
Pepe Maio reelixido secretario comarcal na VIII Asemblea da CIG-Compostela

A CIG-Compostela celebrou esta mañá a súa VIII asemblea comarcal, na que foi reelixido Pepe Maio con 120 votos, 0 brancos e 0 nulos. As e os delegados asistentes analizaron o traballo desenvolvido no período que remata e puxeron a punto o sindicato na comarca de Santiago para os vindeiros catro anos.

A nova Executiva Comarcal recibiu 121 votos, 0 en branco e 0 nulos e está conformada por:
Pepe Maio Abeixón
Renato Núñez Da Silva
Lucía Freire Ces
Carme Romero Rodríguez
Manoel Severiano Pérez García
Eduardo Sebio Molguero
Mónica Rodríguez Fernández
Pablo Fragoso Dacosta
A VIII Asemblea elixiu tamén ás persoas que representarán á comarca no Consello Confederal. Unha candidatura que obtivo 118 votos, 0 brancos, 0 nulos e que está conformada por:
Pepe Maio Abeixón
Diego Boquete Sánchez
Isabel Moares Rey
Xoán García Suárez
Francisco Rey Grille
Pilar Rouco Seoane
Elisa Ares Albor

O Informe de Xestión foi referendado con 130 votos a favor, 0 en contra e 0 abstencións. O encargado de defendelo foi o secretario comarcal, Pepe Maio, en representación da Executiva saínte, que lembrou como nestes catro anos a CIG na comarca de Compostela se enfrontou a un contexto marcado polas consecuencias da pandemia, que o capital aproveitou para intensificar a explotación, a precariedade e a desindustrialización.
Unha contexto no que Maio salientou como a CIG medrou na comarca un 16,9% en afiliación, cunha afiliación feminina do 52%, e no que se mantivo como primeira forza sindical cun 27,97% da representatividade. Un período no que, ademáis a central sindical consolidou a súa total independencia económica, o que garante a súa capacidade para desenvolver o traballo sindical sen presións de ningún tipo e desde ningún dos poderes, quer económico, quer político.
Maio denunciou tamén como o capitalismo imperialista, coa Unión Europea ao servizo do capital financeiro e en submisión aos EUA e á OTAN, impuxo recortes no gasto público e nos dereitos laborais, mantidos tanto por gobernos de dereita como socialdemócratas.

Na mesma liña, salientou que no Estado español, persisten reformas laborais, das pensións e privatizacións, agravando a desigualdade, a pobreza laboral e a carestía da vida e denunciou que a reforma laboral de 2022 incrementou a flexibilidade e a precariedade, con contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, sen derrogar as reformas regresivas de 2010 e 2012.
O Informe denuncia, por iso, as políticas neoliberais impulsadas por gobernos tanto do Estado como da Xunta e a continuidade das reformas regresivas (laborais, pensións, servizos públicos), o papel submiso dos sindicatos estatais e a perda de dereitos laborais. Unha situación diante da que Maio reafirmou o modelo de loita e mobilización da CIG fronte ao pactismo e a desmobilización.
Xunto a isto salientou como en Galiza, o goberno do PP, liderado por Alfonso Rueda tras a saída de Feijóo, afonda na submisión ao capital español, promovendo a desindustrialización, o espolio de recursos e a dependencia económica. A privatización de servizos públicos, a crise demográfica e a ofensiva contra a lingua galega agravan a situación, colocando a Galiza nunha posición colonial e ameazando a súa identidade nacional.

Diálogo social desmobilizador
Denunciou, ademais o “diálogo social” como unha ferramenta para desmobilizar a clase traballadora, co sindicalismo español (CCOO e UGT) como colaborador das políticas neoliberais e fixo un exhaustivo percorrido polas múltiples mobilizacións desenvolvidas en Compostela e comarca en defensa dos dereitos laborais, contra despedimentos, a precariedade e a represión sindical, con protestas e folgas en sectores como o metal, a limpeza, a sanidade, o comercio, a hostalería e o transporte, defendendo empregos, salarios dignos e servizos públicos.
O Informe de Xestión conclúe coa necesidade de apostar por revitalizar as estruturas internas, fomentando a participación militante e asemblearia, e descentralizando a acción sindical, como tamén no reforzo da UL das Rías; por incidir na formación sindical exixindo maior implicación das federacións para concienciar ás delegadas/os e reafirmando á CIG como sindicato de clase e nacionalista, comprometido coa loita colectiva para conquistar dereitos, combater a precariedade e transformar Galiza nunha nación soberana sen explotación.

