Xornada de paros e concentracións en Teleperformance contra a explotación laboral

A sección sindical da CIG denuncia a precarización das condicións e a falta de interlocución coa empresa
A Coruña - 25 Xan 2019

A sección sindical da CIG en Teleperformance convocou para este venres unha xornada de paros de unha hora por quenda de traballo, contra a precariedade laboral e para esixir unhas condicións dignas. Coincidindo cos paros, a CIG realizou unha concentración este mediodía diante da entrada da empresa e está prevista unha nova protesta para ás 17 horas.

Dende a sección sindical da CIG sinalan que con estas mobilizacións quérese dar unha resposta á política de precarización laboral e despedimentos aplicada pola empresa e esixir solucións inmediatas. Neste senso, o secretario da sección sindical, Tino Fernández, explica que se están a rexistrar problemas en varias campañas pero, a pesar das reiteradas solicitudes de reunión, "a dirección ignora de maneira sistemática as nosas denuncias e négase a abrir unha negociación".

Advirte que situación laboral dos traballadores e das traballadoras é cada vez peor, con baixos salarios, modificacións arbitrarias das condicións e abuso das contratacións a tempo parcial, ao tempo que se incrementan as presións e os acosos. "Non temos tempo administrativo entre chamadas, prodúcense despedimentos inxustificados de compañeiros e compañeiras a quen a empresa culpa dunha suposta baixada voluntaria do rendemento; móvese ao persoal dunha campaña a outra sen darlle a formación necesaria nin o tempo para adaptarse, pero que ao que se somete a valoracións dende o primeiro momento, etc.", explica.

Fernández lembrou que no último ano houbo máis de 100 despedimentos na plataforma da Coruña e, tan só no mes de decembro, a empresa botou á rúa a máis de 50 persoas. Este persoal formaba parte dunha nova campaña de Orange para a que Teleperformance colleu a 80 persoas, pero tras realizar unha formación non remunerada durante cinco semanas, ao pouco de seren contratadas, a dirección comunicoulles o seu cese alegando que non superaran o período de proba. "En realidade o que ocorreu é que Teleperformance calculou mal o persoal que precisaba e despediunos con esa escusa, intentando tapar así un despedimento colectivo e o que iso implica", subliña.

Xornadas e salarios cativos

Neste senso, incidiu en que as últimas contratacións realizadas en Teleperformance foron todas de xornadas de 25 horas ou menos, incrementando así a precariedade laboral. Ademais, a empresa retirou sen previo aviso as ampliacións de xornada até as 30 horas que estaba realizando nalgunha campaña, polo que hai traballadores e traballadoras que veñen de fóra da Coruña "a quen o salario non lle chega nin para pagar os desprazamentos". A isto hai que engadir os erros constantes no cálculo das nóminas, "que a empresa tarda meses en solucionar" e que incluso se están facendo descontos nos salarios polo tempo que o propio sistema desconecta o persoal, "sen averiguar sequera a que se debe esa desconexión".

O representante sindical denuncia tamén que a empresa aplicou modificacións dos plans de incentivos, endurecéndoos de tal maneira que case ninguén pode cobralos. "Se antes cobrábamos pouco en incentivos, agora só valen para dicir que existen e nalgunhas campañas xa nin iso. A empresa agarda que fagamos grandes esforzos para ao final cobrar 20 ou 30 euros máis ao mes. Con estas cantidades pouco se incentiva ao persoal", asevera.

Por se non fora abondo, Teleperformance presiona as traballadoras e traballadores para que non collan os permisos retribuídos que teñen recoñecidos no convenio colectivo e para que recuperen as horas e tamén hai problemas para lograr as concrecións horarias. "Cada dereito témolo que pelexar duramente", denuncia.

A empresa ignora as solicitudes de reunión da CIG

Xunto a isto, a sección sindical da CIG sinala que as teleoperadoras e teleoperadores apenas teñen tempo entre chamadas nin para solucionar as solicitudes da clientela, véndose na circunstancia de ter que atender a clientes descontentos a quen se lles dá un mal servizo e non lle poden achegar ningunha resposta, "pero de quen temos que conseguir unha boa valoración".

Diante deste cúmulo de despropósitos, a sección sindical da CIG remitiu hai un mes un escrito á dirección pedindo unha reunión urxente para tratar todas estas problemáticas e buscar solucións. "Porén, a empresa non só non nos contestou, senón que tivo o descaro de convocar unha xuntanza só coa representación de CCOO e UGT, negándonos á información á que temos dereito como parte do comité". Esta vulneración xa foi denunciada na Inspección de Traballo.

Así as cousas, a sección sindical da CIG acordou convocar esta primeira xornada de paros e concentracións "porque sobran as razóns e xa é hora de pararlle os pés á empresa".