Paulo Carril: “Ante a reforma laboral non hai transición posíbel, ten que haber ruptura democrática”

Os salarios en Galiza están hoxe, en termos reais, un 7,6% por debaixo dos niveis de 2009
Nacional - 27 Xan 2020

Os salarios en Galiza están, en termos reais, un 7,6% por debaixo dos niveis de 2009. Desde aquela medraron as desigualdades entre quen máis e quen menos cobran e perdeuse poboación activa e ocupada pola crise e a emigración. A taxa de temporalidade situouse, en 2019, no 27,4%, 7 décimas por riba da que había en 2018; o 13,5% da poboación asalariada ten xornada parcial e o 85% dos contratos duran menos dunha semana. Unha situación derivada das reformas laborais e da negociación colectiva que provocaron un incremento intolerábel da precariedade e da pobreza laboral que fai improrrogábel a súa derrogación. “Non hai transición posíbel, ten que haber ruptura democrática”.

Así o concluíu esta mañá o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen compareceu en rolda de prensa, xunto ao secretario confederal de Negociación colectiva, Francisco González Sío, para presentar os máis salientábeis, e preocupantes, datos do informe de Rendas Salariais e as propostas da central sindical en materia de Negociación Colectiva para o ano 2020.

Uns datos diante dos que, para a CIG “non valen derrogacións parciais, porque toda a reforma laboral, desde o primeiro ao último artigo, é brutalmente inxusta e non hai absolutamente nada aproveitábel, nin artigo ningún que poida ser, nin tan sequera, revisábel”, explicou.

Demandas urxentes

Por iso demandou “celeridade” ao novo goberno en xeral, e á Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, en particular, “porque canto máis tempo se tarde en derrogala, máis crítica vai ser a situación e máis posibilidades vai ter o capital e a patronal de facer prevalecer este modelo que tanto dano está causando”.

O secretario xeral da CIG anunciou que esta será unha das demandas que a central sindical traslade a Díaz na xuntanza prevista para o día 10 de febreiro, na que ademais exixirá, como vén facendo desde hai anos, a aplicación das recomendacións da Carta Social Europea, segundo a que o SMI ten que ser de, como mínimo, o 60% do salario medio, isto é, de entorno aos 1.200€. “En Galiza estamos preto de que o 50% da poboación estea ou ben na pobreza, ou ben na extrema pobreza, ou ben camiño da pobreza. O actual decreto, que incrementa o SMI para o ano 2020 a 950 euros, cronifica a situación e imposibilita unha recuperación salarial que permita vivir en condicións dignas”.

Canda isto, a CIG reclamará que haxa unha aplicación directa do SMI sen a absorción dos complementos porque en 2019 “a patronal quixo, e onde puido o aplicou –coa concertación e o diálogo social con UGT e CCOO-, deixar sen efecto a suba dos 900 euros, absorbendo os complementos e compensando así o incremento, o que provocou que nin se modificaran, nin se incrementaran un só euro as nóminas”.

Xunto a estas cuestión Carril indicou que a CIG demandará a supresión do IPREM. “Un indicador creado no seu momento por Zapatero para reducir a capacidade de recoñecemento de prestación públicas”.

Os salarios seguen perdendo peso no PIB

Canto aos datos (que figuran no documento anexo), o secretario xeral da CIG chamou a  atención sobre o descenso do peso dos salarios que pasaron do 48% do PIB en 2009 ao 42,4% no terceiro trimestre de 2019. Un descenso do 5,6%, que non ten comparación nin co que se deu no espazo da UE28 -onde caeu 0,8 puntos-, nin coa que houbo no Estado español –onde caeu 3,8%-, o que constata “o profunda que é esta crise e as políticas de saqueo constante á clase traballadora galega”.

Nesta perda de peso contribuíu o descenso das persoas asalariadas, o prezo por hora que en Galiza é de 17 euros/hora, mentres que na UE28 é de 23,7 e no Estado español é de 19,7 euros/hora. Cifras que implican que a remuneración media das persoas traballadoras galegas é o 72% da remuneración media das persoas traballadoras na UE e un 7,6% inferiores á media do Estado español.

Isto, xunto co feito de que entre o ano 2009 e o 2018 os salarios aumentaron nun 5,2% mentres que a inflación foi do 11,8% o que dá que a perda de poder adquisitivo real foi dun 6,6%.

O secretario xeral da CIG chamou a atención sobre o aumento das desigualdades e do emprego nos tramos de menores ingresos, mentres que se produciu un importante descenso nos tramos de maiores ingresos e ingresos medios. Advertiu da continua perda de persoas asalariadas menores de 35 anos, que foi ademais o grupo de idade onde máis descendeu o salario medio anual. Alertou do aumento da desigualdade por sectores de actividade. Denunciou que a fenda salarial entre homes e mulleres mantense no 21,5% e tamén as diferenzas salariais entre a Galiza interior e a litoral.

