Peche de 24 horas en Urxencias do Clínico en demanda de máis persoal

Os traballadores/as denuncian que se lles denegan cambios de quenda

Compostela -

A folga indefinida convocada no servizo de Urxencias mantense e este mércores, día 19 de decembro, o persoal fará un peche de 24 horas para reiterar a súa demanda de máis persoal e de que se manteñan abertos todos os ocos para evitar as saturacións e garantir unha atención de calidade ás/aos doentes. Xunto a isto, o presidente da Comisión Especializada de Centro, Camilo Agulleiro, denunciou que se lle están denegando os cambios de quenda ás traballadoras e traballadores. “Cremos que é un acto de represalia contra o persoal, máis cando está o 100% de servizos mínimos”.

Agulleiro sinala que era habitual, até o de agora, dar os cambios de quendas sen problema. Xunto a isto denunciou que se está reforzando o servizo, en plena folga, cuestión que anunciou que se denunciará perante a Inspección de Traballo e xudicialmente.

Peche de 24 horas

Diante da falta de acordo coa Xerencia, que mantivo na última xuntanza a proposta de 5 auxiliares, 5 enfermeiros/as e 2 médicas/os, a asemblea de traballadores/as reiterou a súa decisión de facer o peche de 24 horas previsto para o mércores día 19 e unha concentración ás 12:00 horas. Un enterro simbólico das Urxencias para evidenciar a situación na que se atopa o servizo.

O persoal segue reclamando que todos os ocos habilitados pola anterior Xerencia se manteñan abertos, pero dotados do persoal necesario, igual que calquera outro servizo do hospital, que conta cun persoal estable, independentemente de que estean ou non ocupadas todas as camas.

Por iso consideran que “non procede ningunha outra reunión mentres non presenten nada novo” e así o acordou o comité de folga. O persoal, segundo Agulleiro, “non entende” a actitude da Xerencia. Lembra que as traballadoras e traballadores chegaron a esta convocatoria de folga despois de “moitos desenganos” ao longo dos últimos anos. “Foron abrindo espazos paulatinamente e fóronlles facendo promesas de que os ían a cubrir de persoal” sen chegar a facelo. Por iso agora “non se fían da suposta boa intención da Xerencia, queren feitos” e manteñen firme a súa decisión de continuar coa folga.

Volver