Paulo Carril: "Neste xuízo imos demostrar o despropósito e a sen razón dos plans de Alcoa"

O secretario xeral da CIG cualifica a actuación da empresa de "terrorismo patronal" e reivindica a intervención inmediata da fábrica
A Coruña/Cervo - 03 Dec 2020

“Estamos hoxe aquí para facer valer, en sede xudicial, toda a sen razón de Alcoa, a falta de  xustificación do ERE e o despropósito ao que nos ten conducido esta empresa”, con estas palabras valoraba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o xuízo de impugnación do expediente de extinción que hoxe se celebra no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Un proceso que resulta clave no desenvolvemento do conflito, mais Carril insistiu en que a solución para garantir a continuidade industrial e os empregos non está nos xulgados. “A solución para parar definitivamente os plans de desmantelamento de Alcoa depende de decisións políticas, da intervención pública da planta”, aseverou.

» Vídeo da declaración de Paulo Carril

» Vídeo das conclusións do letrado da CIG, Héctor López de Castro

Ás portas do TSXG, Carril -que comparece na vista como testemuña- subliñou que neste xuízo "imos demostrar con toda a contundencia o despropósito de Alcoa e a nulidade do ERE de extinción”. Neste senso, criticou a postura intransixente mantida pola multinacional, que boicoteou todas as saídas que se lle ofreceron, empezando pola proposta industrial do Ministerio e seguindo pola posibilidade de compra de GFG Alliance ou a proposición de adquisición a través da SEPI, "impedindo así o mantemento de centos de postos de traballo da principal e das auxiliares e continuar coa produción de aluminio primario en San Cibrao”.

Unha actuación que cualificou de "auténtico terrorismo patronal" que, de permitirse, suporá a desaparición dun sector estratéxico para a economía do noso país como é o aluminio, e deixará a toda unha comarca sen futuro nin alternativa industrial.

Os Gobernos deben actuar xa

Por iso, o secretario xeral da CIG esixe dos Gobernos español e galego que abandonen a pasividade e inacción e dean xa os pasos necesarios para a intervención pública da fábrica, a súa nacionalización, mediante un proceso de expropiación forzosa ou outro mecanismo, xa que é a única garantía de frear os plans de Alcoa e manter o emprego e a actividade das cubas de electrólise.

"Porque esta falta de acción decidida do Goberno español e da Xunta tamén nos leva a ter que defender hoxe os postos de traballo e as capacidades produtivas de San Cibrao diante da xustiza”, concluíu.

Protesta diante da fábrica

Ao tempo que se desenvolvía o xuízo, os traballadores e as traballadoras -que seguen en folga- desenvolveron unha concentración ás portas da fábrica para esixir solucións e a intervención inmediata da planta.