Parcheado na Residencia de Maiores de Caranza: reforma "decorativa" que non soluciona os problemas reais

A CIG demanda a renovación das instalacións e adaptar os espazos á normativa vixente
Ferrol - 03 Mar 2020

A sección sindical da CIG en Política Social reclama á Consellaría que acometa as obras de renovación de instalacións e reacondicionamento dos espazos interiores da Residencia de Maiores de Caranza (Ferrol) para cumprir coa normativa vixente e facilitar o traballo do persoal e a calidade de vida dos usuarios e das usuarias. Critican que dende Política Social se está a vender publicamente como remodelación integral do edificio o que na realidade son "meros parches" que non solucionan os problemas do centro.

Subliñan que as reformas se limitan a unha serie de elementos visíbeis "de ornamento e decoración para simular que se está a facer unha remodelación profunda". Neste senso, advirten que incluso hai determinadas actuacións que resultan prexudiciais para as traballadoras e traballadores e os/as residentes, como as humidades que hai no sétimo e quinto andar, derivadas de filtracións de auga dunha cuberta que non está adaptada á nosa climatoloxía

De feito, explica Mar Peteira, da sección sindical, a remuda nas baixantes de fibrocemento (con máis de 40 anos) é unha demanda reiterada do departamento de mantemento da residencia, da que a Administración galega "fai caso omiso".

Problemas na instalación eléctrica, fontanería e calefacción

Así mesmo, o persoal reclama unha mellora completa na instalación eléctrica e da fontanería (que rebenta con frecuencia provocando inundacións, sobre todo no soto); e tamén na da instalación da calefacción, que conta con  tubaxes "que están ao final da súa vida útil e sen sectorización que permita un aforro real e maio confort para as persoas residentes".

Outra das demandas refírese á adaptación dos corredores e das portas para a circulación con camas, guindastres e cadeiras de rodas, segundo o establecido na normativa vixente. Neste punto, a sección sindical da CIG sinala que o simple traslado dun/ha residente encamado convértese "nunha odisea", xa que hai que desmontar a cama por pezas para poder trasladala "porque non collen nin polos corredores nin polas portas, e tampouco é posíbel que pasen ao mesmo tempo dúas cadeiras de rodas nun corredor".

Tamén se reclaman melloras nos sistemas de intercomunicación cos cuartos, especialmente coas plantas de enfermaría.

Mais, denuncian, "Fabiola García, á fronte da Consellería de Política Social, opta pola política de parcheado, primando o decorativo sobre o funcional, creando máis problemas que solucións. Menos vender fume e cadeiras de deseño e máis eficiencia na xestión e inversións  adecuadas ás necesidades do centro", reivindican.