• Nova

Paro practicamente total nas conservas na primeira xornada de folga para reclamar un convenio digno

Centos de empregadas/os mobilizáronse en Vilagarcía, Vigo e Boiro ao berro de “non somos escravas, somos traballadoras!”
Nacional - 21 Xan 2022

A primeira xornada das tres convocadas nas conservas de peixe para reclamar un convenio colectivo digno tivo un seguimento practicamente total entre o persoal de produción. Centos de empregadas/os do sector aproveitaron para mobilizarse en Vilagarcía, Vigo e Boiro ao berro de “non somos escravas, somos traballadoras/es”, nun exemplo de “responsabilidade e compromiso” na defensa das súas condicións de traballo, tal e como salientaron dende a CIG.

A xornada reivindicativa comezou a primeira hora da mañá coa labor dos piquetes informativos ás portas das principais compañías do sector, especialmente nas comarcas do Salnés e do Barbanza, onde puideron constatar un seguimento masivo da folga. A CIG cifrou en arredor dun 90% o persoal de fabricación que non se presentou no seu posto de traballo, “o que amosa a responsabilidade e o compromiso que as persoas traballadoras do sector teñen co seu convenio e coas súas condicións laborais”.

A responsábel da FGAMT-CIG do Salnés, Rosa Abuín, valorou moi positivamente tanto o seguimento da folga como as propias mobilizacións celebradas na praza de Galiza en Vilagarcía, diante da Xunta en Vigo e ás portas do Concello de Boiro “a pesar dos intentos de boicot por parte da patronal con ameazas e coaccións ás traballadoras/es para que non secundasen o paro”. 

A CIG insta a patronal a "tomar nota" do éxito da xornada de paro

Neste senso, Abuín denunciou o acontecido por exemplo na empresa Frinsa de Ribeira, cuxos responsábeis ameazaron con despedir a todas aquelas persoas que participasen na folga. “Non imos permitir estes comportamentos absolutamente antidemocráticos que atacan un dereito fundamental como o de folga, e imos valorar co noso departamento xurídico a posibilidade de presentar unha denuncia”.

Ao mesmo tempo, a responsábel sindical instou a patronal a “tomar nota” do éxito rexistrado pola folga a pesar dos intentos do empresariado por facela fracasar, mesmo distribuíndo comunicados polas compañías e facendo contracampaña contra os sindicatos, “algo totalmente inédito no sector”. Por iso considera que “teñen que escoitar” as demandas do persoal sector, “que hoxe amosou o seu enfado por como se está a levar a negociación do convenio”.

De feito, foi a patronal a que decidiu suspender de xeito unilateral a seguinte xuntanza da mesa de negociación, prevista para o vindeiro día 27. “Poñen como escusa a folga, pero o certo é que levamos un ano de contactos e a parte social sempre se amosou disposta a negociar”. Por iso cualifica de erro que o empresariado rache unilateralmente a mesa de negociación “porque entendemos que o fai como represalia pola convocatoria, que é un dereito fundamental da clase traballadora”.

Perda de poder adquisitivo

Abuín reiterou que non se pode firmar un convenio por debaixo do IPC real, tal e como pretende o empresariado. “Se o IPC de 2021 a nivel estatal foi do 6,5% e a patronal está a ofrecer para ese ano unha suba do 2,25% a perda de poder adquisitivo está moi clara”. Para 2022 ofrece un 3%, para 2023 un 2,20% “e para 2024 propón unha fórmula que impide que saibamos canto vai ser a suba real”.

Por iso nas asembleas celebradas nas empresas para abordar a convocatoria de folga “percibimos un descontento importante entre os cadros de persoal porque a patronal está a escusarse na suba do prezo da electricidade para ofrecer un incremento salarial de miseria”. Abuín lamentou que a patronal pague deste xeito o esforzo e o compromiso do persoal dun sector que foi esencial durante a pandemia e que lle permitiu ao empresariado elevar os seus beneficios durante este período.

Finalmente, lembrou que a folga continuará os vindeiros días 3 e 4 de febreiro no caso de que as partes non cheguen a un acordo que permita desbloquear o conflito.