Pensións dignas si, manipulacións e enganos, non

Suso Seixo -

Empezar por dicir que ben vidas sexan as masivas manifestacións que nas últimas semanas se están a dar en Galiza, e no resto do Estado, para denunciar e rexeitar a política imposta polo PP de restarlle poder adquisitivo ás pensións, pola vía de incrementalas nun 0,25%, eliminando o IPC como índice de referencia para a revisión das mesmas.

Cómpre dicir que o sindicalismo nacionalista, a CIG, leva anos denunciando, con accións na rúa, especialmente diante das oficinas do INSS nas diferentes cidades, este roubo aos pensionistas, mentres as outras centrais sindicais permanecían pasivas e os grandes medios de comunicación, agora aparentemente tan alarmados por este feito, silenciaban eses actos de denuncia e protesta.

Aparte de ser necesario por xustiza, dignidade e saúde mental, facer unha avaliación de por que aparece nestes momentos con tanta forza a problemática da pensións, así como o oportunismo e lavado de cara neste tema de certas forzas políticas e sindicais, algo que farei máis adiante neste artigo, é preciso chamar a atención e ter moi claro que a problemática das pensións públicas non podemos reducila, como pretenden algúns, a se a revisión das mesmas vai ser do 0,25% ou se se vai coller como referencia o IPC. Sen ánimo de restarlle importancia a este feito para moitas persoas pensionistas, dado a cativeza das súas pensións, a problemática das pensións (sres e sras.  de CCOO, UGT, PSOE, PP e CIUDADANOS) é moito máis fonda e vostedes sábeno ben. Estamos a falar dun problema estrutural que se debate entre manter un modelo de pensións públicas dignas, de reparto, de solidariedade interxeracional, ou camiñar cara un modelo de privatización, de capitalización, de negocio para o capital financeiro, no que só terán garantidas unhas pensións dignas aquelas persoas que teñan un salario o suficientemente alto que lles permita aforrar e meterse nun fondo privado de pensións, sempre que o mesmo non dea en quebra. Pero a grande maioría das persoas pensionistas e xubiladas terán que mal vivir cunhas pensións de miseria. En definitiva, no fondo estamos a falar de modelo de sociedade, de explotación de clase e de que haxa ou non un reparto xusto da riqueza, esa que a clase traballadora produce coa súa forza de traballo.

Pero en todo o que está a ocorrer co futuro do sistema público de pensións no Estado Español, hai culpábeis que van moito máis alá das forzas políticas identificadas tradicionalmente como de dereitas. Hai responsábeis tamén en teóricas forzas de esquerda e en determinadas forzas sindicais, por iso os citei todos xuntos, entre parénteses, no parágrafo anterior.

Hai que recordar aquí, que forzas como o PSOE, CCOO e UGT, que hoxe se presentan como grandes defensoras do sistema público e aparentemente moi contrariadas pola perda do poder adquisitivo das pensións, mesmo intentando capitalizar as mobilizacións de protesta dos e das pensionistas, son responsábeis de asinar unha reforma do sistema público de pensións, no ano 2011, xunto coa patronal española, a CEOE, que recollía, entre outras medidas, aumentar a idade de xubilación dos 65 aos 67 anos, ampliar de 15 a 25 o número de anos necesarios para calcular a base reguladora da que vai saír a contía da pensión, e na que xa introducían como novidade a aplicación do factor de sustentabilidade que vincula a contía da pensión futura a esperanza de vida que exista nese momento, revisábel en períodos de cinco anos. A aplicación deste factor de sustentabilidade, nesta reforma do 2011, contemplaba que se faría a partires de xaneiro do 2017. O único que fixo o PP foi adiantar a súa entrada en vigor a xaneiro de 2019. Estamos a falar pois de medidas aprobadas por PSOE, CCOO e UGT, orientadas a retrasar e dificultar o acceso a unha pensión pública de xubilación e a reducir a contía das mesmas. Por non falar doutras reformas anteriores, como as dos anos 1996, 2001 ou 2006, que tiñan esta mesma orientación e cos mesmos protagonistas, incluído o PP. Cómpre resaltar aquí que contra esta reforma das pensións do ano 2011 a CIG convocou, en solitario, folga xeral en Galiza e que a mesma tivo un importante apoio. 

