Pensionistas da CIG de Vigo trasladan ao centro de saúde de Coia a súa campaña en defensa da atención primaria

Reclaman os recursos materiais e humanos necesarios para garantir un servizo de calidade
Vigo - 01 Mar 2022

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG de Vigo continuou hoxe coa súa campaña en defensa da atención primaria, nesta ocasión cunha concentración ás portas do centro de saúde de Coia para reclamar os recursos materiais e humanos precisos para contar cun servizo de calidade que cubra as necesidades sanitarias da poboación. En concreto, demandan máis contratacións de persoal en condicións de traballo dignas e que se acometan as reformas estruturais precisas para garantir unha atención axeitada ao conxunto da cidadanía.

As persoas xubiladas e pensionistas da CIG-Vigo denuncian que a Consellaría de Sanidade centrou o seguimento da covid na atención primaria sen tela dotado de recursos para garantir a cobertura do resto das necesidades sanitarias da veciñanza, xa que “a atención sanitaria á pandemia non pode ser excluínte do resto da asistencia”. Neste senso, fan fincapé en que a covid non fixo máis que agudizar a situación de sobrecarga e falta de recursos que padecía a atención primaria xa antes da pandemia.

“Sabemos que o que está a acontecer neste servizo non é responsabilidade dos profesionais, polo que lle esiximos á Consellaría de Sanidade que acometa as reformas estruturais necesarias para que a atención primaria poida dar resposta ás necesidades das persoas usuarias da sanidade pública, especialmente ás máis vulnerábeis, pensionistas e pacientes con enfermidades crónicas que precisan seguimento”, sosteñen.

Por iso reclaman o incremento do número de profesionais para prestar unha asistencia sanitaria integral e de calidade; a posta en marcha das carteiras de servizo de todos os profesionais, incorporando aquelas persoas que poidan mellorar a resposta ás necesidades da poboación; e unha reforma das áreas administrativas, escoitando as propostas dos profesionais e das persoas usuarias.

Rematar coas listas de agarda

No que ten que ver coas necesidades de persoal, inciden en que é preciso dotar a atención primaria de todos os colectivos profesionais para garantir unha asistencia “integral e integrada”, sen listas de agarda e con tempo para prestar una atención de calidade. “Neste momento solicitamos a contratación estábel de profesionais da medicina de familia, da pediatría e da enfermaría, por ser evidente a súa necesidade”.

En canto á reforma das áreas administrativas, consideran que se trata dun aspecto fundamental para que os profesionais poidan contar con espazo suficiente para atender as diferentes demandas nunha contorna confortábel na que se garanta a confidencialidade. “É preciso rematar coas colas interminábeis, en moitas ocasións fóra dos centros, e coas dificultades para contactar por teléfono cos centros de saúde”.

Finalmente, indican que as persoas usuarias da sanidade pública teñen dereito a unha atención da calidade, “e isto só é posíbel se os profesionais poden traballar en condicións dignas, que permitan poñer o seu coñecemento a disposición das necesidades da poboación”.