se produce paralelamente ao “discurso israelí sobre a existencia dun baleiro político e de illamento nas institucións militares e de seguridade. Un baleiro autoritario”: (Resumen Latinoamericano 9-5-21, fonte Almayadeen).

 Cítase tamén a Or Heller, correspondente de asuntos militares da Canle 13 israelí, quen dixo que “todo isto está acontecendo na área palestina, mentres o exército israelí lanza a manobra máis grande da súa historia, anunciada polo xefe de Estado Maior, Aviv Kochavi”.

 Ademais o alto oficial israelí Kochavi decidiu non cancelar nin pospoñer a manobra “co obxectivo de preparar o exército para a batalla deste verán. Unha manobra que non vimos antes”.

 Participan as forzas do exército regular e de reserva de todo os mandos e armamentos, Tamén a área política, o Ministerio de Seguridade, a Autoridade Nacional de Urxencias, o Ministerio de Relacións Exteriores e outros organismos.

 É unha simple coincidencia a manobra? Aterrorizar o pobo israelí con sons de sirenas e outros estrondos e afacelos a correren aos refuxios, non é parte das máis grandes manobras da súa historia?, que ademais se dan nun escenario onde están actuando as forzas de aire, mar e terra contra o pobo palestino de Gaza.

 O cuarto exército máis poderoso do mundo cometeu numerosos actos criminais de guerra con total impunidade, mesmo o asalto en augas internacionais a barcos da chamada “Flotilla da paz”, que transportaban axuda humanitaria para a poboación de Gaza..

 Unhas 15 persoas morreron e ducias resultaron feridas cando os comandos israelís atacaron na madrugada do 31 de maio de 2010 o convoi de seis barcos -que transportaban centos de pacifistas de 27 países- descendendo dos helicópteros disparando sobre os tripulantes malia que levantaban bandeiras brancas. Sucedeu en augas internacionais a uns 64 km da costa israelí.

 Esta operación conmoveu o mundo, mais a impunidade dos poderosos quedou espida entón, cando o ex secretario Xeral da ONU, Ban Ki-moon, afirmou que estaba «impresionado» polo sucedido.

 Impresionado? Malia que se convocou o Consello de Seguridade da ONU e das demandas europeas e de organismos humanitarios que pediron explicacións a Israel sobre o inexplicábel, só Grecia suspendeu entón os seus exercicios militares conxuntos con Israel. Pola súa banda Turquía, de onde proviñan os barcos e unha cantidade de activistas organizou unha mesa de crise. O daquela primeiro ministro dese país Recep Tayyip Erdogan cualificou a acción de Israel de «terrorismo de estado» e violación das leis internacionais, rompendo relacións.

 As violacións aos máis elementais dereitos humanos por parte do Estado israelí foron denunciadas mesmo por cidadáns xudeus dentro de Israel e no mundo, e por organizacións de Dereitos Humanos.

 Pola súa banda o investigador Norman G. Finkelstein, catedrático dunha universidade de Chicago, resume no seu libro “Método e tolemia. A historia oculta dos ataques de Israel en Gaza”, a política contra os habitantes palestinos partindo da análise das operacións militares Chumbo Fundido (2008-2009), Alicerce Defensivo (2012) e Marxe Protectora (2014), que devastaron a Franxa de Gaza.

 Foron asasinados un total de 3 700 palestinos homes, mulleres e nenos. Nos seus escritos detalla os argumentos, mentiras e falsas razóns de Israel para xustificar eses ataques, pero ademais fala da trama internacional que lles permite avanzar ano tras ano na ocupación con asentamentos do pouco que queda do territorio palestino.

 A súa análise crítica das invasións israelís ten como fontes as declaracións de militares, funcionarios e cidadáns de Israel documentos de Nacións Unidas e organismos internacionais. Ao referirse á Operación militar tan cruenta de Chumbo Fundido utilizou o informe de Richard Goldstone, que encabezou unha investigación de todos os crimes cometidos por Israel nesa acción.

 O informe, rexeitado polo poder israelí, ao deixar ao descuberto os masacres cometidos polas Forzas de Defensa de Israel (FDI), confirma que o daquela goberno encabezado por Benjamin Netanyahu tivo como obxectivo «castigar, humillar e aterrorizar a poboación civil de Gaza, ademais de «asasinar conscientemente, torturar ou inflixir un tratamento inhumano», así como «causar premeditadamente enormes sufrimentos, feridas graves ou lesións prexudiciais para a saúde, destruír propiedades sen xustificación militar e facelo de forma ilegal e gratuíta».

 Goldstone, presionado duramente por Israel, desvinculouse despois do informe, pero os datos e as fontes precisas non se puideron borrar nunca. E son parte da cantidade de probas presentadas ante a Corte Penal Internaciona(CPI).

 Finkelstein sostén que en cada unha das operacións militares Israel tentou ademais demostrar ao mundo a súa «capacidade disuasoria», á vez que golpeaba ao Movemento de Resistencia Islámica Hamas. Ademais demostra que todas as invasións israelís de grande envergadura se acompañan dunha gran cobertura mediática que a xustifica. Mais considera aínda máis grave como isto serviu para aterrorizar e “convencer” a unha boa parte da propia sociedade israelí, que descoñece o que o seu goberno está facendo en realidade contra Palestina e tamén noutros países do mundo, como acontece en América Latina.

 Estámolo a ver en Colombia nestas horas, onde a presenza de asesores e adestradores israelís de paramilitares e armas vendidas por Israel están sendo usadas contra ese poboo irmán..

 FInkelstein, fillo de sobrevivientes dos campos de concentración de Auschwitz e Majdanek, tamén estudou as posibilidades de resistencia dos palestinos, que, en realidade dadas as condicións, é dun heroísmo conmovedor para enfrontar a ocupación e entende que pechados todos os camiños de xustiza, diplomacia e política á que se recorreu debido ao enorme poder de Israel e os seus aliados, só lles queda a resistencia como o que se viu de responder con pedras contra canóns e as armas máis sofisticadas. Estámolo vendo nestas horas onde os vitimarios ensaian accións dunha guerra de alta densidade sobre unha poboación indemne, que só ten o seu corpo agonizante como única defensa.

 Tamén Finkelstein nos fala desas resistencias míticas do pobo de Gaza, da súa vontade indomábel, ante tanta desigualdade de forzas padecendo “morte e destrución a unha escala esgazadora”.

 Cando o presidente de Estados Unidos Donald Trump, baixo a asesoría do seu xenro Jared Kushner, integrante do ultradereitista lobby xudeu .nese país ordenou trasladar a súa embaixada a Xerusalén, era parte do perverso plan de Israel de se apoderar da Cidade Santa de Xerusalén, centro de encontro de relixións e patrimonio da Humanidade.

 Por todo isto defender a Palestina é denunciar a verdade, esixir aos organismos internacionais que actúen fronte á mentira universal que aplican os medios hexemónicos como armas de guerra e aos nosos gobernos que non se deixen presionar polos chamados lobbys da morte, que en realidade conforman un poder imperial en decadencia que ameaza a toda a humanidade. Hoxe Palestina somos todos.

 

[Artigo tirado do sitio web Resumen Latinoamericano, do 15 de maio de 2021]

Volver