Péchanse as negociacións do convenio da conserva cun acordo que afonda nas desigualdades entre o persoal
O proceso negociador do convenio colectivo do sector da conserva de peixe e marisco pechouse onte cun acordo entre a patronal e os sindicatos estatais que afonda nas desigualdades entre o persoal do sector xa que non resolve as diferenzas no sistema de clasificación profesional, ademais de non contemplar redución de xornada nin garantir o mantemento do poder adquisitivo dos salarios.
A CIG denuncia que a pesar de que o pacto se escenificou na última xuntanza da mesa negociadora celebrada na sede do Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) en Madrid “a realidade é que xa estaba todo decidido dende a chamada acta de aprazamento asinada por CCOO e UGT co empresariado o pasado 20 de xaneiro”.
Non contempla redución de xornada, nin melloras en licenzas e permisos retribuídos, nin avances reais en materias importantes do convenio
Dende a central sindical amosan a súa oposición a un convenio a seis anos (2025-2030) que non resolve os problemas estruturais do sector, non mellora a situación da maioría do persoal e mantén e reforza as desigualdades entre as persoas traballadoras. “Tampouco contempla unha redución de xornada, nin melloras en licenzas e permisos retribuídos, nin avances reais en materias importantes do convenio”. E a suba salarial establecida baséase nunha progresión á baixa que non garante a recuperación do poder adquisitivo: 2,9% (IPC) en 2025; 2,5% en 2026; 2,5% en 2027; 2% en 2028; 1,5% en 2029; e 1,5% en 2030.
Ademais, o problema central do sector segue sen resolverse, xa que a clasificación profesional de transición ate 2030 é un “parche” que “mantén e reforza” as desigualdades no sector. “Botaron por terra o traballo feito na comisión técnica do convenio anterior”, lamentan na CIG. A central sindical defendía unha proposta “clara” baseada nos 87 postos valorados pola auditora KPMG, “cun sistema sinxelo e transparente” (dirección, mandos intermedios/persoal técnico e experto e persoal administrativo e operario) e con nomenclátor sectorial e complementos ligados á realidade do posto.
Sistema máis complexo e conflitivo
Mais o novo convenio “vai xusto na dirección contraria”, xa que mantén a clasificación funcional antiga até 2029, atrasa a transición real até 2030, introduce unha táboa de equivalencias complexa e multiplica os niveis e encaixes intermedios. “En consecuencia, non se elimina o sistema vello, conviven dous modelos durante cinco anos e créase un sistema máis complexo e potencialmente conflitivo”. Ao tempo que se perpetúan divisións que a central sindical reclamaba eliminar, precarizando a base operaria. “O peón, por exemplo, queda no nivel 10 (o máis baixo); polo que no canto de dignificar consolídase un chan inferior e refórzase a precariedade”.
Finalmente, dende a CIG censuran o propio proceso de negociación, tendo en conta que o convenio “xestouse de costas ás persoas traballadoras do sector e movéronse marcos lexislativos que condenan á maioría dos cadros de persoal a seis longos anos de precariedade”. Polo que a central sindical reafírmase na esixencia de negociar “convenio aquí e non en Madrid” e adianta a súa intención de barallar a convocatoria de novas protestas pola dignificación das condicións laborais no sector da conserva.