Paro total ao inicio da folga indefinida na limpeza dos colexios e instalacións deportivas de Pontevedra

O persoal da concesionaria Serveo desenvolveu unha mobilización ás portas do Concello para reclamar a readmisión das compañeiras despedidas
Pontevedra - 03 Nov 2026

A primeira xornada de folga indefinida no servizo de limpeza dos colexios públicos e instalacións deportivas do Concello de Pontevedra tivo un seguimento do 100% por parte do cadro de persoal, que aproveitou para mobilizarse diante do consistorio para reclamar a readmisión das catro compañeiras despedidas pola empresa Serveo nada máis facerse cargo da concesión.

Dende a CIG trasladan o malestar existente entre as persoas traballadoras pola decisión da compañía, xa que tras tres xuntanzas, no día de onte ofreceu readmitilas pero cunha perda salarial anual de máis de 5000 euros, que é a diferencia entre o convenio provincial de limpeza e o propio de empresa. “Serveo pretende que as traballadoras se acollan ao convenio provincial, perdendo salario e dereitos, mais o conflito só rematará cando volvan aos seus postos coas mesmas condicións que tiñan até o de agora”, explican dende a CIG de Pontevedra.

Ao mesmo tempo, demandan a intervención do Goberno local, “xa que non volvemos saber nada dos responsábeis municipais dende que anunciaron que lle solicitarían á empresa a readmisión das afectadas, abrindo a posibilidade incluso de rescindir o contrato da concesión no caso de que detectasen incumprimentos”.

Repartos informativos e mobilizacións

Os efectos do paro deixaranse notar nos centros educativos e nas instalacións deportivas, tendo en conta que servizos mínimos pactados coa Xunta contemplan unha persoa empregada por cada colexio e en días alternos, mentres que no caso das instalacións deportivas non foron comunicados por parte do Concello, polo que todo o persoal secundou a folga.

Ademais, as persoas traballadoras de Serveo teñen previsto levar a cabo repartos informativos este mércores ás portas dos centros educativos para explicarlles ás familias os motivos da convocatoria do paro indefinido, mentres que o xoves e o venres desenvolverán novas concentracións diante do Concello ás 11:30 horas.