Propostas para a negociación colectiva

Fronte a un panorama coma este tal e como indicaron tanto Carril, como o secretario confederal de Negociación Colectiva, a CIG aposta pola mobilización para recuperar os salarios e poñer fin así á precariedade e á pobreza laboral. Mobilización que se intensificará na negociación colectiva como “clave para reverter esta situación”.

Deste xeito, tal e como explicou Francisco González Sío, na negociación colectiva, para avanzar na recuperación salarial, a CIG defenderá incrementos superiores ao 3%; que quede reflectido nos convenios o carácter non absorbíbel dos complementos; a prohibición das duplas escalas salariais e a igualdade retributiva entre homes e mulleres.

Xunto a isto, para loitar contra a precariedade e a pobreza salarial, González Sío explicou que a central sindical centrarase moito no que ten que ver coas novas formas de explotación laboral xurdidas a raíz da reforma da negociación colectiva e que afectan, sobre todo, á mocidade e ás mulleres. “Témolas localizadas, temos feitas varias campañas o ano pasado e o anterior, con relativo éxito, pero este ano na negociación colectiva temos que limitar que se siga afondando neste modelo”.

Como exemplos puxo a introdución de cláusulas de limitación dos contratos a tempo parcial, que afectan sobre todo ás mulleres e regular o mínimo de fixos nos cadros de persoal, diante da alta taxa de eventualidade que hai; estender nos convenios de sector que o persoal das contratas teña as mesmas condicións que os traballadores/as das empresas principais e prohibición das ETTs, entre outras.

Respecto desta última cuestión indicou que “temos sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que así o avalan aínda que a Xunta de Galiza mediante o rexistro de convenios está paralizando algún que ten estas cláusulas. Non entendemos por que o fai cando a propia xustiza di que temos lexitimidade para limitar o uso das ETTs por parte das empresas”.

Novas formas de precariedade

González Sío advertiu sobre as novas formas de precariedade e asegurou que a CIG perseguirá as empresas multiservizos que amparándose no marco estatal e na prevalencia dos convenios de empresas sobre os convenios de sector, fai que grandes multinacionais monten empresas cun convenio de empresa estatal e que entren en todos os sectores rebentando absolutamente as condicións laborais do persoal do sector.

Especial mención fixo dos Centros Especiais de Emprego, onde a CIG entende que nin a Xunta nin a administración do Estado están exercendo o labor de control que deberían. “Esta é unha modalidade de empresas onde se contrata a persoas con capacidades distintas pero moi o contrario de favorecer a súa inclusión están sendo explotadas laboralmente, aplicándolles as condicións mínimas e exixíndolle o mesmo que a calquera outro traballador e traballadora”.

González Sío denunciou que estas empresas reciben ademais subvencións e polo tanto exixiu que “teñan as mesmas condicións que nas empresas principais”.

Mobilización o día 30

A central sindical ten xa convocadas, para o vindeiro día 30 de xaneiro, mobilizacións en todas as comarcas, pola recuperación de dereitos, en demanda da derrogación da reforma laboral e da negociación colectiva, mais tamén para exixir “unha resposta urxente ante a crise industrial que de Norte a Sur atravesa o noso país e que afecta, desde a industria electrointensiva até o naval de Ferrol ou de Vigo; para reivindicar unha transición xusta en Meirama e As Pontes; por todas as incertezas que hai na industria do automóbil, Isidro 1952, EMESA ou diante da deslocalización e perda de emprego no sector de centros de chamadas e teñecomunicacións”.

Carril lembrou que “temos claro que nin o poder económico nin o poder político van regalar ningún dereito”, asegurou que “os dereitos conquístanse coa mobilización”. Denunciou a perversión de confundir o diálogo social, que o que fai é “domesticar, xerar desmobilización e lexitimar políticas moi agresivas contra a clase traballadora”, co diálogo institucional, que “é a obrigada interlocución que ten que ter un goberno cun sindicato ou coas patronais”.

Declaración político sindical dos sindicatos nacionalistas

Ademais disto, o secretario xeral da CIG adiantou que o vindeiro día 5 de febreiro terá lugar a sinatura, promovida pola CIG dunha “declaración político sindical de todo o sindicalismo máis representativo e hexemónico nos seus respectivos países” -CIG, ELA, LAB e I-CSC- para interpelar ao goberno en dúas direccións: “por unha banda pola derrogación total da reforma laboral e unha reversión para a recuperación dos dereitos arrebatados pola crise e, pola outra, polo recoñecemento dos marcos propios de decisión e o impedimento a que se siga centralizando a lexislación laboral e a negociación colectiva”.