Paulo Carril: "Abonda xa de declaracións, o que precisamos son decisións políticas para derrogar as reformas laborais"

Delegados e delegadas da CIG mobilízanse para esixir unha saída galega xusta da crise

Nacional -

Delegados e delegadas da CIG concentráronse este xoves nas sete cidades e en Vilagarcía para esixir a derrogación das reformas das reformas laborais e un cambio de políticas que permitan unha saída galega xusta da crise. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicaba que estas mobilizacións forman parte do calendario de accións que a central nacionalista iniciou meses atrás e que terá continuidade no mes de xuño cunha gran mobilización nacional de delegadas e delegados.

"Xa estamos fartos e fartas de declaracións, o que precisamos son decisións políticas para que se derrogue a reforma laboral coa mesma rapidez coa que o Goberno de Raxoi a aprobou", afirmou Carril durante a protesta diante da Delegación do Goberno da Coruña. A respecto das palabras da Ministra de Traballo onte no Congreso, engadiu que "calquera prazo que se poña que non supoña tombar a reforma laboral en cuestións de semanas fai cómplice das súas consecuencias a quen, podendo, non toma esta decisión".

Carril apuntou á falta de xustificación para manter en plena vixencia estas políticas antiobreiras "e tampouco entendemos que os partidos que sosteñen o goberno español non estean empurrando para que o clamor social que pide a derrogación da reforma laboral se converta xa en decretos para facelo realidade".

Advertiu que se está perdendo "un tempo moi necesario" para que a recuperación económica favorábel aos intereses das maiorías sociais sexa unha realidade. "Non podemos permitir que se siga adiando esta decisión cando a destrución de emprego, a caída da poboación activa, a extensión da precariedade laboral, ou a caída da negociación colectiva van en aumento", subliñou.

Non será posíbel avanzar na recuperación se non se derrogan as reformas

Neste senso, o secretario xeral da CIG incidiu na imposibilidade de camiñar cara a unha recuperación social e económica e a que se xere emprego digno cando "aínda temos enriba da mesa unhas reformas laborais como estas (a de 2010 e a de 2012). Polo tanto, calquera demostración de vontade de querer avanzar na saída da crise pasa pola súa derrogación para podermos recuperar os dereitos laborais e sociais".

Valorou que, neste contexto, toda a ampliación dos acordos dos ERTE que se están a asinar sobre a base da vixencia da reforma laboral "significa ERTE á carta para a patronal e unha caída de salarios. Os acordos sociais, e sen máis condicións que as pactadas, tradúcense nunha vantaxe enorme e nun poder absoluto para que a patronal faga o que lle pete".

Ademais, denunciou que, debido á reforma fiscal aplicada durante do Goberno de Arzar (e que segue en vigor), os sectores máis desfavorecidos da clase traballadora están soportando unha maior carga fiscal "como xa advertimos o pasado ano e como estamos a ver agora nas declaracións da renda". A isto engadiu a situación daquelas persoas máis empobrecidas ás que se lles reclama a devolución da Risga "porque percibiron o ingreso mínimo, que non cubre as necesidades vitais e que para nada responde ao salario de inserción social que dende a CIG reclamamos".

O diálogo social como escusa

Para o secretario xeral da CIG, "cada ERTE, cada ERE, cada despedimento, cada minoración dos salarios e das condicións laborais ten causa nesta reforma e ten responsábeis, que son aqueles e aquelas que tendo medios e suficiente maioría parlamentar non tomban estas reformas".

Nesta liña, lamentou que o diálogo social estea sendo o compañeiro inseparábel e a escusa perfecta para prolongar inxustificadamente a vixencia das reformas e sirva para darlle á patronal medios ilimitados para recortar dereitos e empobrecer máis a clase traballadora. "Non é críbel tampouco que aquelas organizacións que chaman de forma ocasional na rúa á derrogación da reforma laboral, senten nas mesas de diálogo social facendo o posíbel e servindo de pretexto para mantela en vigor", concluíu.

Volver