Parálise nas cuestións laborais de fondo

Manuel Mera - 29 Out 2020

Até o momento PSOE+UP, coa escusa da pandemia e da crise, evitaron eliminar problemas de fondo, que marcan as regras de xogo das relacións laborais para o conxunto da clase traballadora, como son as reformas laborais, a Lei mordaza e o artigo 315.3 do CP

 Non se pode negar que as medidas tomadas polo actual Goberno de coalición, no ámbito social e laboral, son máis positivas para as clases populares que as que poría en práctica un goberno do PP, e aínda moito máis de se tratar dun coaligado con VOX. Mais iso non implica que estas medidas, ademais de que seren urxentes tamén,sexan as necesarias para reverter a tendencia regresiva nas condicións de traballo que se implantaron coas reformas laborais, tanto de Zapatero como de Rajoy. Medidas urxentes, como os ERTE, o IMV, e dotar dunha normativa específica o teletraballo e os “riders” son sen dúbida correctas, malia que na posta en práctica dos ERTE como do IMV houbo numerosas eivas na xestión e demoras no cobro que non son aceptábeis, e ambas as axudas deixaron colectivos sen cubrir como ten denunciado a CIG.

 Agora ben, até o momento PSOE+UP, coa escusa da pandemia e da crise, evitaron eliminar problemas de fondo, que marcan as regras de xogo das relacións laborais para o conxunto da clase traballadora, como son as reformas laborais, a Lei mordaza e o artigo 315.3 do CP, malia que son compromisos que formaron parte das súas propostas electorais. Son mecanismos que no ámbito da lexislación laboral e do recorte de dereitos da protesta e mobilización, contribuíron a concentración dos beneficios do capital como nunca antes, xunto coas rebaixas, exencións e axudas impositivas e a enxeñeira fiscal ao servizo das corporacións e grandes fortunas.

 Polo tanto, a actitude diante destas leis definen con toda claridade a que intereses defende o actual Goberno. Sen eliminar estas normas é imposíbel mudar a tendencia xeral que precariza o emprego e reduce acotío a masa salarial global, aínda que sexa beneficioso que se considere os falsos autónomos como asalariados/as. Máxime cando, ademais da situación contractual, o marco laboral propicia a caída do salario mediano (aquel máis común entre os asalariados/as), medra a xornada laboral real e a intensidade nos ritmos de traballo. E, de xeito paralelo, crece a carga impositiva e os gastos derivados da privatización de servizos públicos (sanidade, ensino, dependencia...) e prestacións esenciais (alugueiro, hipotecas, enerxía, telefonía, transporte...). Ao que se suma a precariedade e o desemprego, lousas sobre as familias que impiden planificar un futuro digno.

 Esta lectura sobre o valor de cada medida en relación coas condicións laborais tamén a realiza a patronal, daquela que mesmo nun intre de tanta gravidade no que necesita máis que nunca do apoio público a CEOE mantén unha oposición frontal á eliminación das reformas laborais, Lei mordaza, etc., mentres que acepta os ERTE e o IMV, que sabe son decisións transitorias que evitan a revolta social, e para alén desta conxuntura non mudan a tendencia dominante regresiva no reparto da renda. Tamén aceptan, con máis debate, unha normativa de teletraballo e dos riders porque lles permite normalizar a competencia empresarial na lei da selva das dixitais, e asemade evitar que a interpretación quede en mans xudiciais, onde algunhas veces (poucas) hai sentenzas que lles poden afectar ao conxunto. Sobre estas bases estase construíndo o discurso da Comisión Social, co apoio de CCOO e UGT, un pacto social co que o Goberno quere evitar unha confrontación coa patronal, e xerarlle ao PP e atrancos respecto coa súa base electoral.

 Para os que coidan que esta valoración é moi especulativa. Xa que mesmo sabendo da moderación de CCOO e UGT, entenden que non van a aceptar que se manteña a conxelación do dereito á ultraactividade, e que apostan verbalmente porque o convenio de sector prime sobre o de empresa, e a que estas non se poidan descolgar do convenio sen practicamente ningunha esixencia, etc. Esquecen que estas centrais na práctica levan meses adiando estes temas, e que están presas das da folla de ruta do Goberno, e ademais sen forza social na rúa. Por se non abondase todo apunta a que esta demora está relacionada coas esixencias da UE para recibir as axudas e empréstitos do fondo de reconstrución europeo. Non é casual estes temas centrais non formen parte da literatura que acompaña a solicitude e as liñas xerais dos proxectos.

 Sabendo dos antecedentes, haberá moito máis de cal que de area no referente á cuestión laboral (e nacional galega, carácter subalterno, etc) por parte Goberno PSOE+UP, a menos que a protesta empurre os cambios. E neste aspecto non axuda a actitude de CCOO e UGT, o estado actual da pandemia, e a situación de emerxencia dunha gran parte da clase traballadora. Os orzamentos serán un adianto, a letra pequena do Pacto de Toledo, e que a derrogación da reforma laboral non se concrete, mesmo o seu debate (e as nacionalizacións de empresas esenciais?). Semella polo tanto lóxico que a CIG, e outras centrais combativas e coherentes, coloquen estas reivindicacións (así os peches, salarios, as pensións, fiscalidade, igualdade, etc.) en primeiro plano e formando parte de todas as batallas sectoriais e de empresa. Sen dúbida esta loita é un proceso, de folla de ruta e formación da conciencia, de conflitos e mobilizacións, que irán a máis, a medida que se supere a pandemia e se vexan con claridade os límites do “progresismo”.

 

[Vigo, 29 de outubro de 2020]

https://obloguedemera.wordpress.com/