Paros na piscifactoría da empresa Insuíña en Xove para reclamar a negociación dun convenio propio

Terán lugar este xoves 30 de decembro de 12:30 a 14:30 horas e tamén o vindeiro 5 de xaneiro

Xove -

O persoal da piscifactoría que a empresa Insuíña ten no concello lugués de Xove decidiu en asemblea celebrada o pasado mércores 22 levar a cabo accións de protesta para esixir o inicio da negociación dun convenio de empresa. A primeira delas terá lugar hoxe xoves 30 de decembro e consistirá nun paro de dúas horas (de 12:30 a 14:30), mentres que para o vindeiro 5 de xaneiro teñen convocados novos paros de tres horas por cada unha das quendas de traballo. 

O comité solicitou a principios de ano a creación da mesa negociadora

Segundo explican dende a Unión Local da CIG da Mariña, a comité de empresa de Xove e os delegados de persoal da factoría de Mougás solicitáronlle por escrito á empresa a principios de ano a constitución da comisión negociadora dun convenio colectivo de empresa. Mais a dirección xustificou a non convocatoria pola negociación que se estaba levando a cabo dun convenio de acuicultura de ámbito estatal.

“Pero a pesar de que a negociación rematou no verán e que o convenio xa foi publicado no BOE o 5 de decembro a empresa segue sen convocar a comisión negociadora”, denuncian dende a central sindical. Por iso o comité de empresa propuxo a convocatoria dos paros, que foi ratificada polo cadro de persoal en asemblea.

Volver