Nova xornada de paros en CAPSA para reclamarlle á empresa que aplique a revisión salarial conforme ao IPC
Por terceiro mércores consecutivo, os traballadores e as traballadoras de Corporación Alimentaria Peñasanta SA (CAPSA) da Robra (Outeiro de Rei) continúan co calendario de mobilizacións para reclamarlle á empresa que faga efectivas as garantías económicas recollidas no convenio colectivo e aplique xa a revisión salarial ao IPC real. Hoxe, o persoal realizou un novo paro laboral das 13 horas ás 15 horas -cun seguimento do 100%- e unha concentración diante das instalacións da Robra.
O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, explica que tras iniciar o calendario de mobilizacións, abriuse unha mediación coa empresa pero nas tres reunións celebradas até o momento (os días 22, 27 e hoxe mesmo) non se produciron avances e as posicións das partes seguen moi distanciadas, xa que CAPSA teima en non cumprir co pactado no convenio.
Neste senso, considera impresentábel que un grupo empresarial de ‘base cooperativa’ que comercializa marcas tan coñecidos como Larsa, Central Lechera Asturiana ou ATO, que declara enormes beneficios e que busca proxectar unha imaxe mediática de forte compromiso co sector, ignore as condicións pactadas na negociación colectiva e se negue a cumprir coas súas obrigas legais.
O conxunto das traballadoras e dos traballadores considera moi grave esta actitude patronal, máis aínda nun momento no que o custe da vida está disparado e os salarios perden poder adquisitivo a causa da elevada inflación. Por iso xa advirten que, de non producírense avances que garantan a revisión salarial conforme ao IPC real, o conflito intensificarase coa convocatoria de novas mobilizacións nas próximas semanas.