Paulo Carril: “Os custos da declaración de estado de alarma e emerxencia sanitaria non poden recaer na clase traballadora”

A CIG reclama do goberno que habilite un fondo especial para enfrontar os custos económicos, sociais e laborais

Nacional -

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, manifestou esta mañá, en comparecencia virtual, que “a declaración de estado de alarma e de emerxencia sanitaria non pode recaer na clase traballadora, como tampouco nas empresas” e denunciou que “a lentitude na adopción de medidas está provocando que as empresas estean repercutindo nas traballadoras e traballadores o custe real de toda esta situación”.

Carril, que arrincou a súa intervención facendo un chamamento á serenidade, mais tamén “a que se adopten todas as medidas necesarias para poder afrontar esta situación”, advertiu que a declaración de estado de alarma, por parte do Estado español, ou de emerxencia sanitaria, por parte da Xunta de Galiza, non pode ser “un cheque en branco para aproveitar a situación para recortar dereitos e liberdades fundamentais ou invadir competencias das comunidades autónomas”.

Xunto a isto considerou que “non é de recibo que a estas alturas, e despois dos días transcorridos, non se tiveran adoptado polo goberno, ao tempo que a declaración do estado de alarma, as medidas urxentes que no ámbito laboral son tamén urxentes e necesarias”. Neste sentido reprochou tamén ao goberno da Xunta non ter reclamado esas medidas.

Denunciou que, por iso, “estase a xerar un caos” e producíndose “abusos patronais” aos que reclamou “pór freo”. Medidas que cualificou como “inxustas”, ben para non traballar, ben pola imposición e obrigatoriedade de ter que traballar “aínda que non se dean as condicións”.

As reformas laborais como marco lexislativo

O secretario xeral da CIG alertou de que, ao non se adoptaren medidas no plano laboral, o que se está utilizando é o articulado das tan prexudiciais e lesivas reformas laborais de 2010 e 2012, como a “barra libre” de “invocar a chamada forza maior” para trasladar en exclusiva á clase traballadora as consecuencias desta situación. todos os custes e a problemática laboral que xera a declaración de estado de alarma que vivimos.

Para Carril “permitir que as empresas sigan consumando decisións deste tipo á hora de afrontar a parada de produción significa que estamos creando as condicións para que, despois deste estado de alarma, se precipiten máis ERES e máis recortes de dereitos”.

Por iso defendeu que ante a situación de alarma e de medidas urxentes, solucións extraordinarias como as que nós entendemos que se deben adoptar.

Denunciou que xa están chegando, desde a declaración de estado de alarma, “toda unha serie de suspensións temporais, a través da utilización dos ERTES, ou da imposición de vacacións, no mellor dos casos… Medidas que considerou “moi inxustas” e que “non resolven a situación, senón que están creando novos problemas”.

Lembrou que Galiza enfronta esta situación en plena crise industrial e advertiu que “hai quen está aproveitando esta circunstancia para xustificar paradas de produción” ou, como no caso de Citröen, para manter a toda costa a produción, “aínda que sexa con alto risco para os traballadores e traballadoras a produción”.

Con todo apuntou como sectores máis afectados, o turismo e a hostalaría, “onde o impacto está sendo máis claro e visíbel”, e en xeral todo o sector Servizos, agás aqueles establecementos e servizos sociais considerados como esenciais.

Dereito a permiso retribuído por deber insecusábel

Para a CIG entre as medidas urxentes cómpre primeiro “declarar o dereito a un permiso retribuído por cumprir un deber inescusábel como é o coidado de menores e persoas dependentes diante da declaración de estado de alarma, mais tamén o deber social de quedar na casa para evitar a propagación da pandemia”. Permisos que, lembrou, están sendo denegados, malia estar contemplados no Estatuto das Traballadoras e Traballadores, en concreto, no artigo 37.3.

Xunto a isto demandou que se dean as garantías suficientes para as traballadoras e traballadores que están obrigadas a traballar porque non teñen outra posibilidade, garantindo que as forzas de orde público confirmen que se adoptan as medidas suficientes en materia de saúde laboral”.

Ademais defendeu a necesidade de que o goberno supervise e clausure aqueles centros de traballo no que non se garantan as medidas de prevención, para que se poida facer o traballo con seguridade.

Xunto a isto considerou necesaria “a adopción de medidas especiais que abaraten ou mesmo faciliten o non pago de enerxía, ante os grandes consumos que se están realizando ao estar na casa” e demandou “compensacións especiais para o conxunto de traballadores/as que están traballando nestas condicións, persoal sanitario, persoal do comercio, persoal da axuda ao fogar, persoal de atención a maiores en residencias públicas ou privadas, e de todas aquelas traballadoras e traballadores que están obrigados a desempeñar o  seu traballo, en moitas ocasións sen dispor das medidas de protección necesarias e soportando unha tremenda presión como ocorreu estes últimos días nos supermercados”.

Creación dun fondo especial para afrontar os custes económicos

O secretario xeral da CIG exixiu tamén do goberno que se habilite un fondo especial qie compense esta situación, entendendo que non pode recaer nas empresas, e “sabedores de que a UE ten acordado que todo este gasto non está limitado polas restricións de gasto público. É un problema de vontade política”.

Volver