Pero aínda hai máis, nos III Acordos Estatais de Negociación Colectiva, asinados no ano 2015 por CCOO, UGT e a CEOE, aparece un apartado referido a Previsión Social Complementaria, no que se fai unha avaliación moi positiva do sistema complementario de pensións, é dicir, do sistema privado de pensións, e comprométense a desenvolvelo a través da negociación colectiva pola vía de pactar plans de pensións privados de empresa, no que por defecto se incluiría a todos os/as traballadores/as, e que se dotarían co desvío de parte do salario. Estamos a falar, por certo, de algo que levan anos reclamando a banca e as compañías de seguros, co apoio da Dirección Xeral de Seguros, dependente do Ministerio de Economía. É dicir, o que o poder político e económico non da conseguido pola vía da redución da contía das pensións ou a través de meter medo sobre o futuro do sistema público, entre outras razóns porque se atopan coa contradición de que é moi difícil que a maioría dos traballadores e traballadoras podan aforrar parte do salario para metelo nun sistema de pensións privados mentres se fomenta un modelo de mercado laboral cada vez máis precarizado e de baixos salarios, pretenden conseguilo, coa inestimábel colaboración destas dúas centrais sindicais, pola vía de xeneralizar e forzar á xente a meterse nos plans privados de empresa, pactados na negociación colectiva. Terá algo que ver nesta posición de CCOO e UGT co feito de que, conxuntamente co BBVA, teñen montada unha empresa que se dedica á xestión de plans privados de pensións, obtendo cuantiosos beneficios neste negocio?

Pero no caso de CCOO e UGT, mesmo polos intereses de clase que din defender, o caso aínda é máis grave. Maniféstanse, verdade, moi  contrariados e “combativos” á hora de esixirlle ao goberno o coller como referencia o IPC para a revisión das pensións. Pois cómpre recordarlles que foron elas, estas dúas centrais sindicais, as primeiras en descartar o IPC e en coller o PIB como referencia para os incrementos salariais da clase traballadora, como así aparece asinado, para o ano 2014, no II Acordo Estatal de Negociación Colectiva e para o ano 2017, no III Acordo Estatal de Negociación Colectiva e, mesmo neste ano 2018, aparece tamén recollido o PIB como referente para proceder á aplicación dunha parte do incremento salarial pactado, con este mesmo goberno do PP, no Acordo Estatal na Función Pública, para os anos 2018-2020.

Visto todo isto, é moi evidente, que estamos diante dun caso de puro oportunismo político, electoralismo, lavado de cara, engano, hipocrisía, cinismo, cara dura, escollede o termo do que máis gustedes, todos e cada un deles son aplicábeis neste travestismo político e sindical.

Vaiamos agora co papel dos medios de comunicación en toda esta campaña. Non resulta sorprendente que medios de comunicación como La Voz de Galicia, Antena 3, La Sexta, Telecinco, El País, a SER,……., todos eles medios afíns ao réxime, perfectamente integrados e defensores do sistema, que non se teñen caracterizado, ningún deles, por ter criticado as sucesivas reformas que se fixeron da seguridade social nas últimas décadas en prexuízo do sistema público de pensións e da calidade e accesibilidade ás mesmas, non digamos xa o denunciar o pano de fondo e o engano que representan os sistemas privados de pensións, e mesmo que no seu momento nada dixeran sobre a fórmula escollida polo PP para proceder á revisión das pensións, aparezan agora divulgando o prexuízo que iso causa ao poder adquisitivo das pensións, a inxustiza que iso supón, e dando total cobertura aos chamamentos e ás manifestacións de protesta? Pode tratarse só dunha cuestión de oportunismo e de disputarse audiencia diante dun problema sobre o que existe moita sensibilidade social. Certo. Pero non é menos certo que este problema non é novo e a súa posición foi moi distinta, ocultamento das protestas e comprensión coas decisións do goberno do momento. Penso que detrás deste posicionamento informativo, existe unha postura moito máis política e meditada, e que ten moito que ver coa necesidade de desviar a atención pública, e o foco informativo, sobre o principal problema político que ten hoxe o Estado Español e as forzas do réxime, como é a loita pola independencia de Catalunya e a política profundamente antidemocrática e represiva seguida polo goberno e o aparello xudicial contra o pobo catalán e os seus dereitos individuais e colectivos.

En calquera caso, adiante coas mobilizacións para denunciar este roubo ás e os pensionistas, para defender un sistema público de futuro e con pensións dignas, e para darlle onde máis lle doe ao sistema, nos centros de traballo, parando a produción. O tema do que estamos a tratar é algo que afecta a grande maioría da sociedade, vellos e novos, non só as e os actuais pensionistas. Ten que ver co modelo de sociedade e require de medidas de presión contundentes. Iso si, tendo sempre moi presente o papel, a historia e a responsabilidade de cada quen nesta loita, por riba das aparencias e os oportunismos.

Suso Seixo é Presidente do Padroado da Fundación Moncho Reboiras

Volver