A ideoloxía, esencial para a central sindical
Anxo Noceda, en representación da Executiva Confederal, arrincou a súa intervención denunciando a censura informativa que se lle aplica de forma sistemática á CIG, mentres se sobredimensionan as convocatorias do sindicalismo españolista. Mais tamén denunciou a constante manipulación da opinión pública, por parte dos goberno e do poder mediático “para conseguir os seus obxectivos, neste caso o incremento do gasto militar para asegurar o lucro dos grandes poderes económicos, incremento do gasto militar que como sempre, imos pagar os de sempre”.
Por iso considerou imprescindible fortalecer o sindicato a todos os niveis pero, sobre todo, ideoloxicamente, porque “se a CIG é o que é”, dixo, “é porque fixo pivotar a súa análise político-sindical e a súa posición ideolóxica na Soberanía da Galiza, algúns diriamos na independencia, e no Socialismo”. Unha CIG que, advertiu, “no ideolóxico abandone a defensa da nosa soberanía, que abandone o socialismo, que abandone o noso Idioma propio, que na vez dun sindicato fose unha asesoría xurídica, nese momento deixaría de ser a CIG, para mutar en CCOO ou UGT”.

Pepe Maio: “Galiza é a nosa única patria, o galego a nosa lingua e os nosos dereitos como clase están ligados á conquista da soberanía"
Na súa intervención no acto de clausura, o recén reelixido secretario comarcal, Pepe Maio, subliñou os logros e desafíos do sindicato, reafirmando o seu compromiso cun sindicalismo nacionalista, de clase e combativo.
Maio destacou os avances da CIG na comarca salientando que “somos os primeiros en delegadas, delegados e afiliación, e quen máis mobilizamos, cun prestixio gañado na loita na rúa e tamén nos xulgados”. Porén, advertiu contra a autocomplacencia, sinalando que “temos moito feito, pero queda moitísimo por facer”. Entre as asignaturas pendentes, mencionou a necesidade de chegar á xente nova, fidelizar a afiliación, incrementar o número de militantes, dinamizar os órganos de dirección e redobrar as mobilizacións e folgas.
O secretario comarcal subliñou que a CIG non é unha simple asesoría laboral, aínda que debe ser a mellor no asesoramento, nin unha axencia negociadora de convenios, ERTES, plans de igualdade ou mesas da función pública, aínda que debe destacar nesas negociacións. “Non somos electoralistas, pero temos que consolidar e mellorar a nosa posición sen ceder nin un milímetro na nosa coherencia, na nosa práctica de combate e nos nosos principios”, afirmou, destacando que a aspiración da CIG non é só ser maioritaria, senón “hexemónica” entre a clase traballadora galega.
Maio reafirmou a identidade da CIG como un sindicato nacionalista e de clase, nacido para crear conciencia nacional e de clase que se traduza en acción reivindicativa e confronto co capital e o españolismo. “Somos nación galega. Galiza é a nosa única patria, o galego a nosa única lingua, e os nosos dereitos como galegos e galegas están ligados á conquista da nosa independencia e soberanía nacional”, declarou. Ademais, defendeu un futuro socialista, sen clases nin explotación, como alternativa ao sistema capitalista.
Contra o “sionismo criminal”
No contexto global, Maio destacou o carácter antiimperialista da CIG, expresando a súa oposición frontal aos plans da OTAN, da UE e do “sionismo criminal”, e mostrando un apoio incondicional aos pobos que resisten. “Sermos nacionalistas, anticapitalistas e antiimperialistas non é algo accidental. É a nosa esencia e de onde se desprende a nosa práctica como sindicalistas que non nos vendemos e que acreditamos na loita obreira”, enfatizou.
Pepe Maio rematou agradecendo a todas as delegadas e delegados o seu compromiso “por seguir ao pé do canón en cada centro de traballo” porque son, dixo, “a columna vertebral deste proxecto”.