Paro total no metal da provincia de Pontevedra na primeira das seis xornadas de folga en demanda dun convenio digno

Centos de piquetes percorreron os polígonos industriais dende primeira hora da mañá e milleiros de persoas mobilizáronse nas cidades
Vigo/Pontevedra - 07 Mai 2026

O metal pontevedrés volveu dar unha lección de dignidade obreira protagonizando unha nova xornada histórica para a clase traballadora galega ao paralizar case por completo a actividade nas principais empresas en sectores como o naval, talleres mecánicos ou concesionarios de automoción, deixando tamén practicamente desertos os distintos polígonos industriais da provincia. Milleiros de persoas tomaron as rúas de Vigo e de Pontevedra para reclamar convenios colectivos dignos tanto no metal como no comercio do metal, sector que se sumou á convocatoria tras ano e medio co convenio caducado.

Centos piquetes informativos despregáronse dende primeira hora da mañá por toda a provincia para constatar que a gran maioría das persoas traballadoras optaron por secundar o paro. Unicamente tiveron que actuar en determinadas empresas nas que a dirección estaba a presionar o persoal para impedir que exercese o seu dereito á folga. Con todo, a xornada transcorreu sen incidentes a pesar do forte dispositivo policial ordenado pola Subdelegación do Goberno español.

O éxito da folga evidenciouse tamén na contundente mobilización que tivo lugar en Vigo, xa que máis de 10.000 persoas percorreron o centro da cidade dende os estaleiros da Avenida de Beiramar até o edificio da Xunta, onde se celebrou unha asemblea na que se repasaron as propostas inasumíbeis da patronal e se lembrou as seguintes convocatorias para os días 13, 14, 19, 20 e 21 de maio. A cidade de Pontevedra tamén acolleu unha concorrida marcha a pé dende Mollabao até a praza da Peregrina, ao igual que localidades como Vilagarcía e Lalín.

A convocatoria de hoxe fora lanzada inicialmente pola CIG o pasado 21 de abril ante as pretensións do empresariado de precarizar as condicións de traballo no sector e en resposta á súa actitude inmobilista á hora de atender as reivindicacións da parte social. Nesa xornada a central anunciara tamén que o comercio do metal, que leva ano e medio co convenio caducado, optaba por convocar folga tamén para este xoves. A última xuntanza da mesa negociadora do convenio do metal que tivo lugar non fixo máis que constatar a “nula vontade” da patronal pontevedresa por chegar a un acordo, polo que CCOO e UGT decidiron sumarse á folga nos dous sectores.

O secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández, censurou hoxe de novo a actitude dunha patronal que se nega a negociar de boa fe, tratando de impoñer as súas propostas e rexeitando as achegas da parte social. O responsábel sindical debullou tamén as principais propostas recollidas na plataforma conxunta de convenio, coas que se pretende dignificar as condicións laborais das máis de 30.000 persoas que emprega o sector na provincia.

Para a CIG estas demandas constitúen liñas vermellas sen cuxa inclusión no convenio fan imposíbel a sinatura dun acordo, comezando pola duración excesiva do convenio (catro anos) e a suba salarial insuficiente (14% en total); “xa que no actual contexto de incerteza económica non temos garantía de recuperación do poder adquisitivo, porque non se asegura que os salarios recuperen o perdido coa inflación ao topar ao 2% a actualización a IPC”.

Tamén é necesario unha rebaixa real da xornada de traballo -segue a ser unha das máis altas do Estado- ante a proposta insuficiente e “tramposa” da patronal, “que fala dun día máis de vacacións pero a conta dos axustes da xornada anual”. En canto á xubilación anticipada, non se facilita nin se regula de maneira adecuada, nin con contrato de relevo.

Outra das reivindicacións ten que ver coa subrogación do persoal para protexer os postos de traballo nos cambios de contrata en determinados sectores; así como o establecemento de límites á subcontratación para rematar coa precariedade, a alta sinistralidade e a fragmentación do sector. Tamén se reclama a regulación da contratación fixa descontinua para evitar un uso abusivo desta modalidade. Así como medidas fronte ás altas temperaturas no verán, especialmente no sector naval, que pasarían pola implantación da xornada continuada durante este período.

Comercio do metal

No caso do comercio do metal, que emprega a unhas 10.000 persoas na provincia, dende o pasado mes de xaneiro non se celebran xuntanzas da mes de negociación dun convenio que leva ano e medio caducado, unha vez que os sindicatos con representación na mesa (CIG, CCOO e UGT) abandonaron as conversas ante a pretensión do empresariado de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal.

E tamén de suspender durante dous anos a aplicación de artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio. A intención desta última proposta é evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte. Ademais, a suba económica non contempla cláusula de revisión a IPC.

Ademais dos piquetes e da manifestación conxunta co metal, o persoal do comercio do metal desenvolveu unha unha nova marcha a pé entre Vía Norte e Porta do Sol na participaron varios centos de persoas.