Pensionistas e xubiladas mobilízanse por unhas pensións públicas, dignas e garantidas

Exixiron, con concentracións nas cidades galegas, a derrogación das reformas
Nacional - 29 Out 2019

As cidades galegas acolleron este mércores mobilizacións do Colectivo de Xubilados/as e pensionistas da CIG en defensa dun sistema público de pensións que permita ás persoas xubiladas de hoxe e ás que mañá poder vivir dignamente.

O colectivo vén mobilizándose, desde hai anos para denunciar que tras das sucesivas reformas (do PP e do PSOE), agóchase a pretensión de desmantelar o Sistema Público de Pensións, “atacando e deixando sen recursos, unha vez máis, á maioría social, mentres se intentan facernos crer que as pensións públicas non son sostíbeis e que temos que aforrar ou facer plans de pensións privados, e así, unha vez máis, que sexan os fondos financeiros e as grandes empresas que sosteñen estes plans privados, quen se benefician a costa da clase traballadora”.

Así o denunciaron en cada concentración, coa lectura dun manifesto no que alertaron da posibilidade de que, en aplicación da reforma das pensións de 2013, estas se revaloricen cunha irrisoria actualización do 0.25%, como xa pasou en anos anteriores, dada a incerteza por levarmos meses sen goberno no estado. Por iso exixiron “que as pensións se revaloricen por lei, cando menos co IPC real”.

Mais tamén demandaron a derrogación da reforma do 2013 e a de 2011, contra a que, lembraron, a CIG convocou unha folga xeral. “Porque estas dúas reformas provocaron a debilidade do sistema público e puxeron nunha situación moi difícil a miles de persoas que son ou serán pensionistas”.

Afirmaron que as pensións galegas son as segundas máis baixas do estado, xa que máis da metade das que cobran galegos e galegas son inferiores a 677 euros e unha de cada dez son menores de 415 euros ao mes. Por iso aseguraron que “só medidas de creación de emprego estábel en condicións dignas e con salarios xustos conseguirán dotar de recursos suficientes o sistema de pensións, o de agora e o de mañá”.

Pensións mínima igual ao SMI

Entre outras cuestións defenderon a supresión do Factor de sustentabilidade, porque aínda que a súa aplicación está aprazada ata 2023, é necesaria a súa desaparición. Demandaron a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (60% do salario medio) e a revalorización anual como mínimo co IPC real.

Reclamaron a xubilación ordinaria aos 65 anos e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións e que o cálculo da base reguladora se faga segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.

Tamén exixiron a supresión das bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais; a eliminación dos topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión e o traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.

Subliñaron que o Sistema Público de Pensións é unha conquista da clase traballadora a través de décadas de loita e concluírons que “é a través da loita como temos que evitar que nolas rouben. Por iso seguimos mobilizándonos. Por iso hoxe volvemos estar na rúa reclamando que as pensións públicas, as de hoxe e as de mañá, sexan dignas e se poida acceder a elas en equidade e sen obstáculos”.